Skip to Content

E.D.L.G.

Concurso de Postais de Nadal

Coma cada ano, xa está aquí o Concurso de Postais de Nadal.  As bases a continuación.

Animade ao voso alumnado a participar!!!

25 de novembro: Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller

Outro ano máis e por desgraza, temos que conmemorar o Día para a eliminación da violencia contra a muller.

Coma noutras ocasións, deixamos unha serie de recursos para traballar o tema en galego.

Esperamos que nun futuro non moi lonxano, non teñamos que seguir deixando recursos deste tipo, porque a violencia xa estea erradicada.

Neste enlace, podedes atopar unha UD para Infantil e Primaria.  Esta, é outra UD para Infantil.

Aquí podedes acceder a unha UD para Primaria, e aquí a outra.

Neste outro, podedes atopar unha UD para Secundaria, xunto con outra nova.

Neste, atoparedes os recursos que facilita a Deputación da Coruña.

E neste outro, podedes atopar a UD sobre a exposición que temos estes días no centro no corredor da planta baixa, entre o comedor e a saída do patio.

Dende o EDLG agardamos que sexan de proveito, e que nun futuro próximo, tal e como desexamos máis arriba, podamos prescindir deles.

Nin unha menos, nin unha máis!

Cantámola en galego

Para inaugurar este curso, e xa de paso celebrar o vindeiro día do Orgullo Neofalante, imos ter ao longo da semana que vén a exposición "Cantámola en Galego", elaborada polo Concello de Pontevedra e facilitada aos centros da mancomunidade "Ferrolterra coa lingua", para que a rapazada, e non tan rapazada, sexamos conscientes de toda a música que se fai en galego hoxe en día.

A continuación deixo o enlace para acceder á UD.

A exposición estará á nosa disposición dende o luns 26 ata o venres 30 na entrada do centro.

A gozala e a cantala!!

Todo 21 días co Galego e +

O curso pasado fomos un dos centros participantes no programa "21 días co Galego e +".

Foron días moi intensos, tanto de preparación e celebración, como de repaso e reflexión de todo o feito nese tempo.

Custou facerse con tódalas fotos das múltiples actividades levadas a cabo, pero penso que por fin, fomos quen de reunir se non todas, case todas.

Para que poidades gozar delas, aquí deixo o enlace á recompilación.

Dende o EDLG desexamos que ese + do 21 días se estenda moito no tempo e se poda converter nun para sempre.

Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán 2022 - Primavera das Letras

Coma cada ano chega maio, e con el o Día das Letras, adicado desta volta a Florencio Delgado Gurriarán.

Este curso, como non podía ser doutro xeito, elaboráronse varios materiais para poder traballar sobre o autor homenaxeado, dende distintos centros e institucións.

Deixo a continuación o enlace para que poidades acceder a eles e coñecer un pouco máis a este escritor.

Hai actividades moi interesantes para tódolos niveis, así que non deixedes de botarlles unha ollada!

A seguir loitando polas nosas Letras!

Día do libro 2022

Con motivo do día do libro, neste curso fixemos distintas actividades.  Acompañounos Sechu Sende en Secundaria e Blanca Escrigas en Infantil e Primaria.

E ademais, algunhas persoas animáronse a ser partícipes persoalmente dos libros, completando as capas co propio corpo!!

Para ver as achegas que se fixeron, pica aquí.

E a ler! Que iso abre portas, mundos e mentes!

Día da Poesía

O pasado día 21 de marzo celebrouse o Día da Poesía, e no CPI de Atios non quixemos ser menos coa celebración.

Así que montamos un vídeo que podedes ver picando aquí, con persoas pertencentes ao centro, recitando poesía de distinto tipo.  

Esperamos que vos guste!!  E que viva a poesía!

Inauguración 21 días co galego e +

Hoxe comezamos a andaina no 21 días co galego e +!!!

E hai dous vídeos de xente que nos quere dar a benvida:

O primeiro é o institucional, e podemos velo aquí.

O segundo é o do resto de centros participantes e podemos velo aquí.

Só desexarvos que teñades tanta ilusión coma o EDLG de que isto saia estupendamente, e que o pasedes súper ben durante estas semanas!

Comeza o 21!!! 

Badaladas

 

III Programa Escolar de Ferrolterra pola eliminación da violencia de xénero

Este curso e para conmemorar o 25N, sumámonos á proposta da FANPA Ferrolterra no III Programa Escolar de Ferrolterra pola eliminación da violencia de xénero.

Trátase de facer visibles as víctimas invisibles, que son tamén as fillas e fillos das mulleres que sofren o maltrato.

Se queres ver o díptico do programa e gozar dunha pequena realidade aumentada, pica aquí.  Para poder vela, hai que descargar a seguinte aplicación (é segura aínda que salte o aviso!):  https://trainnova.com/compartidos/Violeta.apk

Só é válida para Android.  Unha vez descargada, enfócase a portada do díptico e gózase da realidade aumentada.

Nin unha menos, nin unha máis!

Distribuir contido


by Dr. Radut