Días de lobos (5 e 6 de marzo)

Dende principio de curso estamos levando a cabo un proxecto entre centros da montaña lucense arredor da figura do lobo ibérico. Este proxecto foi premiado pola Fundación Barrié para ser levado a cabo.

O proxecto abarca todos os niveis educativos de distintos xeitos.

O alumnado de Infantil reservou un recuncho para o lobo, onde recollen toda a información que atopan sobre el (en contos, en internet ...)e tamén os resultados sobre as súas pescudas: se todo o que sabían sobre el era certo, compararon as súas propias pegadas coas do cánido, asi como os seus pesos e medidas. Traballaron de xeito cooperativo na elaboración de murais.

Xunto con Primaria, escribiron a letra dunha canción e o artista Pablo Esqueira compuxo para eles a música. O resultado poderedes velo dentro de pouco na páxina web dos centros implicados (CPI de Cervantes e CPI Poeta Uxío Novoneyra).

Por outra banda, o alumnado da ESO, tanto dos dous centros anteriores, Cervantes e Folgoso do Courel, como cos de Pedrafita do Cebreiro e Navia de Suarna durante o primeiro trimestre recopilaron información sobre as causas da conflitividade entre humanos e lobos no rural. Para resolver as súas dúbidas e coñecer a opinión das partes implicadas no problema, tivo lugar unha mesa redonda na que participou: un gandeiro (José A. Díaz), un cazador (José Vilariño), un ecoloxista (Xabier V. Pumariño), un científico (José V. López Bao) e un membro da Consellería de Medio Ambiente (Antonio Callejo). Ademais de expoñer as súas opinións sobre as poboacións de lobos nas montañas orientais galegas, resolveron as dúbidas do alumnado da ESO.

Previamente, o reconocido fotógrafo Andoni Canela (autor do libro “Durmiendo con lobos”) e o científico José V. López Bao resolveron nunha xornada, en O Courel as dúbidas dos máis pequenos e maiores dos colexios.

Aínda queda traballo por realizar, porque o alumnado da ESO propondrá solucións para a convivencia entre humanos e lobos. Estas solucións reflexaranse nun cartaz que estará a disposición dos centros educativos que asi o soliciten.

José Vicente López Bao (esquerda) e Andoni Canela (dereita) durante a charla na Estación Científica do Courel da USC.

Durante a mesa redonda no CPI de Cervantes.

CPI POETA UXÍO NOVONEYRA


Feito con Drupal (ver. 6.28)

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013
- Designed by EZwpthemes Drupalized by Azri Design