Radio

NA RADIO CON MANOLA PORTO (12/11/2024)

     En 1924 comezaron as emisións legais de radio en España polo que neste ano 2024, a  radio está de aniversario e cumpre 100 anos!!

 

    Por esta razón, tivemos de visita a Manola Porto, xornalista que leva máis de 20 anos traballando na radio da comarca de Lemos e, actualmente, en Onda Cero Monforte. Ela achegouse ao noso estudo de radio para preguntarnos sobre a nosa visión da radio como xornalistas principiantes.

   

Podedes escoitar esta entrevista no seguinte enlace:

 

 

    Despois foron Manuel López, Ada, Antía e Saúl os que tomaron a palabra para entrevistala e manter con ela unha conversa moi interesante que podedes escoitar no seguinte podcast:

 

 

MOITAS GRAZAS  MANOLA  POR  PENSAR  NA  NOSA  RADIO  PARA  ESTE  ANIVERSARIO!!

 

 

DESPEDIDA ALUMNADO DE 6º (2024)

   Todos os anos cando chega fin de curso chega tamén o momento de despedir ao alumnado de 6º de Primaria que acaba esta etapa educativa. Carlota, Germán e Javier entraron a formar parte do colexio no curso 2015/16 cando eran uns pequerrechiños de 3 anos!!

       Agora son unha clase de tres persoas estupendas ás que botaremos moito de menos!

   Pero antes de marchar gravaron o seguinte podcast no que poderedes escoitar unha carta que escribiron  como despedida agora que xa se van ao instituto.

 

 

    Esperamos que na nova etapa educativa que comezarán o próximo curso non olviden a importancia do traballo e da constancia. Estamos seguros de que terán éxito nos seus estudos; pero se nalgún momento nos necesitades, aquí estaremos, apoiándovos en todo o que poidamos porque despois de todos estes anos levades con vós un pedaciño do noso corazón. 

 

 

PROGRAMA ESPECIAL FEIRA DO VIÑO - ONDA CERO

  

    O alumnado de 5º e 6º de Primaria participou hoxe no programa especial sobre a Feira do Viño que Onda Cero realizou en directo desde a Casa da Cultura do Concello de Sober. 

 
   Antes do programa puideron conversar coa locutora Manola Porto e co técnico Luis González sobre como se fai un programa en directo. Luis explicoulles como se emitía e que canles utilizaban para evitar que o programa se deixase de escoitar no medio da emisión.

 

   Despois os nenos e as nenas compartiron entrevista con Luis Fernández Guitián (alcalde de Sober) e puideron dar o seu punto de vista sobre a elaboración de viño nas súas casas, a propia Feira do Viño ou  que visitar en Sober.

 

 

 MOITAS  GRAZAS  A  MANOLA  PORTO, A  LUIS  GONZÁLEZ   E  A  ONDA  CERO  MONFORTE  POLA  INVITACIÓN E  POR  DÁRLLE  VOZ  AO  NOSO  ALUMNADO!!
 
 

OBRADOIRO DE RADIO - PONTE NAS ONDAS (10 - 01 - 2024)

    Un ano máis seguimos participando no ProxectoRadio na bibliodestinado a centros que forman parte do PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares), e esta participación permítenos contar con formación no centro para o noso alumnado.

   Nesta ocasión volvemos a contar coa presenza de Damián Alonso a través da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!
 

 

   O obradoiro constou de tres partes: comezamos coa parte técnica centrándonos na aprendizaxe do programa de gravación e edición de audio Audacity: importar, cortar, aumentar ou reducir volume, modificar o tempo, a velocidade, o ton, engadir silencios, traballar con dúas pistas de audio, gardar proxecto, exportar...
 
 
    Despois chegou a parte da locución tendo en conta aspectos como a transmisión da mensaxe (velocidade, ton e intensidade), os signos de puntuación, os tipos de locucións... E tamén fixemos exercicios de vocalización, de lectura avanzada, trabalinguas...
 

 

   Para rematar elaboramos entre todos un programa de radio divididos por parellas, de xeito que cada parella podía falar do que quixera: deportes, gustos, actividades no tempo libre... pero para iso, tiñan que elaborar o guión da súa intervención tendo en conta todo o aprendido: frases curtas, linguaxe sinxela, poucos tecnicimos...
 
    Unha vez que tiveron o guión elaborado, foron pasando polos estudios de radio que Damián instalou na biblioteca de xeito que todos fixeron de locutores e de técnicos de son encargándose da mesa de mesturas e da gravación.
 

   
Moitas grazas a Ponte...nas ondas! e a Damián Alonso por este obradoiro tan completo e divertido.
 
Seguro que lle sacaremos moito proveito!!
 
 
 

CONCURSO DE CONTOS DE OUTONO

 

    O alumnado de 5º e 6º de Primaria participou nun concurso de contos de outono organizado pola súa mestra de Lengua Castellana.

   Neste podcast poderedes escoitar os relatos gañadores de Antía Gago e Carlota Fernández.

