blogue dexose

Liga Lego Junior 2019-2020 (10)

Na última sesión deste proxecto fixemos un ensaio da exposición diante dos nosos compañeiros/as de 4º curso. Quedamos contentos e esperamos facelo aínda mellor en Ferrol.

Ver a imaxe

Liga Lego Junior 2019-2020 (9)

A novena sesión dedicámolo a montar o noso mural para a exposición, escribimos títulos, coloreamos, recortamos e pegamos na cartulina.

Na segunda parte ensaiamos a exposición. Aínda temos que mellorar!

Para a vindeira e última sesión volveremos ensaiar a presentación e daremos os últimos retoques á nosa maqueta.

Liga Lego Junior 2019-2020 (8)

Na 8ª sesión continuamos mellorando a maqueta do noso edificio, un centro deportivo, e tamén o ascensor con motor e programación. Iniciamos o deseño do noso mural e fixemos a primeira proba de presentación diante do público.

Na vindeira sesión temos que concluír a maqueta do edificio, rematar o mural e ensaiar de novo a presentación. A ver se damos feito!

Engadimos dúas imaxes cos nosos deseños:

Liga Lego Junior 2019-2020 (7)

Na 7ª sesión iniciamos a construción definitiva do noso proxecto de centro deportivo. A metade do equipo traballou na construción do edificio e a outra metade na programación do guindastre para utilizalo como ascensor.

Na vindeira sesión intentaremos rematar a construción e comezar co mural para a presentación. Lembrade traer a vosa presentación con foto nun folio e rematar o deseño cun debuxo do centro deportivo.

Programa Refórza-T

Neste curso 2019-2020 participamos no contrato-programa dirixido á mellora do rendemento académico do alumnado con dificultades de aprendizaxe, de 3º a 6º de primaria, financiado polo Fondo Social Europeo (FSE).

Grazas a esta iniciativa temos á nosa disposición unha profesora de apoio, que ofrece atención ao alumnado seleccionado para o programa, ata un total de 17 alumnos e alumnas de 3º a 6º de primaria, fóra do horario lectivo, catro horas á semana, distribuídas en dúas sesións polas tardes.

 

Liga Lego Junior 2019-2020 (6)

Despois das vacacións de Nadal continuamos coa 6º sesión. Hoxe traballamos en grupos para  consensuar as características que terá o noso edificio, e acordamos que:

- Será un centro deportivo

- Queremos que sexa respectuoso co medio ambiente: con placas solares ou muíño de vento para obter enerxía e con sistema de reciclaxe de auga

- Será accesible: terá portas automáticas

- Será útil e divertido: con piscina e patio de xogos

Tamén votamos polos nosos valores preferidos e gañou o de Divertirnos.

Na segunda parte da sesión cada neno e nena debuxou nun folio o seu propio deseño do edificio. Houbo propostas moi creativas como darlle forma de bota de fútbol, ou de pelota.

Para a vindeira sesión, onde comezaremos a construír o edificio, traeremos da casa unha mellora do deseño do edificio, que inclúa os elementos acordados. Ademais, cada neno/a traerá a súa presentación nun folio, cunha foto e algunha información sobre idade, curso ou afeccións preferidas, para pegalas no mural.

Liga Lego Junior 2019-2020 (5)

Na quinta sesión investigamos como construír un edificio respectuoso co medio ambiente. Propuxemos que:

- Debe utilizar enerxías limpas e renovables, con paneis solares ou muíños de vento,

- É bo que teña un xardín na terraza, ou mesmo nas paredes se puidese ser,

- Podería ter un sistema de reciclaxe da auga e tamén de reciclaxe dos residuos, etc.

Un equipo utilizou o WeDo para construír un muíño de vento, e despois programalo con distintas velocidades.

Outro equipo construíu unha maqueta do edificio achegando as ideas para facelo respectuoso co medio ambiente.

