Desde a Residencia de Maiores de Carballo recibimos a solicitude de realizar unha fermosa actividade de cara a estas festas que acaban de rematar: que o alumnado do centro lles enviase a cada un dos seus residentes unha felicitación de Nadal.
A idea entusiasmounos, e durante a última semana antes das vacacións do Nadal o alumnado de 2º de ESO escribiulles aos maiores cartas personalizadas nas que se presentaban, se interesaban pola súa situación, lles daban ánimos nestes momentos tan complicados nas residencias e agradecían a súa resistencia e a súa valentía.
A maiores, cada rapaz e cada rapaza decorou a carta ao seu gusto, a modo de felicitación de Nadal, e todas elas foron entregadas aos seus destinatarios nun acto celebrado na residencia durante a festividade de Reis.
En canto a situación sanitaria o permita, levaremos a cabo a segunda parte da actividade: visitar a residencia para que maiores e mozos se coñezan en persoa. Oxalá poida ser axiña!
Departamento de Lingua e Literatura Galegas – Equipo de Dinamización da Lingua Galega
PREMEDE NA FOTO PARA VER O ÁLBUM CON EFECTO LIGHTBOX
Álbum: SECUNDARIA 20/21 -> FELICITACIÓNS DE NADAL PERSONALIZADAS PARA OS MAIORES DA RESIDENCIA DE CARBALLO.