Visita a unha mámoa do Polígono Industrial de Friol

 Carlos Bello Scout

Na clase de Historia do mércores 11 de marzo o grupo de 1º da ESO achegouse andando a coñecer a mámoa denominada “Túmulo 4 do Monte das Tenzas”, situada no polígono industrial.

As mámoas, medorras ou medoñas, son enterramentos construídos entre o IV e III milenio antes da nosa era, isto é, hai entre 5.000 e 6.000 anos. Este tipo de tumbas monumentais constrúense nun momento en que se pretende vincular a poboación co territorio nun momento de expansión da agricultura. É un fenómeno común a toda Europa occidental, no que Friol destaca pola súa alta densidade de xacementos.

Unha mámoa é un túmulo de terra con forma semiesférica cuxa función é protexer a cámara funeraria, que denominamos anta ou dolmen, onde se depositaban os cadáveres. Está composta por unha morea de pedras a xeito de coiraza.