Responder ó comentario
ROMANCE DA LAVANDEIRA DA NOITE (SAMAÍN)
Enviado por josean o Lun, 14/10/2013 - 22:56Comezamos a traballar o Samaín cunha recomendación moi especial, un dos romances mais antiguos e singulares da nosa tradición oral, baseado na persoaxe fantástica das lavandeiras da noite. As lavandeiras da noite son uns seres míticos, os pantasmas de mulleres condenadas a lavar eternamente sabas manchadas de sangue, polo asesinato dos seus fillos pequenos.
No ano 1904, o escritor e investigador pontevedrés Vítor Said Armesto (1871-1914), o primeiro catedrático de lingua e literatura galego-portuguesa, enfrascado na recolleita de romances populares ao longo e largo do país, escoitou de Lucía Domínguez, unha mendiga cerdedense de 68 anos, un inédito cantar :
Era unha noite de lúa,
era unha noite clara;
eu pasaba polo río
de volta da muiñada.
Topei unha lavandeira
que lavaba ao par da auga;
ela lavaba no río
e unha cantiga cantaba:
–Moza que vés do muíño,
moza que vas pola estrada,
axúdame a retorcer
a miña saba lavada.
–Santa María te axude
e san Lourenzo te valla!;
desparece a lavandeira
como fumeira espallada.
Onde as sabas tendera,
poza de sangue deixaba;
era unha noite de lúa,
era unha noite clara.