O CEP Sequelo participa na LIGA LEGO Jr de Galicia
O sábado día 17 de Febreiro participamos na Liga LEGO Junior de Galicia, celebrada no Auditorio de Ferrol.
Quen formou o noso equipo?
O noso equipo estaba formado por catro nenos e o adestrador. Eran Darío e Noel de 4º curso e Xoel e Breixo de 3º curso.
Cal foi o tema da investigación?
Nesta edición o tema a traballar era o ciclo da auga e investigar como mellorar para reducir o consumo humano da auga.
Que utilización da auga escollemos?
Escollemos o uso da auga para APAGAR INCENDIOS, porque cando comezamos no mes de outubro uns incendios coma nunca se vira arrasaron Galicia.
En que consistía o traballo?
Tiñamos que elixir un uso da auga, buscar información, elaborar unha maqueta con pezas LEGO para explicar a nosa solución ao problema e expoñelo cun mural informativo diante dun xurado científico. A maqueta debía conteñer unha parte robotizada, ou motorizada, con programación propia.
Como foi o proceso do noso traballo?
1. Construímos unha bomba de auga que nos deron coa inscripción na Liga.
2. Buscamos información sobre de onde vén a auga que consumimos en Marín. Descubrimos que chega do río Lerez e do encoro de Pontillón do Castro. Buscamos información en internet, fixemos unha excursión ata o nacemento do río Lérez na Serra do Candán, visitamos o encoro de Pontillón, entrevistamos a operarios de Viaqua, etc.
. Así soubemos que a auga que consumimos en Marín provén do río Lerez, que nace na serra do Candán e desemboca na ría de Pontevedra. O río Lerez abastece tamén os concellos de Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Bueu, cun total de máis de 150 mil habitantes. O consumo medio diario de auga é duns 30.000 metros cúbicos.
3. Discutimos as ideas para deseñar a maqueta.
4. Construímos a primeira maqueta con plastilina.
5. Construímos a maqueta definitiva.
6. Elaboramos o mural explicativo do noso proxecto.
Que tiña a nosa maqueta?
Pois na nosa maqueta tiñamos representado unha montaña, un río, un encoro, un bosque con cabana de gardabosques, e varios equipos de extinción de incendios, como un helicóptero, un camión de bombeiros, dous hidroavións e un super todoterreo con canón lanzador de auga xiratorio de 360 graos. O noso todoterreo estaba motorizado e tiña un programa para que avanzase superando todos os obstáculos que atopase.
Como foi a presentación do noso traballo en Ferrol?
Chegamos ao Auditorio sobre as 9:00 da mañá. Os organizadores ensináronnos as instalacións e o lugar onde expoñer os traballos de todos os equipos junior, que eramos un total de dez de toda Galicia. Alí expuxemos o noso traballo durante toda a mañá.
Cando chegou o noso turno fomos á sala de exposicións, onde durante uns cinco minutos e diante do xurado científico explicamos o noso proxecto e a nosa maqueta. Ao rematar fixéronnos unhas preguntas e listo.
E os premios?
Si, todos gañamos premios, unha medalla para cada membro e un diploma. No noso diploma concedéronnos o premio á mellor construción anovadora.
Felicitacións a organización!
A organización foi perfecta. Había máis de 70 voluntarios e un mago que presentaba os actos, animaba e facía trucos de maxia. Neste torneo tamén participaron 14 equipos dos maiores (de 10 anos en diante) que tiñan que facer robots e competir para ver que robot funcionaba mellor.
Pola tarde, visita ao campus industrial da Universidade de Ferrol
Estivo xenial! Puidemos visitar instalacións como:
- O túnel do vento
- O robot de raios láser
- O canal xerador de ondas de auga
- O laboratorio de robótica
- O laboratorio de automoción
- e un montón de experimentos científicos...
Fotos da visita ao Campus Industrial de Ferrol
Páxina de Facebook da organización!
Enviar un comentario novo