O sábado 10 de decembro celebrouse no noso centro a cerimonia de entrega do XXXV Premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Este ano a galardoada foi a poeta lucense Brenda Mondelo. Tamén recibiu o Mini Premio Eusebio Lorenzo Baleirón o noso alumno de cuarto da ESO Xian Rial. Parabéns!
Nese acto presentouse tamén unha exposición do traballo do alumnado de 2º da ESO dirixido pola profesora Ana Ledo coa colaboración dos alumnos de 3° da ESO e do profesor Xiao Somoza. Un traballo que Ana Ledo explicou así: "En xaneiro de 2022, data na que Eusebio Lorenzo Baleirón cumpriría 60 anos, comezou unha apaixonante andaina por Dodro na procura de información sobre o noso poeta. Máis alá do que nos ofrecía a Wikipedia e a rede, queriamos coñecer ao Eusebio veciño e ser humano. E qué mellor maneira de facelo que acudindo ás fontes directas que partillaron con el tempo e vivencias: VÓS. O froito das nosas pescudas ficou plasmado na exposición "EUsebio", que inauguramos na cerimonia de entrega do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón de Poesía. Nesta exposición, presentada polo alumnado voluntario de 2°ESO (grupo do que partiu o proxecto) podemos comtemplar todos os materiais atopados e todos os traballos desenvolvidos polos diferentes cursos nas áreas de Plástica, Tecnoloxía, Informática e Lingua Galega e Literatura. E agora EUsebio, xa é máis NÓS."