O alumnado da Eso do CPI Poeta Uxío Novoneyra desfrutou a semana pasada en Lugo, dunha actividade extraescolar de interese para as materias de Tecnoloxía e Física e Química. Foi recibido pola empresa INVESTIGACIÓN Y CONTROL LUGO, S.L. (INVECO), a cal leva 37 anos prestando servizos como laboratorio de control de calidade e asistencia técnica á construción, para o que está acreditada pola Administración. Alí puideron ver as súas instalacións e equipos de ensaio das diferentes áreas, e mesmo a realización de espectaculares ensaios de resistencia sobre materiais:
- Formigón, trazabilidade e conservación das mostras na cámara húmida. Demostración do desmolde e a rotura a compresión de probetas cúbicas na prensa; extracción de mostras cilíndricas en formigón proxectado e rotura a flexotracción de mostras prismáticas de formigón.
- Solos e xeotecnia, ensaios de densidade e humidade, búnker e equipo de isótopos radioactivos para medición na obra, equipo para ensaio da capacidade portante do terreo de placa de carga. Demostración do ensaio de compactación dunha mostra de solo a humidade e densidade óptimas e de corte directo.
- Aceiro estrutural, caracterización xeométrica, orixe, e demostración do ensaio de rotura a tracción dunha mostra de aceiro corrugado con visualización da gráfica.
- Viais, mostras de aglomerados, equipos para granulometría, deslizamento, etc. Demostración do ensaio de esvaramento co péndulo sobre unha mostra de árido.
- Medio ambiente e inspección, demostración co equipo de fonte sonora e co sonómetro analizador para medición de ruído e illamento acústico; cámara termográfica para medición de o illamento térmico nas edificacións.
- Laboratorio de química, análises de calidade de augas e solos. Demostración do ensaio da plasticidade dunha mostra de solo e da súa acidez para determinación da agresividade ó formigón.