Skip to Content

Xesús Golmar

Xesús Manuel Golmar Rodríguez nace
o 11 de setembro de 1908 en Santiso (Lalín). É o cuarto
dos seis fillos de Manuel Golmar Cacheda e Manuela Rodríguez González.
O seu pai, o avogado Manuel Golmar, tamén orixinario de Santiso,
foi Rexistrador, Fiscal e Delegado fiscal da Audiencia Territorial de
A Coruña en Lalín.

Xesús asite á escola en Santiso, e
gracias ao ambiente culto e progresista da súa casa e á
ben dotada biblioteca familiar, adquire dende moi pequeño unha
notable formación.
Comeza os estudios de Bacharelato no Instituto General y Técnico
de Lugo en 1923. Obtén o título de Bacharelato en 1928.

En 1927 trasládase a Santiago para facer
os cursos de Maxisterio na Normal. O seu título de Mestre Nacional
ten data de 13 de marzo de 1929.

Prepara as oposicións de Maxisterio baixo a dirección do
mestre e escritor Ramón Salgado Toimil, parente da familia e verdadeiro
guía de Xesús, que lle dedicará anos máis
tarde un artigo no que o cualifica como ídolo (El Instituto y su
escuela).

En setembro de 1930 obtén o seu primeiro destino como mestre interino
na Mariña lucense, na "Escuela Nacional de niños"
da parroquia de Santa Cecilia de O Valadouro no Concello de Foz.

En marzo do ano 1931 morre o se pai Manuel Golmar.

A principios do curso 1931/32 destínano á escola de Cobariza,
na parroquia de Silvela do Concello de Friol. Continúa de mestre
nesa escola durante o curso seguinte 1932/33.

En 1933 trasládase á parroquia de Corbelle, no Concello
de Vilalba, onde permanece o curso 1933/34; nesta escola tamén
imparte clases nocturnas para adultos.

En 1934 obtén destino definitivo en Méixome (Lalín),
onde continúa ata o comezo da guerra civil.

Temos noticias da súa actividade política dende 1933, cando
participa na campaña das eleccións xerais de novembro dando
mitins en Lugo a prol da candidatura galeguista.

O 23 de xaneiro de 1934 fórmase en Lalín un grupo galeguista.
Golmar ingresa no Partido Galeguista o 27 de setembro dese ano, e en marzo
do ano seguinte noméano Presidente do Grupo Lalín. Na IV
Asemblea do PG elíxeno conselleiro suplente da zona de Lalín
(como conselleiro titular da zona foi elixido Ramón de Valenzuela).

En representación do PG participa na creación do Bloque
antifascista que se organiza en Lalín en xuño de 1935, en
colaboración cos dirixentes locais de IR, UR, PSOE e PC. A unidade
de acción con estes partidos de esquerda mantense na labor de oposición
á Corporación municipal dominada polo Partido Radical e
na loita electoral coa dereita nas eleccións de 1936.

Despois da victoria da esquerda nas eleccións de febreiro, o Goberno
repón nos seus postos á Corporación de elección
popular presidida por Manuel Ferreiro. Como consecuencia de enfrontamentos
internos no Fronte Popular de Lalín, o Alcalde Ferreiro deixa o
seu cargo e proponlle ao Gobernador Civil o nomeamento de Xesús
Golmar como Presidente dunha Comisión Xestora para o Concello.
Noméano Alcalde de Lalín o 11 de abril de 1936.

Durante o curto período da súa alcaldía
vótase o Referéndum do Estatuto de Autonomía de Galicia,
que é apoiado pola Corporación, contribuíndo cunha
cantidade para os gastos de propaganda. A actuación de Golmar á
fronte do Concello está presidida pola tolerancia e os intentos
de evitar enfrontamentos; mesmo cando deteñen a un grupo de falanxistas
locais, media ante o Gobernador para a súa liberación. Aínda
así e por manobras caciquís do Xuíz Municipal en
funcións de Xuíz de Instrucción detéñeno
o 10 de xullo de 1936, baixo a acusación de "denegación
de auxilio", e ingresa na Prisión municipal. Ao día
seguinte, unha enorme manifestación na que participan todos os
sectores sociais recorre as rúas de Lalín en protesta pola
súa detención. Rapidamente o Gobernador civil ordena a súa
liberación.

Ao producirse a rebelión militar, Golmar mantén unha actitude
conciliadora, procurando que non se produzan disturbios en Lalín
e desaconsellando aos obreiros que marchen a Pontevedra.

O sarxento da Garda Civil césao como Alcalde o 24 de xullo de 1936.

Pero a represión non fixo máis que empezar, detéñeno
o 4 de agosto e ingresa na prisión de Lalín. Trasladado
a Pontevedra 11 días despois, xúlgano polo delicto de "rebelión
militar" en consello de Guerra o 16 de novembro, xunto con José
Crespo Torres e Miguel Lamas Iglesias (Causa 569/1936). O 30 de novembro
o Tribunal Militar notifícalle a condena: Reclusión perpetua.

Cumpre a pena imposta na Illa de San Simón, ata que en febreiro
de 1938 o trasladan xunto a outros galegos á Prisión General
de Pamplona, no Fuerte San Cristóbal.

Alí permanecerá dous anos, ata que ante o grave problema
do mantemento de tantos presos políticos, a Dictadura decide desconxestionar
as prisións. O Xurado de revisión de Condenas rebaixa a
súa pena a 4 anos de prisión menor e o 2 de setembro de
1940 concédenlle a prisión atenuada no seu domicilio.

Regresa a Lalín, á súa casa de Santiso, aínda
que en liberdade vixiada e sometido ás inxurias e abusos das autoridades
franquistas. Ademais, como consecuencia da súa actuación
durante a República, a Comisión de depuración do
Maxisterio, establecida co obxecto de sancionar e afastar do corpo a todos
os mestres que non tiñan plenamente acreditada a súa "adhesión
al Glorioso Movimiento Nacional" dictaminara o 20 de xuño
de 1940 a súa separación do servicio e baixa no escalafón.
No caso de Golmar a sanción foi a máis grave das previstas,
uníndose a represión laboral coa ideolóxica por ser
un mestre que unía a súa condición de liberal, esquerdista
e aberto á modernidade, a de galeguista.

Polo tanto, Xesús Golmar non pode agora exercer a súa profesión
de mestre e convértese en labrego. Faise cargo da explotación
familiar, ao principio coa axuda de caseiros, pero polas dificultades
económicas da longa posguerra, ademais do control e persecución
á que continúa sometido, remata tendo que valerse unicamente
do seu propio traballo.

En 1947 casa con María Saavedra Saavedra, coa que ten catro fillos:
Mª Jesús, Manuel José, José María e Mª
del Rosario (mestra de Educación Infantil no centro).

Fai esforzos para que a súa separación do maxisterio se
revise, recorrendo aos vellos compañeiros do Partido Galeguista
como Otero Pedrayo, co que mantén correspondencia nos anos cincuenta.
Estas tentativas non acadarían éxito.

Morre en Lalín o 20 de xaneiro de 1962.

XESÚS GOLMAR, O MESTRE

Comeza a exercer a súa profesión de mestre
a finais de 1930 e o principal problema co que se atopa é que
o índice de analfabetismo en Galicia era moito máis alto
que no resto do Estado. A escola non era capaz de solucionar o desinterese
dos pais por enviar ós seus fillos á escola. Era necesario
crear máis escolas, dotalas das mellores condicións posibles
para un bo traballo pedagóxico, permitindo a penetración
das novas correntes metodolóxicas.

Como a maioría dos mestres da época,
Golmar é un mestre implicado na construcción dun pobo
mellor a través da mellora na educación; a súa
existencia estaba presidida por tres grandes paixóns: a liberdade,
a pedagoxía e o amor a Galicia. É un representante do
profesorado culto, crítico, informado das principais innovacións
que se producían en Europa e no resto do mundo, facendo exposicións
educativas que implicaban cambios radicais en todos os sectores da sociedade.
No seu tempo libre aínda tiña folgos para a dinamización
sociocultural e a concienciación política, nun proceso
de transformacións sociais ás que non podían permanecer
alleos.

Nos escritos de Golmar atopamos unha reflexión
sobre os problemas educativos da época, cunha visión actualizada
e de futuro: a necesidade de escolas, a difnificación do traballo
docente e a formación do maxisterio, a filosofía da escola
unificada e activa, as relacións escola-traballo ou escola-medio,
a educación integral, a hixiene escolar, a necesidade de institucións
circunescolares,... En todos eles latexa unha mentalidade
rexeneracionista, sempre unida co seu fondo cristianismo.

XESÚS GOLMAR, ESCRITOR
E PERIODISTA

Autor de varios libros de poemas,
colaborador de prensa, alcalde galeguista, son trazos que identifican
a este intelectual e home de acción.

Traballou nos periódicos
profesionais VIDA ESCOLAR e ESCUELA VIVIDA, EL PUEBLO GALLEGO, RAZÓN, FARO VILLALBÉS,...

En todos os seus escritos queda
reflexado o seu pensamento: a liberdade, a firme crenza no progreso,
a tolerancia como guía para a acción, a denuncia da situación
social dos labregos e das clases oprimidas, o pacifismo,a igualdade
da muller, a democracia, o respecto polos costumes e tradicións
populares, o ecoloxismo, o apoio á súa terra, Lalín,
e ós artistas e intelectuais que nela naceron,...

"¿Desaparecerá a guerra? Si
¿Cando? O día que os homes comprendan a Xusticia e a practiquen"

Divagacións (1935)

O CEIP XESÚS GOLMAR quere aportar o seu
grao de arena e recoñecer a labor destre veciño ilustre
no eido educativo, facendo que o seu nome serva de referente para os
moitos rapaces e rapazas, pais e nais e profesionais da educación
que traballaron e traballan nesta escola.

Despois de máis de 25 anos funcionando, o 1 de xuño "bautizamos" oficialmente o noso centro como:

"Ceip Xesús Golmar"

O 5 de abril celebrouse o acto de colocación da placa do centro

            


page | by Dr. Radut