CFGM Atención a Persoas en situación de dependencia

CICLO MEDIO EN ATENCIÓN A PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA

 ATENCIÓN E APOIO PSICOSOCIAL

A atención que require unha persoa en situación de dependencia non é unicamente física, senón que contén unha gran compoñente psicosocial.

Esta visión integral require que se teñan en conta os distintos aspectos da persoa en situación de dependencia, abandonando a perspectiva unicamente asistencial e contribuíndo ao mantemento e desenvolvemento das súas capacidades. Para isto, deberemos coñecer diversas técnicas e estratexias e desenvolver habilidades adaptadas á situación de cada persoa.

Teremos que informarnos sobre o espazo e os materiais dispoñibles, sobres as estratexias de apoio psicosocial e sobre a resolución de variadas xestións habituais.

Co obxectivo de facilitar a comunicación, a convivencia e a relación social con e entre persoas en situación de dependencia, teremos que coñecer tamén de que  recursos e servizos de apoio social e ocupacional se dispoñen para atender as necesidades que xurdan.

 

 

APOIO DOMICILIARIO

A importancia deste módulo do Ciclo de Atención a Persoas en Situación de dependencia, radica en que é parte esencial da competencia xeral do ciclo formativo: ”atender as persoas en situación de dependencia, no ámbito domiciliario e institucional, co fin de manter e mellorar a súa calidade de vida realizando actividades asistenciais, psicosociais e de apoio a xestión doméstica, aplicando medidas e normas de prevención e derivádoas a outros servizos cando sexa necesario”. Entón, intentaremos aprender como organizar unha casa e a sistematizar e educar o usuario, para buscar a autonomía dentro do seu domicilio.

 

CARACTERÍSTICAS E NECESIDADES DAS PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA.

Neste ciclo, o obxecto da nosa aprendizaxe son as persoas. Pode parecer algo obvio, pero dende o primeiro momento intentaremos transmitirche o importante que é coñecer as persoas e as súas circunstancias. No módulo Características e necesidades das persoas en situación de dependencia, traballaremos para coñecer a fondo os colectivos que están ou poden estar en situación de dependencia: persoas maiores, persoas con discapacidade, persoas con enfermidades xeradoras de dependencia, persoas con enfermidade mental… porque canto máis saibamos sobre a xente coa que imos  traballar coma profesionais nun futuro, máis preparados estaremos para entender as súas necesidades e así poder poñer o que estea na nosa man co fin de preservar ou mellorar a súa calidade de vida.

 

DESTREZAS SOCIAIS

Cada persoa é un mundo. Somos seres irrepetibles, cada un/unha co noso temperamento, co noso carácter e, con todo o dereito… coas nosas virtudes e defectos. Pero cando o noso labor está centrado nas  persoas, hai certas cousas que temos que traballar, independentemente de que ás veces, nolo pida o corpo ou non. Parácheste a pensar no importante que é para nós o feito de que os demais nos saiban escoitar, ou que alguén se preocupe de poñerse no noso lugar para entender un problema?  Simplemente pensa no que pode significar para ti o pequeno xesto de que alguén che sorría cando o necesitas. Neste módulo falaremos da intelixencia emocional, da  importancia da comunicación entre as persoas, do traballo en equipo, de como xestionar os conflitos e, por suposto, da empatía… Todo resulta máis doado para todos e todas se potenciamos as nosas capacidades comunicativas e entendemos a necesidade de aprender a poñernos no lugar dos demais.

 

ORGANIZACIÓN DA ATENCIÓN ÁS PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA

Cantas veces oirías falar do Estado do benestar nos medios de comunicación?Un dos piares deste estado pasa pola obriga de que o noso país oferte unha rede que garanta a atención ás persoas en situación de dependencia. Neste módulo comezaremos a traballar precisamente isto. Analizaremos o proceso de valoración da dependencia, os recursos dispoñibles e a tipoloxía de centros que podemos atopar en función das características e circunstancias das persoas usuarias. Coñeceremos a organización interna dos centros residenciais e analizaremos cales son as túas competencias no ámbito de traballo, ademais dos perfís profesionais que conformarán o resto do teu equipo interdisciplinar. Valoraremos tamén a importancia da supresión das barreiras na procura da accesibilidade universal e coñeceremos os diferentes tipos de apoio á disposición dos usuarios en situación de dependencia co fin de promover ao máximo a súa autonomía persoal. 

