Saltar navegación.
Inicio

Educación Física, Física e Química, Matemáticas, Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía, Inglés, Xeografía e Historia, Francés, Lingua Galega, Lingua Castelá, Artes Plásticas, Música, Secundaria, Relixión

Invasión de robots no Feal

Taller - 29/11/2016

29/11/2016

O departamento de Tecnoloxía recibiu recentemente seis novos robots da Xunta (que se unen ao pioneiro de LEGO que fora mercado o curso anterior).

Estes días, o noso alumnado de 4º de ESO dedicarase a montalos, para despois pasar á súa programación con diversos obxectivos (poderán facelo desde un ordenador e tamén desde o seu propio teléfono móbil).

Así que estes pequenos seres tecnolóxicos comezarán pronto a explorar o planeta Feal. Coidado co que pisades polos corredores!

Pantín 2016

Surf 2016

Fai clic para ver máis fotos

16/06/2016

Esta mañá, un grupo de 4º de ESO achegouse á praia de Pantín cos profesores de Educación Física Víctor e Alberto, para iniciarse no deporte do surf. A actividade estivo un ano máis organizada por Alawa Surfcamp, e volveu ser un éxito, a pesar de que esta vez non foi un día soleado.

Cociñando co sol

Fornos solares 2016Fai clic para ver máis fotos

08/06/2016

Esta mañá, o noso alumnado de 2º de ESO B estivo cociñando ao aire libre un fantástico arroz con verduras, con biscoito e mazás asadas de sobremesa. Tamén houbo flocos de millo... e ata café, pero todo isto feito con diversos tipos de cociñas solares.

A actividade estaba organizada polo Concello de Narón, e contamos con que os monitores Samuel e Fernando volvan nuns días para traballar con 2º de ESO A. Eles forman parte dunha asociación cultural chamada Os Picos do Sol, que tamén desenvolve outras iniciativas ecoloxistas ou solidarias, como por exemplo A feira do sol.

Curtas deste curso en Educación Plástica e Visual de 4º de ESO

25/05/2016

Aquí temos os proxectos audiovisuais dos alumnos e alumnas de 4º de ESO con Educación Plástica e Visual. Este ano fixeron unha animación usando a técnica de Stop Motion, aínda que houbo quen se aventurou na animación por ordenador. Moi contenta cos resultados, felicito a todos os rapaces e rapazas polo seu esforzo e entusiasmo. A seguir así!

Sonia Álvarez

Departamento de Plástica

Nota: o primeiro dos traballos recollidos nesta recompilación (O verme viaxeiro de Alicia Santos e Joanna Vaamonde), levara o primeiro premio audiovisual en Intercentros 2016 con outra canción na banda sonora: Hello de Adele. Por problemas de copyright, YouTube silenciaba o vídeo orixinal, polo que esta canción foi substituída por Uncover de Zara Larsson... agora está bloqueado totalmente en 213 países... pero España non está entre eles Sorriso

Exhibición de Iago Lata co Theremin

13/05/2016

Como é ben sabido, o CPI do Feal está na vangarda da tecnoloxía, da música... e de todo o demais. Entre nós, contamos cun artista que vai camiño de deixar abraiado a todo o planeta a través do Theremin: o sen par Iago Lata López.

Deixamos aquí unha pequena mostra dos seus poderes máxicos, como adianto dunha serie de clases maxistrais que impartirá durante a nosa próxima semana da ciencia, en compañía do tamén virtuoso do Theremin Kevin Pazos Romero.

Nota: moitas grazas a Loopy por axustarnos o Theremin, e a Víctor Novo por poñernos en contacto con el.

Día da Ciencia na Rúa - A Coruña

Día da Ciencia na Rúa 2016

Fai clic para ver máis fotos

09/05/2016

Publicamos algunhas imaxes do pasado sábado en A Coruña: un grupo de alumn@s da ESO (acompañados por María Varela) percorreu as actividades que se organizaron xunto á Casa das Ciencias para celebrar o Día da Ciencia na Rúa. Lembramos que tamén no Feal estamos preparando actividades científicas fóra das aulas para a próxima semana.

París 2016 en fotos

29/04/2016

Publicamos un aperitivo dun minuto con fotos da recente viaxe a París de 3º e 4º de ESO. Máis adiante, publicarase unha reportaxe máis ampla con material en vídeo.

O profesorado acompañante (Montse, Nieves e Ángel) quere agradecer o fantástico comportamento d@s alumn@s durante a viaxe, e alégrase dos bos recordos que traen da experiencia.

Vigo 2016

Vigo 2016Fai clic para ampliar a foto

06/04/2016

O alumnado de 4º de ESO (acompañado por María Anca, Ángel Carrera e Montse Lorenzo), pasou o pasado 31 de marzo por terras viguesas. Pola mañá, o obxectivo era visitar a factoría de PSA Peugeot Citroën, deixando o resto da xornada para gravar parte do vídeo de despedida desta promoción do Feal.

Aínda que houbo que madrugar máis do habitual, e logo ascender a pé desde o porto ata o alto do Castro, o balance é moi positivo, e hai que agradecer a gran colaboración do alumnado.

De momento, aínda non publicamos imaxes relacionadas coa gravación do vídeo na nosa Galería, porque queremos manter un pouco de expectación ata o festival de fin de curso. Aínda quedan pendentes algunhas tomas en Narón e París...

Nota: Grazas especiais a Marcos Amado polas súas imaxes clandestinas Guiño

Teatro en francés (Théâtre en français)

Teatro en francés

03/03/2016

O alumnado de Francés de 3º e 4º ESO asistiu un ano máis ao espectáculo ofrecido pola compañía La Bohème dentro da súa xira de teatro escolar. A obra representada foi Le médecin malgré lui, unha das  comedias máis divertidas do gran dramaturgo Molière.

Dende o principio, as escenas, as cancións e os diálogos mergúllannos a bo ritmo no marabilloso mundo do teatro de Molière. Contáronnos a historia de Sganarelle, un leñador que a base de paus se verá obrigado a exercer de falso médico para curar a máis vella das enfermidades... o amor!

A nosa alumna Tania Pérez (4º A) botoulle valor e subiu ao escenario para colaborar con Ángel, Élodie e Nico, os actores da compañía, que a caracterizaron nunha improvisada Lucinde que aplaudimos a rabiar. Quen sabe se asistimos ao nacemento dunha nova estrela. Nós, por se acaso, inmortalizámola nesta imaxe para a posteridade.

Club de debate

Club de debate 2016Fai clic para ver máis fotos

21/01/2016

Un grupo formado por sete rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO vén de iniciar a súa andaina participando nunha nova edición do Club de Debate, un proxecto colaborativo promovido polos servizos de normalización lingüística de diferentes concellos galegos. O noso centro vai representar en solitario ao concello de Narón, competindo nunha primeira fase con centros de Ferrol e de Carballo. Poderemos manternos ao día do desenvolvemento desta iniciativa, a través da súa páxina de facebook.

Moitos ánimos a Israel, Lara, Gabriel, Paula, Tania, Rebeca e Estefanía!

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido