Historia

BREVE HISTORIA DO NOSO COLEXIO

 

1. Nos primeiros anos da década dos 70, cos 8 cursos da EXB plenamente implantados, a oferta pública de prazas no concello de O Porriño limitábase á antiga Escola Graduada, no centro do pobo, é ao Colexio Público Nº 1, en Torneiros.

 

2. A imperiosa necesidade de construír un novo colexio de EXB nalgunha zona do casco urbano, contou coa fundamental aportación dos terreos para facelo realidade de D. José Fernández López. Sen dúbida este empresario merecería aquí un extenso capítulo que puidese recoller ata que punto as súas iniciativas constituíron bazas decisivas para que o noso concello chegase a ser o que hoxe é; pero aquí limitarémonos a deixar constancia do noso agradecemento, que comezou polo feito de darlle o seu nome ao colexio.

 

3. O colexio constrúese seguindo un plano no que figuran elementos como comedor escolar, coa súa correspondente cociña, ou capela; pero ningún deses elementos chegaría nunca a prestar tales servizos.

 

4. No curso 1976-77 comeza a súa andaina o Colexio Público de EGB “José Fernández López”, hoxe co seu nome galeguizado a Colexio de Educación Infantil e Primaria “Xosé Fernández López”.

 

5. Neste primeiro curso o colexio empeza a funcionar con 16 unidades de EXB; e ocupa a dirección do mesmo Dona Avelina Lorenzo Rey.

 

6. A constante solicitude de prazas de matrícula fixo que o colexio quedase pequeno en moi pouco tempo e que se optase como primeira e urxente solución a de ocupar aulas no veciño Instituto de Bacharelato; no que naqueles momentos sobraban moitas aulas para a demanda que tiña.

 

7. Esta situación foi en aumento entrando na década dos 80, ata chegar a utilizar 12 aulas, pero as necesidades do Instituto tamén foron aumentando, polo que foi necesario pensar en solucións doutra índole.

 

8. No curso 1982-83 comeza a funcionar o Colexio Público de Budiño, colexio que se crea con 8 unidades de EXB e que libera ao noso colexio de todo o alumnado desta parroquia; e no curso 1986-87 comeza a funcionar o Colexio Público de Atios, este con 16 unidades de EXB; e nova disminución do noso alumnado.

 

9. No curso 1991-92 o que se clausurará é a Escola Graduada, pasando o seu profesorado e alumnado a integrarse no noso centro que, previamente, afrontara unha ampliación de catro aulas na primeira planta e unha máis na planta baixa no curso.

 

10. Ao longo deste tempo o colexio xa fora ofertando prazas de Educación Infantil (nalgún momento unha das mesmas ocupou o local previsto para a cociña que, como xa se dixo, nunca funcionara como tal, pero que aínda dispoñía da súa campá extractora); e a principios dos 80 construíuse o edificio anexo para este tramo educativo no patio do centro.

 

11. No curso 1998-99, coa ESO xa implantada, o alumnado de 7º e 8º de EXB incorpórase ao Instituto como alumnado de 1º e 2º da ESO, respectivamente.

 

 

 

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer