Benvida á CAIXA VIAXEIRA

Teresa Estévez

O 17 de febreiro de 2012, Manuel, o coordinador do EDLG do Ceip de Cervo, propúxonos participar nunha actividade normalizadora: A Caixa Viaxeira.

O proxecto, que agora xa é unha realidade, comezou cando distintos centros das catro provincias galegas dixemos que estabamos dispostos a participar.

En Cervo prepararon unha caixa, na que introduciron mostras representativas das actividades que traballaron ese ano relacionadas coa normalización lingüística, e enviárona por correo ou mensaxería ao seguinte centro que se anotou. Así, a Caixa Viaxeira comezou o seu percorrido pola nosa comunidade.

Esta semana chegou a Friol. Saímos a recibila, como se merece!. Trae materiais de varios colexios polos que xa pasou. Quedará con nós uns días para poder ollar o seu contido. Pensaremos que engadirlle da nosa colleita (a revista do ano pasado, unha gravación do grupo de teatro “Algo máis que pan e queixo”, etc.). Acéptanse suxestións! Logo, enviarémola ao seguinte centro, para que continúe a súa viaxe por Galicia, amosando, a quen queira ver, o labor que se realiza día a día nos centros educativos para engrandecer a nosa lingua.

Se queredes seguila no seu periplo, entrade no blog: bibliocervo.blogspot.com

Saúdos normalizadores para todos/as!

EDLG