Skip to Content

Novas

A Xunta recoñece o compromiso de oito centros coa innovación educativa nos premios Innovagal

A Xunta de Galicia vén de recoñecer o traballo de oito centros educativos cos premios terceira edición dos premios Innovagal, que avalan o compromiso dos colexios e institutos coas boas prácticas en innovación educativa. O obxectivo é impulsar o desenvolvemento deste tipo de iniciativas e crear unha rede de colaboración entre os centros que fomenten a formación continua do profesorado. Así mesmo, búscase promover o papel da comunidade educativa e da innovación neste eido como motor de transformación social.

Os centros galardoados na categoría A, correspondente a Infantil, Primaria, Educación especial e aos colexios rurais agrupados son, co primeiro premio, o CRA Mestre Manuel Garcés (Tomiño), co segundo o colexio CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo) e co terceiro premio o colexio CEIP Virxe da Barca (Muxía). O CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo) recibe o accésit.

Na categoría B, correspondente a centros públicos integrados, institutos e centros públicos de educación e promoción de adultos, o primeiro premio é para o instituto IES de Ponte Caldelas (Ponte Caldelas), o segundo para o CPI Poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel) e o terceiro para o IES Praia Barraña (Boiro). O accésit recae no centro de educación e promoción de adultos do centro penitenciario da Lama, en Pontevedra.

CRA Mestre Manuel Garcés

A proposta do colexio rural agrupado Mestre Manuel Garcés, de Tomiño, céntrase na súa transformación a través da creación dunha escola aberta á comunidade, inclusiva e participativa, onde todos teñen cabida. A metodoloxía focalízase no alumnado, para que a súa aprendizaxe sexa activa e dinámica, desenvolva a súa autonomía, a súa intelixencia emocional, e potencie a comunicación asertiva ao mesmo tempo que se respectan os ritmos e tempos propios da infancia.

Para acadar estes obxectivos restrutúranse os tempos e os espazos, utilizando un método propio que recolle e adapta formas de traballar das metodoloxías Montessori, de Reggio Emilia, Waldorf e outras.

CEIP Ponte dos Brozos

O colexio CEIP Ponte do Brozos (Arteixo) leva anos desenvolvendo un proxecto propio, Arteixo-Innovación, que ten como piar fundamental a formación docente para aplicar as tecnoloxías en novos procesos de ensino-aprendizaxe de maneira reflexionada e creativa. Partindo desta base, créase unha contorna significativa de aprendizaxe a través de proxectos que xiran en torno ás novas tecnoloxías.

Deste xeito, a través da Intelixencia Artificial, a Realidade Aumentada e Virtual, a gamificación e a programación promóvese a adquisición de competencias por parte do alumnado e a integración das distintas áreas do currículo na súa aprendizaxe.

CEIP Virxe da Barca

O proxecto do colexio CEIP Virxe da Barca (Muxía) toma o centro como unha microsociedade transformadora na que todo o alumnado se ten que sentir incluído. Para conseguilo, reformulan a forma de traballar rompendo a inercia de aplicar metodoloxías mais tradicionais para iniciarse nunha metodoloxía activa e dinámica. Este cambio fomenta a autonomía e pensamento diverxente do alumnado e ten unha repercusión positiva na contorna favorecendo a participación das familias e do barrio.

Entre outras iniciativas (laboratorios creativos, patios activos...), desenvolven o proxecto Cretectura de innovación educativa pedagóxica a través da creación de espazos de aprendizaxe, que mesturan as artes e a pedagoxía para dar resposta a diversidade do alumnado.

CEIP Xesús San Luís Romero

O colexio CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo) considera que o traballo en equipo e a formación do profesorado é o camiño necesario para emprender un cambio no centro, entendendo que a Innovación trae consigo a igualdade de oportunidades, a inclusión, a igualdade de xénero e a superación de prexuízos.

Para acadar estes obxectivos, o centro participa en numerosos programas que fomentan o traballo por proxectos a través de Plan Proxecta, o emprendemento dentro do programa Lanzadeiras-miniempresas, a educación emocional empregando distintos contratos-programa e a competencia dixital, a través de Digicraft.

IES de Ponte Caldelas

O IES de Ponte Caldelas desenvolve o proxecto Da terra á nube: o monte vivo, unha serie de accións coherentes e orientadas á defensa e promoción do espazo natural onde se sitúa o instituto, de tal xeito que o monte e o río Verdugo funcionan como fío condutor. A finalidade do proxecto é familiarizar ao alumnado coa xestión do monte como un moi importante elemento económico da comarca, para o que colaboran con outras institucións, como as comunidades de montes ou o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán.

A iniciativa comprende as accións Os meandros do río Verdugo, no que deseñaron e implementaron un sendeiro que percorre a área que teñen ao seu coidado e a participación en Plan Proxecta a través de Proxecto Ríos, Proxecto TERRA e Paisaxe e sustentabilidade. Ademais, a acción Polo río vai e vén: Tralas pegadas do Volframio incorporou a investigación histórica ao proxecto sobre os espazos naturais a través dunha mina da zona e acadou un premio sobre innovación en dinamización lingüística.

CPI Poeta Uxío Novoneyra

No caso do CPI Poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel) o centro convértese nun lugar que vai máis alá do labor docente. As circunstancias especiais da localización na montaña lucense inflúen directamente nas condicións nas que se desenvolve a experiencia educativa, de tal forma que o colexio suple necesidades no eido social e cultural.

Cómpre destacar a participación das familias e a implicación de toda a poboación nas actividades propostas polo centro, así como unha vocación evidente por realizar saídas nacionais e internacionais co alumnado de educación secundaria.

IES Praia Barraña

O IES Praia Barraña (Boiro) segue unha metodoloxía de aprendizaxe activa arredor dunha serie de medidas que buscan mellorar o desarraigo coa tradición e a memoria, contrarrestar os efectos da educación rápida e loitar contra a radicalización dos discursos excluíntes, os malos hábitos e o individualismo. Cabe destacar que o centro colabora con outras institucións, entre elas o centro de día co que desenvolven o Proxecto Amarre no que os maiores acoden ao instituto para traballar na horta escolar xunto co alumnado.

O instituto tamén oferta unha serie de actividades extraescolares que pretenden aportar unha alternativa cultural relacionada con que este instituto sexa o único centro da contorna que ten a modalidade de Bacharelato de Artes.

Centro de educación de adultos da Lama

O centro educativo da prisión da Lama, malia as súas particulares circunstancias, atopou a forma de participar en proxectos europeos, como eTwinning, a través do intercambio de correo postal con outros centros tanto en España como en Italia.

No tocante ás novas tecnoloxías, o centro participa no Plan Proxecta a través de Fotografía en curso. Como destaca o proxecto presentado, para moitos dos participantes o feito de volver a sentir nas súas mans unha cámara fotográfica ou posar para que lles saquen unha fotografía é unha experiencia case esquecida. Ademais, organizaron unha exposición con todos os traballos.

25 DE NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

As nenas e nenos de todo o cole cantaron a canción "Chea de vida" de Guadi Galego, para celebrar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. 

Como podedes ver, signaron o seu retrouso para facer dela unha canción máis inclusiva.

Traballamos tamén a historia das irmáns Mirabal, tres mulleres que foron asasinadas por opoñerse a unha ditadura aló polo ano 1960. Eran coñecidas como "As bolboretas", de aí que levemos ese colar. 

A partir de agora a entrada do cole é unha pequena exposición de bolboretas que agardamos voen libres coma todas as persoas. Loitemos por unha sociedade máis igualitaria e sen estereotipos!

 

 http://equipobibliosaluis.blogspot.com/

Mulleres traballadoras

O mes de marzo foi adicado ás mulleres traballadoras. Os nenos e nenas de todo o cole investigaron sobre os descubrimentos e feitos que diversas mulleres realizaron ao longo da historia. Na blog da biblioteca atoparedes mais información sobre estas mulleres.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut