Responder ó comentario
Digalego.
Enviado por Miguel o Lun, 11/01/2016 - 21:14Nace Digalego, o máis completo dicionario de galego en Internet.
Realizado pola editorial Ir Indo, consta de 65.000 entradas e equivalencias en inglés, alemán ou chinés. Por GCiencia | 11/01/2016 18:24.
Un novo dicionario dixital máis actualizado e con máis de 65.000 entradas. Así é Digalego, realizado pola editorial ‘Ir Indo’ e que a Xunta vén de poñer a disposición de toda a cidadanía, con acceso gratuíto. Trátase dunha das obras máis completas e actualizadas do mercado lexicográfico galego. A iniciativa é posible grazas ao acordo acadado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a editorial Ir Indo, para unha obra que levou 20 anos de traballo e investigación e que agora pasa a propiedade da Administración autonómica. O acceso está xa dispoñible no enlace digalego.xunta.gal, así como a través do Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.
O conselleiro, Román Rodríguez, a directora da Amtega, Mar Pereira, e o editor de Ir Indo, Bieito Ledo; presentaron o proxecto, que pretende ser unha ferramenta para os colectivos que a necesiten para o desenvolvemento do seu labor profesional, facilitando o uso correcto do galego na súa actividade diaria a empresas e sectores produtivos. “É dicir favorecemos a presenza do galego no tecido empresarial e profesional–dixo-, tal e como estamos comprometidos a facelo a través do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico”, dixo o conselleiro.
O dicionario inclúe un ‘repertorio de formas incorrectas’ con voces non admitidas en galego.
Como segundo obxectivo da publicación en aberto do Digalego, está a proxección exterior do galego e a súa difusión internacional. Neste sentido, e dado que o dicionario ofrece equivalencias en portugués, castelán, inglés, francés, italiano, chinés e alemán, facilítase que os falantes de todas esas linguas poidan aprender galego a través dun recurso gratuíto ao que se accede desde calquera punto do mundo a través da internet.
Cabe salientar que, con máis de 65.000 entradas, o Digalego segue as regras ortográficas e morfolóxicas acordadas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega en xullo de 2003, e toma como base léxica o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa).
Respecto das súas utilidades cómpre destacar que desenvolve todos os verbos coa súa conxugación, ademais de considerar como entradas todas as formas verbais, e que recolle tamén (baixo o epígrafe “Repertorio de formas incorrectas”) unha serie de voces non admitidas en galego (castelanismos, estranxeirismos, vulgarismos, hiperenxebrismos etc.), que remiten á súa forma correcta. Tamén destaca o feito de que se poden buscar palabras partindo de entradas en portugués, castelán, inglés, alemán, francés e italiano e que mostra equivalencias neses mesmo idiomas ademais de en chinés.