SOLICITUDES DE ADMISIÓN

Acaba de sair publicada a nova normativa de admisión de alumnado.

Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos publicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación

PRAZO DE SOLICITUDE DE ADMISIÓN: Do 1 ao 20 de marzo

DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR:

  • DNI dos solicitantes
  • DNI, ou libro de familia, no que se acredita a idade do/a neno/a
  • Padrón Municipal conxunto
  • Outra documentación a presentar polos representantes para alegar no baremo.

Artigo 9. Criterios de admisión do alumnado e puntuación

  • 1. Nos centros docentes sostidos con fondos públicos onde non haxa postos escolares suficientes para atender todas as solicitudes de reserva e/ou de admisión, para determinar a orde de prelación do alumnado, teranse en conta os seguintes criterios:
    • a) Por unha irmá ou un irmán matriculados no centro: oito puntos; polo segundo e seguintes, dous puntos por cada un, co máximo de catorce puntos.
    • b) Proximidade ao centro docente do domicilio familiar ou do lugar de traballo.
      1º. Por proximidade do domicilio familiar: se está na área de influencia do centro, oito puntos; se está en áreas limítrofes á área de influencia do centro, catro puntos.
      2º. Por proximidade do lugar de traballo: se está na área de influencia do centro, seis puntos; se está en áreas limítrofes á área de influencia do centro, tres puntos.
    • c) Por renda per cápita da unidade familiar. A puntuación, por referencia ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) do exercicio fiscal a que corresponde a renda, será a seguinte:
      1º. Se é inferior a 0,5 veces o IPREM: tres puntos.
      2º. Se é igual ou superior a 0,5 e inferior a 0,75 veces o IPREM: dous puntos.
      3º. Se é igual ou superior a 0,75 e inferior ao IPREM: un punto.
      4º. Se é igual ou superior ao IPREM: cero puntos.
    • d) Por persoa proxenitora, titora ou acolledora traballadora do centro docente tres puntos, con independencia de que traballen ambas.
    • e) Por familia numerosa: de categoría especial, tres puntos; de categoría xeral, dous puntos.
    • f) No caso de irmáns nados dun parto múltiple, sempre que soliciten o mesmo centro, corresponderanlles oito puntos se son dous e dez puntos se son máis de dous.
    • g) No caso de familia monoparental: dous puntos.
    • h) Por discapacidade igual ou superior ao 33 % dos membros computables da unidade familiar, a puntuación indicada a seguir co máximo de catro puntos:
      1º. Alumno/a: catro puntos.
      2º. Calquera das persoas proxenitoras, titoras ou acolledoras, ou o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación de afectividade á persoa proxenitora: tres puntos.
      3º. Calquera das irmás ou dos irmáns: un punto por cada un.
      Así mesmo, terá esta consideración a percepción da pensión da Seguridade Social por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
    • i) Por condición de vítima de violencia de xénero de calquera dos membros computables da unidade familiar: dous puntos.
    • j) Por condición de vítima de terrorismo de calquera dos membros computables da unidade familiar: dous puntos.
    • k) Por criterio complementario, consistente en circunstancias relevantes apreciadas xustificadamente polo órgano competente do centro, de acordo con criterios obxectivos, que terán que publicar antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión: un punto.
    • l) Polo expediente académico para ensinanzas de bacharelato a puntuación será a seguinte:
      1º. Nota media de sobresaliente: dous puntos.
      2º. Nota media de notable: un punto.
      3º. Por nota media de ben: medio punto.
  • 2. O momento e a forma de alegar e acreditar os criterios de admisión será o que se estableza mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de educación.
  • 3. En caso de empate na puntuación total resolverase atendendo á maior puntuación obtida en cada un dos criterios de baremo referidos, seguindo a mesma orde do punto 1 deste artigo. De manterse o empate, resolverase por sorteo público na forma que estableza a orde que desenvolva este decreto.

Back to top