CFGS Educación Infantil

MÓDULOS DO CICLO FORMATIVO DE GRAO SUPERIOR EN EDUCACIÓN INFANTIL

AUTONOMÍA PERSOAL E SAÚDE INFANTIL

Este módulo proporciona os coñecementos necesarios sobre o proceso de adquisición de autonomía para que o alumnado poida desenvolvelo na práctica profesional. Deste xeito, estará en condicións de poder axudar o neno ou nena no seu proceso de construción persoal, favorecer a interacción co medio, traballar a adquisición de hábitos que contribúan á súa autoafirmación e desenvolvemento de forma sa e saudable, así como a adquirir cada vez maior independencia das persoas adultas; nunha palabra, ter autonomía.

  

DESENVOLVEMENTO COGNITIVO E MOTOR

Neste módulo analízanse os aspectos que inflúen na aprendizaxe e no desenvolvemento nos primeiros anos de vida da persoa. Grazas a isto, o alumnado obterá, por un lado, as ferramentas suficientes para planificar, implementar e avaliar estratexias e, por outro lado, actividades e recursos para a intervención nos ámbitos sensorial, cognitivo, motor e psicomotriz, dende os 0 aos 6 anos.

 

DESENVOLVEMENTO SOCIOAFECTIVO

O módulo ten por obxectivo que o alumnado entenda a necesidade da educación emocional das crianzas. Entre outros contidos, trabállase a análise da afectividade infantil, especialmente a vinculación do apego e a planificación do período de adaptación. Ademais, estúdase o proceso de socialización na infancia, o conflito, o desenvolvemento moral, a sexualidade, os trastornos de conduta máis frecuentes, a planificación da intervención no ámbito socioafectivo e a avaliación da intervención.

DIDÁCTICA DA EDUCACIÓN INFANTIL

O módulo de didáctica da educación infantil está deseñado para traballar diferentes aspectos que lle dan soporte ao traballo coa infancia en calquera contexto formal (até os 3 anos) e non formal (até os 6 anos). Nel trabállanse contidos de normativa de protección da infancia, lexislación educativa, o propio perfil do e da profesional, os antecedentes históricos da educación, as achegas e principios metodolóxicos máis relevantes da psicoloxía aos procesos de aprendizaxe e a planificación educativa e a súa avaliación.

 

 

 

 

EXPRESIÓN E COMUNICACIÓN

O neno e a nena teñen cen linguaxes, cen mans, cen pensamentos, cen maneiras de sentir, de xogar e de falar, cen sempre, cen maneiras de escoitar, de sorprenderse, de amar, cen alegrías para cantar e entender, cen mundos que descubrir, cen mundos que inventar, cen mundos que soñar... (As cen linguaxes do neno. Loris Malaguzzi)

Cando falamos de Expresión e Comunicación, referímonos, por unha banda, ao proceso de comunicación humana e as distintas formas de expresión (rítmico-musical, lóxico-matemática, plástico-icónica, linguaxe oral, literatura infantil, xestual e corporal -todo isto na etapa de 0 a 6 anos) e, por outra banda, tamén nos referimos aos proxectos de intervención que favorecen o seu desenvolvemento comunicativo e expresivo. Unha viaxe suxestiva e, esperemos, que proveitosa.

 

HABILIDADES SOCIAIS

O obxectivo deste módulo é que o alumnado coñeza habilidades sociais para desenvolver a profesión de educador ou educadora infantil e poder interactuar axeitadamente con outras persoas. Este é un módulo moi procedemental no que se traballan contidos de resposta actitudinal en diferentes situacións de intervención, execución e avaliación profesional. Entre outros aspectos, nel trabállanse o desempeño de roles, a xestión de conflitos e a dinámica de grupos, así como a avaliación da competencia profesional.

 

INTERVENCIÓN CON FAMILIAS E ATENCIÓN A MENORES EN RISCO SOCIAL

Este módulo céntrase na familia como institución social na que vive o neno ou nena e está proposto para que os e as futuras profesionais da educación infantil coñezan as distintas situacións nas que se poden atopar as crianzas. Entre outros aspectos, no módulo estúdanse contidos relativos á normativa aplicable, medidas legais para a protección da infancia, os organimos relacionados con ela, os recursos de intervención e protección, a planificación da intervención, os programas máis relevantes, a institución familiar, o maltrato infantil, os servizos sociais e a avaliación da intervención socioeducativa con menores e con familias.

 

O XOGO E A SÚA METODOLOXÍA

Nunha primeira ollada, para todos nós, xogar é entreterse, divertirse e, en definitiva, evadirse da realidade por un momento. Pero dende outro punto de vista, o xogo é o tesouro que gardamos dende nenos e nenas, é a ferramenta que utilizamos dende que nacemos para coñecermos o mundo que nos rodea. Desta forma, xogar é tamén explorar, tocar, recoñecer, investigar, descubrir os propios límites e superalos...

Algunhas teorías defenden que todo facer humano non é máis que xogar, incluso chegada á idade adulta, onde todos e todas, segundo a situación que vivamos, somos capaces de asumir un determinado rol, de adaptarnos á realidade e, o mellor de todo, de transformala.

Neste sentido, podemos chegar á conclusión de que o xogo é algo moi serio, unha peza clave no desenvolvemento integral do neno e nena e, por extensión, da sociedade. A través do xogo, chegamos a aprendizaxes naturais, gañamos confianza, potenciamos os talentos, dámoslle valor ó colectivo, á creatividade e á cooperación; aprendemos a aprender, a facer e a ser.

 

PRIMEIROS AUXILIOS

Protexer, alertar, socorrer… Sóache? Todos deberíamos coñecer unhas pautas básicas de primeiros auxilios, así que pensa no importante que é cando traballamos directamente coas persoas. A nosa intervención ante unha situación de emerxencia antes de que chegue a asistencia sanitaria pode ser determinante para salvar unha vida, polo que entenderás que resulte imprescindible que nos formemos ao respecto. Neste módulo, centraremos a aprendizaxe a partir de catro aspectos fundamentais: a valoración inicial da asistencia nunha urxencia, a aplicación de técnicas de soporte vital básico, os procedementos de mobilización e inmobilización da persoa accidentada e o coñecemento de técnicas de apoio psicolóxico e de autocontrol.

 

FORMACIÓN E ORIENTACIÓN LABORAL

 Preme aquí  

EMPRESA E INICIATIVA EMPRENDEDORA

 Preme aquí