Na vindeira sesión teremos que deseñar o edificio que será xa definitivo e comezar a construílo. Comezaremos tamén a confeccionar o mural para compartir a nosa aprendizaxe.

Liga Lego Junior 2019-2020 (4)

Na cuarta sesión investigamos qué facer para construír un edificio máis accesible. Así vimos que é importante:

- Construír rampas ademais de escaleiras, para os coches de bebés ou as persoas que utilizan cadeira de rodas,

- Colocar ascensores se o edificio ten varios andares,

- Construír espazos e corredores anchos sen obstáculos, etc.

O equipo de Iria transformou o guindastre en montacargas, que é como un ascensor pero que permite transportar grandes pesos, e tamén seguiron construíndo posibles maquetas para o edificio definitivo.

O equipo de Mateo construíu unha máquina con vaivén con WeDo, coa pretensión de poder convertila nun sistema automático de abrir e pechar portas. De momento aínda temos que perfeccionalo.

Na vindeira sesión veremos como facer o noso edificio respectuoso co medio ambiente.

Liga Lego Junior 2019-2020 (3)

Na sesión de hoxe, o grupo de Iria rematou a construción do guindastre e colocáronlle un motor de WeDo e a programación para poder subir e baixar materiais aos andares do edificio.

Mentres, o grupo de Mateo construíu un edificio coas pezas Lego, intentando aplicar as ideas que tiñamos pensado. A verdade é que no primeiro intento aínda queda moito por mellorar. Finalmente comprobamos que o guindastre funcionaba correctamente.

Na seguinte sesión veremos como facer o edificio accesible, é dicir, con rampa na entrada, portas automáticas, etc., veremos o que se nos ocurre!

Liga Lego Junior 2019-2020 (2)

O luns 18 de novembro tivemos a segunda sesión do grupo. Fixemos a posta en común sobre os debuxos que trouxemos da casa con ideas para o noso edificio: incluían ascensores, piscinas, placas solares, etc.

A seguir dividímonos en dous subgrupos, o de Iria e o de Mateo. O grupo de Iria montou un guindastre seguindo os libros de montaxe de Lego.

O grupo de Mateo utilizou os WeDo 2.0 para construír o robot espía con alarma integrada para detectar movementos. Gravaron os seus propios sons e voces de alarma para introducila na programación e ben que se riron!

O próximo día construíremos o primeiro proxecto do edificio coas pezas Lego e programaremos o guindastre para que poida subir materiais aos andares para a construción. Ah, e non nos esquezamos de seguir pensando en ideas!

Liga Lego Junior 2019-2020 (1)

O pasado luns día 11 comezamos a andaina deste curso da LIGA LEGO JUNIOR. Somos un equipo de 8 nenos e nenas, de 7 a 9 anos: Raúl, Iria, Ramiro, Noa, Mateo, Iván, Miguel e Breixo. Na primeira sesión estivemos presentándonos, falando dos nosos gustos e afeccións, e xa tomamos contacto coas pezas de Lego que utilizaremos no proxecto.

Temos por diante a tarefa de construír un edificio moderno que cumpra as condicións de ser sólido e estable, que facilite a accesibilidade, funcional, que respecte o medio ambiente, que teña eficiencia enerxética,... e que sexa elegante e nos apeteza vivir nel.

Así que agora toca comezar a traballar. Xa fomos pensando en ideas para o noso edificio: que teña piscina, que teña xardín, con placas solares para obter enerxía, garaxe... e moitas máis que iremos pensando.

Esta semana teremos que buscar información na casa, cos nosos pais, sobre edificios que sexan famosos e que nos sirvan de inspiración para construír o noso. E teremos que debuxar nun folio o primeiro deseño do noso edificio. Ánimo!

Cogumelos no CEP Sequelo

 Onte tivemos a oportunidade de coñecer os cogumelos, pois estamos no tempo deles. Regaláronnos unha cesta chea e coa axuda do profe Xosé aprendimos a clasificalos, é dicir, a poñerlle un nome e un apelido a cada un deles.

