A gastronomía do Nadal de Marín: a torta de rixóns
Imos empezar pegandolle un saboroso bocado a este Nadal que comeza cun dos pratos mais típicos da gastronomía do Nadal en Marín: a torta de Rixóns. Para outro día deixaremos as mazás asadas que por ter o costume de servirse o día de Noiteboa en viño tinto con azucre non podemos divulgar neste sitio
Ingredientes para 6 persoas:
• Tres cuartos de quilo de fariña
• Dúas culleres de azucre
• Un ovo
• Unha fecha de aceite quente
• Rixóns
• Uvas pasas, piñóns, noces e outros froitos secos
• Canela en pó
• Anís
• Lévedo
• Unhas areas de sal
Modo de preparación
Para que quede ben traballada a masa é mellor prescindir de recipientes e mesturar os ingredientes directamente sobre a mesa, coas mans. Hai que arremangarse, como se fai coas empanadas, e empoirar con fariña a superficie sobre a que traballamos para evitar que o pastel se pegue.
Bótase sobre a fariña unha pouca auga quente, o aceite tamén morno -fúndese todo mellor- o lévedo, unhas areas de sal, as culleres de azucre e amásase ben. Engádeselle o ovo, os froitos secos dos que se dispoña, os rixóns ben picadiños, un bo chorro de anís e vólvese a traballar o amoado, que para esa xa debería ter consistencia. Déixase repousar unhas horas.
Cun rodete de madeira estírase a masa e ponse nun molde cadrado, previamente untado con margarina ou aceite. Régase por riba con máis anís, engádese canela bastante, azucre e métese no forno. Tarda un cuarto de hora en facerse e a codia do exterior debería quedar torradiña, que case trisque.
Seica, disque que no noso pobo o anis e a canela eran artigo de luxo, e evitabanse.
Dou fé que en Marín inda hai xente que ten o costume de preparalo por Noiteboa, atrevedevos¡
Enviar un comentario novo