O Cdan nos "Encontros coa Videodanza" da AC Alexandre Bóveda

Encontros coa VideodanzaO pasado mércores tivo lugar a primeira edición do "Encontros coa Videodanza", que organiza a Agrupación Cultural "Alexandre Bóveda" de A Coruña.

Encontros coa Videodanza nacen coa vocación de abrir unha xanela cara o xénero da videodanza onde focalizar ás persoas creadoras e os distintos traballos que se fan en Galicia, e crear pontes de intercambio entre creadores difundindo o xénero ao público xeral.

Neste primeiro Encontro, na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, contouse coa presencia de Ana Sedeño Valdellós, profesora da Universidade de Málaga, quen falou do xénero da videodanza desde os inicios da súa historia nunha conferencia titulada Videodanza como práctica videoartística: antecedentes y modalidades de interrelación danza y vídeo.

Desde o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Raquel González García, coreógrafa e directora do centro presentou "Compañeras" e as súas experiencias en materia de videodanza colaborativa e xunto a Armando Martén Caballero, coreógrafo e profesor do Conservatorio Profesional de Danza de A Coruña, e integrante da compañía Entremáns, xeraron un foro ao redor do xénero no ensino da danza, intercambiando coñecemento persoal nesa materia co resto de participantes.

Estas xornadas están dirixidas a público interesado na danza, á arte e á literatura contemporáneas nas súas diferentes facetas. Están organizadas pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a Asociación Cultural AÏS (RESIS FESTIVAL) e a Deputación da Coruña. Está comisariada por Belén Montero.