Recursos para o Día das Letras Galegas 2023
O SEMINARIO GALÁN pon a disposición dos centros escolares o material das Letras Galegas 2023, con actividades didácticas para o alumnado de infantil e primaria.
Na páxina web do Seminario Galán atopamos actividades interactivas, en formato genial.ly, sobre o autor homenaxeado este ano, Francisco Fernández del Riego, así como actividades en PDF, carteis da exposición e cuestionario, díptico, marcapáxinas, biografía, escolma de textos, fotos e actividades para infantil en lingua de signos, video da biografía, cronoloxía, marcapáxinas, libro de lapelas, comecocos...
Este ano como novidade achegamos actividades de robótica con taboleiros, fichas, solucionario..., unha actividade dirixida ao alumnado de primaria e para realizar en equipo ou individualmente.
A REAL ACADEMIA GALEGA dedícalle a Francisco Fernández del Riego a páxina web para o público infantil Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), onde pode descargarse As cousas de don Paco, unha biografía en forma de obra teatral, para ler e representar dentro e fóra das aulas. A escritora Eva Mejuto recorre á fantasía e ao humor para presentar a figura do intelectual e do tempo que lle tocou vivir nunha fermosa e divertida proposta ilustrada por Lucía Cobo.
Primavera das Letras ofrece tamén outros recursos lúdicos e didácticos. A sección Xoga connosco conta con fichas para colorear e actividades interactivas e, un ano máis, convocarase o concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras.
Na mesma páxina web está dispoñible a curtametraxe de ficción A orixe da nosa lingua guapa, un filme baseado nunha idea orixinal da académica Fina Casalderrey para lles explicar aos cativos e cativas como se foi formando o galego ao longo da historia.
Enviar un comentario novo