Catorce rapaces e rapazas de 1º, 2º e 3º de ESO participaron nun obradoiro de radio que se desenvolveu no centro educativo entre o 27 de setembro e o 6 de outubro.
O proxecto de radio Somos Vedra do que o alumnado foi protagonista incluíu entre as súas actividades a realización de dúas reportaxes. Na primeira, a pé de rúa e coa cabeceira ORGULLOSOS DE VEDRA, recolleuse a opinión da veciñanza e na segunda, sobre o Río Ulla, Manuel Suárez deu a coñecer a pesca tradicional no Río Grande.
Os rapaces tamén tiveron a ocasión de elaborar diferentes cuñas publicitarias con base en elementos singulares do concello, rexistrar sons propios de Vedra, informar sobre festas e festexos que se celebran ao longo do ano, así como da axenda cultural vedresa.
A entrevista xirou arredor do proxecto Vedra medr@. Catro alumnos de 1º de ESO foron os encargados de preguntar á coordinadora do proxecto gañador do Premio Proxecto Didáctico A. Fraguas 2016-17, Xulia Marqués, sobre as liñas de actuación e programación prevista para este curso no CPI de Vedra.
O galardoado Vedra medr@ é un proxecto de valorización do patrimonio inmaterial de Vedra que ten como obxectivo prioritario dar a coñecer os nomes de lugar e as lendas da contorna.
Co proxecto preténdese que o alumnado coñeza o patrimonio que alberga o seu concello, que o recoñeza como propio e que desfrutándoo no presente cheque a comprometerse na súa defensa e conservación para o futuro.
16:53 minutes (38.67 MB)