Servizos socioculturais e á comunidade

Visita ao Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA)

O alumnado de 1º curso do ciclo formativo de grao superior en Educación Infantil visitou, na mañá do día 23 de abril, o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Santiago de Compostela. Nel fixeron un percorrido polas diferentes seccións, deténdose naqueles aspectos máis relacionados coa primeira infancia, en particular co relacionado co xogo e xoguete e outros da didáctica da educación infantil. Na xornada da tarde o alumnado tamén visitou o proxecto educativo de iniativa privada Semente, tamén situado na cidade de Santiago de Compostela e que está artellado arredor do traballo na natureza, por proxectos e da lingua.

 

Visita a escolas infantís da Rede de Escolas A Galiña Azul

O 14 de abril o alumnado de 1º e 2º curso do Ciclo Superior de Educación Infantil viaxou á localidade coruñesa de Culleredo para coñecer dúas escolas infantís pertencentes á Rede de Escolas A Galiña Azul (Fonte da Balsa e O Burgo). Entre outras cuestións, o alumando observou os espazos e a metodoloxía que desenvolven. Pola tarde, coñeceu o Centro Sociocultural Ágora, na cidade da Coruña e que pertence á Rede municipal. En concreto, realizou unha visita guiada á biblioteca que alberga, deténdose na sección infantil, na que realizan actividades de achegamento das crianzas e familias ao proceso lector.

Charla-obradoiro de ilustración

O pasado 26 de marzo o alumnado do Ciclo Superior de Educación Infantil recibiu a visita de Xosé Cobas, recoñecido ilustrador, deseñador e pintor galego de literatura infantil e xuvenil, e con grandes premios ás súas costas.

O autor impartiu un obradoiro de ilustración dirixido ao alumnado de primeiro e segundo curso do ciclo, onde explicou a importancia de ter en conta o imaxinario infantil á hora de ilustrar un álbum ou conto, e mostrou ao alumnado de forma práctica os símbolos e referencias visuais dos que el se nutre para realizar as súas ilustracións e deseños.

A actividade foi moi enriquecedora xa que os participantes achegáronse ao mundo da pintura, o deseño e a ilustración e recoñeceron a importancia da educación artística e estética no ámbito da Educación Infantil.

Distribuir contido