ORIENTACIÓNS para o 3º trimestre - ENQUISA para as familias

Estimadas familias:
Este venres 17 de abril foron publicadas unhas orientacións para o desenvolvemento do 3º trimestre
deste curso 2019/20. Destas orientacións, hai que ter en conta que son provisionais e que se refiren a tódalas ensinanzas,
dende a Educación Infantil ata a ESO e FP. No noso caso, para a Educación Primaria, destacamos
os seguintes aspectos:

– Os centros educativos deberán recoller información sobre os medios tecnolóxicos dos
que dispón cada familia durante o confinamento, para o que dende o noso colexio
elaboramos unha pequena enquisa que precisamos que cubrades e enviedes ao correo do
colexio cep.xesus.ferro@edu.xunta.es

(Para enviar a enquisa podedes descargala e cubrila a ordenador, ou simplemente
contestar ás preguntas nun correo electrónico, o importante é que nos chegue a
información sobre as vosas dificultades ou necesidades).

            (descargar ENQUISA pdf)      (descargar ENQUISA editable)

o curso rematará o 19 de xuño como estaba previsto, e se a evolución da pandemia do
Coronavirus o permite, intentarase realizar unha volta ás aulas a finais de curso para
permitir un contacto presencial entre profesorado e alumnado, favorecendo unha situación
de “volta á normalidade” e posibilitando unha despedida de curso.

– Durante o 3º trimestre desenvolveranse actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no
seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores. (Isto non impide traballar contidos do 3º
trimestre, sempre que poidan ser considerados como tarefas de ampliación de materia
traballada anteriormente. Os contidos que sexan “novos” deberán ser abordados ao longo do
1º trimestre do curso que vén, por medio dos plans de reforzo que se establecerán).

A avaliación de 3º trimestre só terá un carácter “diagnóstico”, o que quere dicir que
servirá para detectar as dificultades que deberán ser atendidas ao longo do seguinte curso,
pero a avaliación deberá procurar favorecer sempre ao alumnado e nunca penalizar o
traballo realizado durante o confinamento. Polo tanto farase unha avaliación continua
que teña en conta o traballado no 1º e 2º trimestre, e o 3º trimestre será valorado como
informativo para o deseño de plans de reforzo para o vindeiro curso.

Unha vez que recibamos a información a través das enquisas, poderemos valorar algunhas
modificacións nas tarefas que o profesorado vos estamos enviando ás casas, procurando, en base a
esta información, non provocar desigualdades entre o alumnado. De momento, e dado que a maioría
do alumnado conta co material escolar nas casas, poderemos continuar na mesma liña na que vimos
traballando ata agora, facendo envíos das propostas de actividades a través da web do centro e coa
axuda da ANPA, difundindo estes comunicados a través dos teléfonos móbiles.

É importante que sigades empregando os e-mails para contactar co profesorado sempre que o
necesitedes, tanto para pedir axuda, explicacións, ou para enviar unha mostra das actividades
realizadas cando sexa oportuno. Lembrade que non son tarefas propiamente avaliables, senón que
servirán para analizar o tipo de axuda que debe recibir o alumnado cando a situación se
normalice e as clases volvan a ser presenciais.

Un saúdo, grazas.
A dirección.

Powered by Drupal - Design by artinet