 

MÓDULO APOIO Á COMUNICACIÓN

Todos os días, dende que nos erguemos ata que nos deitamos, o único que non deixamos de facer é comunicarnos; a través das palabras, dunha mirada, dun sorriso... estamos continuamente transmitindo e recibindo mensaxes sobre nós e as demais persoas.

 Malia ser un eixo fundamental das nosas accións, normalmente non somos moi conscientes da importancia da comunicación na sociedade. Se experimentásemos, por exemplo,  a sensación de non poder ver ou escoitar ó longo de todo un día, bateriamos bruscamente contra as chamadas “barreiras de comunicación” e dariámonos conta da importancia de contarmos con medios e persoas que poidan rachar con eses muros e facer accesibles todos os ámbitos da sociedade.

 Para que a sociedade sexa realmente accesible, é preciso en primeiro lugar, recoñecer a diversidade e darse conta de que as persoas, segundo as súas características, comunícanse de forma diferente: as persoas xordas empregan a linguaxe de signos, as persoas cegas empregan o sistema braille e a audiodescrición... Coñecendo esta diversidade e dándollle o mesmo valor ás distintas formas de comunicación, xa estamos no primeiro paso para acadar a integración real de todos os colectivos na sociedade.

 

 

TELEASISTENCIA

Imaxina o teu día a día sen o teléfono móbil, o ordenador ou internet. Pois as novas tecnoloxías da información e da comunicación tamén forman parte da atención ás persoas en situación de dependencia. Vocábulos como teleasistencia móbil, pulsador remoto, xeolocalización, detector de caídas, GPS, detector de presenza,... forman parte do léxico específico do módulo.

Aprenderás, entre outras cousas, como os avances tecnolóxicos axudan a vivir ás persoas maiores ou con algún tipo de dependencia e ás súas familias e coidadores.

Neste módulo aprenderás a xestionar as ferramentas, técnicas e habilidades para o servizo de teleasistencia, a tramitación das chamadas de teleasistencia, a utilización dos protocolos para a mobilización de recursos, a xestión de situacións de crise na teleasistencia, así como facilitar a prestación do servizo manexando as habilidades de traballo en equipo.

 

ATENCIÓN SANITARIA

No ciclo que estás a consultar, observarás a importancia da atención integral cando falamos da atención ás persoas: trátase do que hoxe en día coñecemos como modelo de intervención biopsicosocial. Así, neste módulo en particular, abordaremos as necesidades das persoas coas que podemos traballar a partir da vertente sanitaria. No exercicio da súa profesión, o Profesional Técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia deberá coñecer a anatomía e fisioloxía dos diferentes sistemas do corpo humano xunto coas principais patoloxías asociadas, así como as diferentes técnicas de mobilización, traslado e deambulación. Aprenderás tamén coñecementos relativos á administración de alimentos, apoio á inxestión e, de xeito global, todo canto se refire ás características das actividades de asistencia sanitaria asociadas ao teu ámbito de intervención.

 

ATENCIÓN HIXIÉNICA

Pouco esforzo temos que facer para lembrar as pautas que, “dende o principio dos tempos”, nos inculcaron na casa en relación aos hábitos de hixiene, así que imaxina por un momento o importante que pode resultar este aspecto no contexto da atención a persoas en situación de dependencia. No módulo Atención Hixiénica coñeceremos as diferentes técnicas de aseo e hixiene corporal, analizaremos a importancia do coidado da pel, estudaremos o tratamento e prevención das úlceras por presión e o proceso de recollida de mostras biolóxicas e eliminacións. Tamén nos ocuparemos das condicións ambientais ideais e, consecuentemente, da prevención e control de infeccións, da esterilización, da realización de camas ocupadas e desocupadas… en definitiva, de todo o relacionado coa  aplicación de actividades de hixiene da contorna.

 

 

PRIMEIROS AUXILIOS

Protexer, alertar, socorrer… Sóache? Todos deberíamos coñecer unhas pautas básicas de primeiros auxilios, así que pensa no importante que é o asunto cando traballamos directamente coas persoas. Ante unha situación de emerxencia, a nosa intervención no período de tempo  previo á asistencia sanitaria, pode ser determinante, polo que entenderás que resulte imprescindible que nos formemos ao respecto. Neste módulo, centraremos a aprendizaxe a partir de catro aspectos fundamentais: a valoración inicial da asistencia nunha urxencia, a aplicación de técnicas de soporte vital básico, os procedementos de mobilización e inmobilización da persoa accidentada e o coñecemento de técnicas de apoio psicolóxico e de autocontrol.