Sabemos que hai cogumelos de moi diversas formas e tamaños, sabores, olores... e que uns son moi bos comestibles e outros tan velenosos que podes morrer se os comes.

Na cesta tiñamos exemplares de Amanita muscaria, Amanita rubescens, Chantarellus cibarius, Boletus Edulis, Licoperdon (Peidos de lobo), Hidnum repandum, Russulas, Lactarius e Laccarias.

 Para clasificalos seguimos o seguinte guión, comezando por 5 grandes grupos:

A. AGARICAIS: teñen láminas ou pregues debaixo do sombreiro.

B. PORADOS: Teñen unha capa de poros, coma unha esponxa, debaixo do sombreiro. Coñécense como Boletus, como por exemplo o Boletus Edulis, que o podemos atopar nos bosques de carballos ou castiñeiros.

C. HIDNADOS: Teñen aguillóns ou púas debaixo do sombreiro. Un moi frecuente e comestible é o Hydnum Repandum, tamén o atopamos nos bosques limpos.

D. CLAVARIÁCEOS: Teñen forma de columna ou pequena árbore. Destaca a Sparassis Crispa. Atópase moito nos pés dos piñeiros secos.

E. GASTEROMICETES: Son como un globo ou unha bola pechada e no seu interior teñen pó. Por exemplo temos o Lycoperdom perlatum, que é comestible de novo. Atópase nos prados de herba.

Na seguinte imaxe podemos ver a forma típica dun cogumelo do grupo AGARICAIS, que son os máis abondosos e presentan láminas ou pregues debaixo do sombreiro: (Imaxe recollida en https://medium.com/bioblog-esem/fungos-no-estrogonofe-5d85d1d5f3da)

Os AGARICAIS divídense nos seguintes xéneros:

1. CANTHARELLUS: Teñen pregues ou láminas pouco destacadas. O máis coñecido é o Cantharellus cibarius, excelente comestible. Atopámolo nos bosques de caducifolias.

2. LEPIOTAS: Teñen láminas e laminiñas de cor branco, separadas do pé, con anel móbil. A Macrolepiota procera é a máis grande de todos os cogumelos, e moi boa comestible. Atopámolas ao pé dos camiños, nas veigas e debaixo das viñas.

3. AMANITAS: Teñen láminas e laminiñas de cor branco ou marelo, con anel fixo (non se move) e con volva rodeando o bulbo do pé. A Amanita muscaria é de cor vermello no sombreiro e pintas brancas, a Amanita phalloides é de cor verde oliva e mortal de necesidade. Atópanse nos bosques de caducifolias.

4. LACTARIUS: Teñen láminas e laminiñas de cor branco ou marelo, sen anel, carne non fibrosa (graúda), láminas que deitan látex ao cortalas. O máis famoso é o Lactarius Deliciosus, de cor laranxa, tamén chamado níscalo. Atópanse na beira de camiños no monte.

5. RUSSULA: Teñen láminas e laminiñas de cor branco ou marelo, sen anel, carne non fibrosa (graúda), láminas que NON deitan látex ao cortalas. Estes cogumelos teñen de particular que algúns deles pican coma os pementos de Padrón. Atópanse nos bosques.

6. AGARICUS: Son os champiñóns. Teñen láminas e laminiñas de cor rosado cando son novos e ata negro cando son vellos, pé sen volva, con anel dobre. Podémolos atopar nos prados, no medio da herba. Un moi frecuente é o Agaricus Campestri.

7. LACCARIA: Teñen láminas e laminiñas libres (non pegadas ao pé) e bastante anchas, non son brancas nin marelas nin rosadas (soen ser laranxas ou azuis, como a Laccaria Amethystina, coa mesma cor que todo o cogumelo). Soen ser de tamaño pequeno. Atópanse nos bosques.

E aínda hai algúns máis... que deixaremos para outra ocasión.

Liga Lego 2019-2020: Listos para comezar

Xa nos chegou o material para traballar nesta nova edición! Listos para comezar!

Astronomía no CEP Sequelo

O mércores 9 de outubro os alumnos e alumnas de 5º B e as súas familias quedamos para ver o ceo nocturno cun telescopio. O bo tempo acompañounos e a actividade foi un éxito total.

A seguir recollemos as impresións dos nosos alumnos/as:

“O que aprendín con Xosé nestas semanas foi o que é un átomo, o que é a materia e o que é a masa.  Tamén nos ensinou as constelacións;  a osa maior, a osa menor, a estrela polar, o Big Bang... Aprendín que as constelacións do zodíaco estaban iluminadas polo sol cando cada un de nos naceu; que había tipos de estrelas distintas e que eran máis potentes que o sol e que a galaxia máis achegada a nosa, a Vía Láctea, era a de Andrómeda.

Logo e por último explicounos o rápido que ía a luz e díxonos que ía, se non me equivoco, a 300.00 Km/h, moi, pero que moi rápido”

 Carla Vilela Fernández

“Estes días con Xosé foron moi emocionantes. Ensinounos moitas cousas sobre o espazo, os planetas, os satélites, as estrelas... Impresionoume que soubese tanto.

O que máis me impresionou é cando Xosé dixo que a Nave Espacial Internacional medía 100 m. de longo e 30 m. de ancho.  Vimos ademais un vídeo dun astronauta dentro da nave e que xogaba coa auga.  Foi impresionante!!  Se lle daba moi forte estoupaba en 1.000 burbullas!!”

Laura Arribas López

“O mércores 9 de Outubro fomos a unha sesión de astronomía e entre os planetas que vimos estaba Saturno que polo telescopio se vía pequeno, pero inda así se vían os aneis.  Xúpiter tamén se miraba pequeno, pero con todas as súas lúas.  Na nosa Lúa os cráteres e os mares eran moi bonitos e rechamantes.  Inda que foi difícil de atopar miramos as tres.  Grazas a isto dimos o primeiro tema de Ciencias Sociais.

Acabamos esgotados, pero pagou a pena porque o pasamos moi ben e aprendemos moito”

Candela Bermúdez Santiago

“O mércores fomos a un monte á Pardavila facer unha visita de Astronomía co telescopio de Xosé, o orientador.  Foi ás 20:00 da tarde. Eramos moitos rapaces para só un telescopio polo que tivemos que facer quendas. 

Pola noite non había moitas nubes, xa que tiña que verse o ceo para poder ver os planetas e as constelacións.  Xosé enfocaba a lúa e os planetas (Xúpiter e Saturno) e nos mirabamos despois.  Gustoume moito porque nunca vira por un telescopio”

Roi Rodiño Fraguas

“Ás 20:30 todos estabamos impacientes por ver a Estación Espacial Internacional.  Estabamos alucinando pola velocidade á que ía e a moita xente non lle deu tempo a vela, porque como dixen, pasaba a unha velocidade rapidísima.

Collemos logo un papel que Xosé nos mandou traer e todos xuntos localizamos  a Osa Maior, a Osa Menor, Casiopea, a Estrela Polar, etc..”

Rubén Argibay Pidre

“Encantaríame ir outra vez.  Despois de ver Saturno e os seus aneis, estiven xogando cos meus amigos; e, de súpeto, mirei unha estrela fugaz.  Pedinlle un desexo.  Paseino moi ben!!”

Martín Barreiro Touza

“O 9 de Outubro de 2019 fomos ver as estrelas a Pardavila;  tamén vimos os planetas co telescopio.  O mellor foi ver a I.S.S., é dicir, International Space Station.  Mentres non viña estivemos no parquiño que había.  Logo de velo todo, xogamos ao pilla zombie.  Ao final, marchamos para a casa”

Roberto Armada Aneiros

A seguir un resumo do que vimos:

A ESTACIÓN ESPACIAL INTERNACIONAL

Xusto ás 20:30 horas vimos o paso da Estación Espacial Internacional (ISS en inglés), que cruzou o ceo de Oeste a Este en algo máis de 3 minutos e cun brillo superior ao de calquera estrela. A ISS, que ten o tamaño dun campo de fútbol, está habitada por astronautas que fan experimentos en condicións de microgravidade, e xa leva 20 anos funcionando, dando voltas á Terra sen parar, sempre á mesma distancia, uns 400 Km, e a unha velocidade de 7,7 Km cada segundo. Se viaxase máis lenta estrelaríase contra a Terra, e se viaxase máis rápido marcharíase para o espazo.

Canal NASA LIVE STREAM  Imaxes servidas en directo desde a ISS

Pasos visibles da ISS  Nesta web podemos escribir o lugar onde estamos situados e obtemos a información exacta do momento e lugar no que será visible a ISS.

Un día na estación espacial  Vídeo no que vemos como viven os astronautas na estación e como teñen que facer para convivir coa falta de gravidade.

AS CONSTELACIÓNS

As constelacións son grupos de estrelas ás que os antigos gregos (3000 anos antes de Xesucristo) lles deron nomes e formas particulares, gravando no ceo o libro dos seus deuses e a súa mitoloxía. Comezamos buscando a Osa Maior, que ten forma de cazo ou de carro. A partir dela descubrimos a Estrela Polar, que está xusto enriba do pólo norte da Terra, e polo tanto está sempre fixa no ceo no mesmo lugar, e todas as demais estrelas desprázanse pola noite arredor dela segundo vai xirando a Terra. A estrela polar está na constelación da Osa Menor. Prolongando a Osa Maior e a Osa Menor chegamos a Casiopea, con forma de W.

Xusto enriba das nosas cabezas atopamos tres estrelas moi brillantes: Vega, Deneb e Altair, que forman o coñecido Triángulo do Verán, porque son moi visibles durante o verán, pero despois no inverno xa non están no ceo. Estas estrelas están situadas respectivamente nas constelacións de Lira, Cisne e Águia, na dirección do centro da nosa galaxia, a Vía Láctea.

Xa na dirección Sur atópanse as doce constelacións do zodíaco: Saxitario, Escorpión, Capricornio, Aries, Libra, Acuario, etc. pero non as puidemos ver debido ao exceso de luz. Chámanse así porque cada mes o Sol vaise desprazando por diante de cada unha delas, ata completar cada ano un ciclo.

Podemos ampliar información nestes enlaces:

As doce constelacións máis fáciles de ver

Como identificar constelacións no ceo nocturno

Mapa celeste do verán

 

A LÚA

A marabillosa Lúa atopábase na fase a medio camiño entre cuarto crecente e lúa chea. Puidemos vela a uns 135 aumentos no telescopio. Quedamos sorprendidos pola nitidez dos detalles dos seus cráteres e mares, con nomes tan suxestivos como: O mar da tranquilidade, o mar da serenidade, o mar da fecundidade, a bahía do amor, o lago dos soños, etc. A lúa atópase a unha distancia de 385.000 Kms e a luz tarda en chegar ata a Terra un tempo de 1,3 segundos. Por certo, sabes cal é a velocidade da luz?

Mapa da Lúa, con nomes de cráteres e mares, na web AstroyCiencia.

A Lúa explicada para nenos/as (Happy Learning)

 

XÚPITER

 É o máis grande dos planetas do noso sistema solar. Polo telescopio puidémolo ver coma un disco redondo, atravesado por dúas bandas de cor laranxa ou marrón claro, e que tiña ao lado 4 puntos de luz, que eran 4 das súas lúas. Xúpiter é tan grande que dentro del collerían ata mil planetas Terra.

Xúpiter explicado para nenos

SATURNO

De Saturno sorpréndennos os seus aneis, que rodean ao disco central. Sempre emociona velo polo telescopio.

 

Ademais do que vimos, tamén falamos de:

O SISTEMA SOLAR

O sistema solar fórmano o Sol e os oito planetas que xiran arredor del, cos seus respectivos satélites: Mercurio, Venus, a Terra, Marte, Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno. A estrela Sol navega polo espazo a unha velocidade considerable dentro da galaxia Vía Láctea. Os planetas xiran arredor del, abrazados pola forza da gravidade, pero compensada pola súa velocidade de traslación, que evita que acaben estrelados contra o Sol.

Vídeo do movemento do Sol e os planetas

Vídeo que compara o tamaño dos astros: os planetas, as estrelas, as galaxias...

 

O BIG BANG

A teoría do Big-Bang explica como naceu o Universo e como evolucionou ata hoxe. Ao principio só existía enerxía, que estaba concentrada nun punto minúsculo a unha temperatura e densidade case infinitas. Nun determinado momento esa enerxía expandiuse de xeito vertixinoso e formáronse as partículas máis pequenas: quarks, electróns, neutrinos... A partir de aí e só tres minutos máis tarde formáronse os protóns, que foi o xeito en que unha parte da enerxía comezou a transformarse en materia. Tiveron que pasar 300.000 anos para que os protóns captasen electróns e formasen os primeiros átomos de Hidróxeno, que son os máis sinxelos, pois só teñen un protón e un electrón. Nese momento tamén naceu a luz, pois agora os fotóns podían atravesar os átomos.

Unha vez que xa tiñamos suficiente cantidade de materia (masa) comezou a operar a forza da gravidade, e os átomos foron xuntándonse en enormes nubes de pó, que acabarían dando lugar ás primeiras estrelas e ás galaxias. Ao fin as galaxias quedaron separadas unhas das outras por enormes distancias, e hoxe en día son como pequenas illas perdidas na inmensidade do Universo.

Recreación do Big-Bang e a historia do Universo

 

A LEI DA GRAVIDADE

Podemos resumilo dicindo que a materia atrae a materia, ou o que é o mesmo, que a masa atrae a masa ou que aos átomos gústalles estar xuntos. Canto máis grande é un astro (planeta, estrela, etc.) máis átomos e máis masa (cantidade de materia) posúe e en consecuencia ten máis gravidade e atrae con maior forza a outros astros próximos. Esta é a razón da existencia dos sistemas planetarios, pero tamén das galaxias. (E tamén de que nós teñamos sempre os pes na terra e non saiamos disparados cabeza abaixo dereito á inmensidade do espazo).

A gravidade no planeta Terra ten un valor de 9,8 metros por segundo cada segundo. Quere dicir que se soltamos un obxecto a 9,8 metros de altura tarda exactamente un segundo en chegar ao chan. Se o soltamos a 20 metros tarda menos de 2 segundos, pois o obxecto acelérase e cada segundo colle máis velocidade.

Unha persoa que no planeta Terra pesa 36 kg, na Lúa só pesa 6 Kg. Sabes a que se debe?

Todo o que un neno/a debe saber sobre a gravidade.

 

A VELOCIDADE DA LUZ

Os fotóns son as partículas que transportan todas as formas de radiación electromagnética, como os raios gamma, os raios X, a luz ultravioleta, a luz visible, a luz infravermella, as microondas e as ondas de radio. O fotón ten masa cero e viaxa no espazo baleiro cunha velocidade constante de 300.000 Kms cada segundo, e non existe nada no Universo que poida viaxar máis rápido.

A velocidade da luz tamén nos axuda a imaxinar e comprender mellor as distancias. Imaxinemos que podemos construír unha nave espacial que viaxe á velocidade da luz. Iríamos á máxima velocidade posible e sería o medio de transporte máis rápido que poida existir. Pois van unhas cantas preguntas:

Sabes canto tardaríamos en chegar á Lúa?

E canto tardaríamos en chegar ao Sol?

E canto á estrela máis cercana ao Sol?

