I Semana da diversidade funcional no CIFP PORTA DA AUGA

I SEMANA DA DIVERSIDADE FUNCIONAL NO CIFP PORTA DA AUGA

Ó longo desta última semana de clase, antes de comezar as merecidas vacacións de Nadal, o CIFP Porta da Auga acolleu a I Semana da Diversidade Funcional, organizada polo Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade.

O pasado luns 14 de decembro contamos coa presenza de Iago Santalla, doutor en Humanidades e Servizos Culturais e Coach educativo. Falounos da súa teoría do “ilímite”,   entendendo este como “a máxima capacidade dunha persoa, aquela que, cando a desenvolve nunca cede ao cansazo, senón o contrario, dá satisfacción, aumenta a autoconfianza e dá forzas para seguir adiante”.

O martes 15 tivemos a oportunidade de achegarnos á realidade do Trastorno Específico da Linguaxe (T.E.L.), a través dunha Charla-obradoiro impartida por Macarena Campo Lago (logopeda) e Olga Dablanca Legaspi (nai dun neno con T.E.L.), da asociación Capaces Lugo.

O mércores 16 contamos coa inestimable visita dos/as profesionais e usuarios/as da Fundación “Eu Son”, creada para velar polo benestar das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias. Puidemos disfrutar dun pequeno concerto da man do seu grupo de música.

De entre as numerosas actividades que se programaron nesta semana adicada á diversidade, podemos destacar tamén os obradoiros creativos ó redor da diversidade desenvolvidos polo alumnado da familia profesional.