E canto á galaxia de Andrómeda, que é a que está máis cerca da Vía Láctea?

 

EVOLUCIÓN DAS ESTRELAS

 As estrelas nacen, evolucionan e morren. Son de diferentes tamaños e teñen cores diferentes. Os tamaños oscilan entre unha enana branca, moi pequena, e unha superxigante vermella, que é extraordinariamente grande. A cor pode ser azul, branca, amarela, laranxa ou vermella, dependendo da temperatura da súa superficie, que oscila entre os 30.000 graos centígrados das máis azuis, pasando polos 10.000 graos das brancas, os 5 ou 6 mil graos das amarelas (o Sol) ou os 3000 graos das vermellas.

As estrelas tamén evolucionan dependendo da masa que teñen, é dicir, da cantidade de átomos ou materia que conseguiron xuntar ao formarse. Se teñen pouca masa acabarán convertidas en enanas brancas, e se teñen moita masa acabarán estoupando en supernovas e poden morrer convertidas en estrelas de neutróns ou incluso en buracos negros, tan pequenos e con tanta masa e polo tanto tanta gravidade que non deixarán escapar nin un raio de luz e se tragarán todo astro que se achegue a eles.

Na web de AstroAfición atopamos 4 artigos que explican a evolución das estrelas:

Un vídeo que explica todo o proceso de orixe e evolución das estrelas

 

OS ÁTOMOS

 Os primeiros átomos formáronse uns 300.000 anos despois do Big-Bang, cando os protóns existentes captaron os electróns. O átomo máis sinxelo é o de Hidróxeno, formado por un protón e un electrón. O protón constitúe o seu núcleo e alberga a masa, mentres que o electrón xira arredor del a unha distancia media de cen mil veces o diámetro do núcleo, en resultas do cal a maior parte do espazo está baleiro. En certa maneira é como un sistema solar en miniatura, co protón como se fose o Sol e o electrón un planeta.

O Hidróxeno é o elemento máis abundante no Universo e o principal combustible das estrelas. A partir da fusión do Hidróxeno no corazón das estrelas, a unha temperatura de millóns de graos centígrados, fórmase o Helio, e do Helio o Litio, e así sucesivamente o Berilio, o Boro, o Carbono, o Nitróxeno, o Osíxeno, ou o Ferro. Finalmente, cando toupa unha supernova tamén se desintegra o seu núcleo de ferro e de aí resultan  os demais átomos. Grazas á existencia deses átomos existen os seres vivos no noso planeta.

Cada átomo está formado por protóns e electróns en mesmo número, pero dependendo de como varía ese número atopamos diferentes átomos ou elementos químicos. Así, o Hidróxeno ten un protón e un electrón, o Helio dous, o Carbono seis, o Nitróxeno sete, o Osíxeno oito, etc. (lémbranos outra vez a imaxe dun sistema planetario, pero que tivese tantas estrelas no centro como planetas xirando arredor delas). O tamaño dos átomos tamén varía, o Hidróxeno é o máis pequeno, da orde de 10 elevado a menos 10 metros (1 Amstrong). Os átomos de Carbono, Nitróxeno e Osíxeno, dobran practicamente o tamaño do átomo de Hidróxeno, e son os elementos dos que está formado máis do 95% do corpo humano. O átomo de Cesio é o máis grande coñecido, e é unhas dez veces maior que o Hidróxeno.

Toda a materia que existe está formada por átomos, que se van combinando entre si como se de notas musicais se tratase. Da mesma maneira que coas notas musicais construímos infinidade de melodías, cos diversos átomos (un cento en total) constrúese toda a realidade que existe. Os átomos primeiro xúntanse en moléculas, e despois estas xúntanse entre si ata formar calquera substancia. Podemos imaxinar unha analoxía coa construción dun edificio, que está formado por ladrillos, e estes feitos de barro; da mesma maneira calquera substancia material tamén está formada por ladrillos (moléculas) feitos de barro (átomos). Por exemplo, se se xuntan dous átomos de Hidróxeno e un de Osíxeno obtense unha molécula de auga; ao xuntarse moitas moléculas de auga forman a auga tal e como a coñecemos.

Nun gramo de Hidróxeno hai aproximadamente 6,024 x10 elevado a 23 átomos (600.000 trillóns de átomos). Saberías dicir cantos átomos hai no Universo?

Todos os tipos de átomos que existen ordénanse na táboa periódica dos elementos.

Benvida ao Site do proxecto O Porto de Marín

 Durante este curso 2019-2020 levaremos adiante o Proxecto Documental Integrado "Chegamos a bo porto", con propostas de actividades que lle axudarán ao noso alumnado a coñecer o Porto de Marín. A tal efecto elaboramos un Site (web) onde se recollerán esas propostas e toda a información relativa ao Porto de Marín, accesible pinchando na imaxe.

Bolsas e axudas para alumnado con NEAE 2019-2020

O Ministerio de Educación convoca Axudas e subsidios para alumnado con necesidade específica de apoio educativo derivada de discapacidade ou trastorno grave da conduta.

O prazo para solicitar a bolsa remata o día 26 de setembro (xoves). A solicitude hai que cubrila no enderezo web do Ministerio de Educación:

http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/general/05/050140/ficha/050140-2019.html

Onde presentala?

  • Solicitantes con certificado recoñecido de firma electrónica: a través do rexistro telemático deste Ministerio, adxuntando un escaneado dos certificados correspondentes.
  • Solicitantes sen certificado recoñecido de firma electrónica: imprimirán o modelo de solicitude e presentarano, unha vez firmado por todos os membros da unidade familiar que deban facelo, no centro educativo.

II Competición de Programación e Robótica: CEP Sequelo, CEIP Carballal e IES Mestre Landín

O mércores día 5 de xuño celebrouse no CEIP Carballal a II Competición de Robótica, na que participaron alumnos e alumnas do CEP Sequelo, do CEIP Carballal e do IES Mestre Landín, os tres centros de Marín que participan no proxecto de Robótica que puxo en marcha a Consellería de Educación o curso pasado.

Tiveron lugar varias probas de competición:

1. Percorrido de dous itinerarios cheos de atrancos, un chamado lúa e outro marte;

2. Un combate de sumo con un mbot por cada centro;

3. Unha competición de segueliñas.

E tamén unha exhibición de robots construídos con kits de LEGO por un grupo de alumnos/as do CEP Sequelo (Paula, Pablo, Darío e Breixo).

Volvimos cunha bonita camiseta, agasallo da organización.

Podemos ver todas as fotos pinchando na seguinte imaxe.

Khan Academy, aprende matemáticas ao teu ritmo

Distribuir contido

PDI 2024-2025: Galicia polo mundo

PLAMBE

Radio na Biblio

Froita na escola

Xadrez


Proxecto "Colexio do Benquerer"

PDI 2023-2024

PDI 2022-2023

"Protexo o meu planeta! Protéxome eu!"  PDI "Protexo o meu planeta! Protéxome eu!" 

PDI 2021-2022: Os inventos

Camiño Portugués

Camiño Portugués

Blog Aprendo Programando 2016/2017

Pais/Nais

Eventos

« Novembro 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930

Iniciar sesión

Faite socio!

Pincha enriba do Xabarín para aceder á súa páxina

Portas Abertas Virtuais

  Visita guiada ao noso colexio

Punto Laranxa contra o acoso escolar

INFANTIL: Brincando no Sequelo

Visita o Blogue de Infantil cunha enchente de actividades

A mascota Tuxiña

Pincha na mascota da Biblioteca e acede ao Blog externo

Radio Sequelo

O Sequelo na prensa

Liga Fútbol Sala

1) Clasificación. *

2) Xornadas. *

3) Equipos. *

4) Noticias. *

* Fai clic enriba de cada categoría e abrirache unha nova fiestra.