 

 

 

 

IV VISITA ÁS ESCAVACIÓNS DIDÁCTICAS DE PROENTIA (19/09/2023)

       Por cuarto ano, o alumnado de 3º a 6º de Primariavisitou ás escavacións arqueolóxicas que se están realizando na antiga Proentia, correspondentes á parroquia soberina de Proendos, para coñecer a nova fase deste proxecto da man do propio equipo arqueolóxico.

   A escavación que visitamos é a zona do hórreo onde Francisco Alonso, o director técnico, nos explicou en que consisten os traballos de consolidación que están realizando e a importancia dos mesmos para a súa conservación.

 
 

    Durante esta visita puidemos comprender a importancia do hórreo en si mesmo xa que é o único destas características no noroeste peninsular; pero tamén a importancia de toda a información que se pode deducir a partir do seu descubrimento.

 

   Ademais coas súas indicacións puidemos fixarnos en moitos detalles que doutro xeito non saberiamos:

a importancia do cambio de cor da terra,

 
 
a existencia dunhas pedras chamadas xuntoiros que atravesan os muros,
 

 

a razón pola que utilizan trozos de lousa nos seus traballos,

 

as tébulas que nos indican como era o seu tellado,

 

como os muros se cortan entre si,

 
ou a apararición dunha fosa.
 

 

   A sesión didáctica rematou coa presenza do director do proxecto en Radiuvín para falar con Javier e Antía sobre todo o que aprendemos na visita e moitas cousas máis que poderedes averiguar oíndo o programa que gravaron.

 

   MOITAS  GRAZAS  POR  ESTA VISITA  QUE  AXUDA  A QUE  O  NOSO  ALUMNADO  COÑEZA  O  VALOR  DAS  RIQUEZAS  DO  NOSO  CONCELLO!!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

DESPEDIDA ALUMNADO DE 6º (21/6/2023)

   Cada ano temos que despedir ao alumnado de 6º de Primaria que remata a súa etapa no colexio. A Cristian, Darío, Libertad, Yanira, Lucas, Mencía, Susana, Iria e Gareth, coñecémolos cando chegaron a Educación Infantil.

 

      Lola, Naím e Gissela foron incorporándose ao grupo en diferentes cursos de primaria; pero aínda que pasaron menos tempo neste colexio, son igual de importantes para nós. Agora todos elxs forman un marabilloso grupo de 12 nenos e nenas!!

 

   No seguinte podcast, poderedes escoitar a carta que escribiron  como despedida agora que xa se van ao instituto.

 

    Esperamos que na nova etapa educativa que comezarán en setembro non olviden a importancia do traballo e da constancia. Estamos seguros de que se poñen en práctica todo o aprendido durante estes anos, terán éxito nos seus estudos; pero se nalgún momento nos necesitades, aquí estaremos, apoiándovos en todo o que poidamos porque despois de todos estes anos compartindo vivencias, levades con vós un pedaciño do noso corazón.

 

 ATA  SEMPRE!!

RADIO VOZ ESCOLAR (24-4-2023)

  O noso centro foi proposto pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para formar parte do programa Radio Voz Escolar que xorde da colaboración entre a Consellería e Radio Voz. Unha experiencia piloto dirixida a 40 centros integrados no programa Radio na biblio.

 

   Esta colaboración enmárcase dentro do Plan Lía (Lectura, Información, Aprendizaxe) que ten como unha das súas liñas principais a educación mediática e informacional polo que se persegue "reforzar os programas de alfabetización mediática e informacional do alumnado, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos"

 

    Para isto achegáronse ao centro Antía Díaz Leal (Xefa de Programas e informativos de Radio Voz) e Sonia Rodríguez (Técnica responsable de son). A primeira parte da actividade consistiu nunha charla na biblioteca na que Antía lles falou do seu traballo como locutora, redactora e produtora e da radio en xeral. Tamén lles deu consellos sobre a elaboración de guións e a gravación de programas.

 

       A segunda parte da actividade realizouse nos estudos de Radiuvín onde gravaron en falso directo un programa sobre o Día do Libro que se emitirá a través da frecuencia de Radio Voz o próximo xoves día 27 de abril e despois estará dispoñible na súa web. Durante esta parte da actividade foi Sonia Rodríguez a que lles ensinou a utilizar todo o que ten que ver coa parte técnica da gravación.

 
 

 

Moitas grazas a Radio Voz e á Consellería por contar con nós para esta experiencia!!

 

 

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE 2023

    A Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o 7 de abril como Día Mundial da Saúde para destacala como un dereito básico e universal e para fomentar o acceso á atención sanitaria de calidade en todas as rexións do mundo, especialmente na poboación con escasos recursos.

 

     Tamén a Axenda 2030 propón Saúde e Benestar como un dos seus obxectivos.

    Para sumarnos a esta conmemoración tivemos no centro ás doutoras Olalla Quintairos Veloso e Alba Rodríguez Gavino que impartiron un obradoiro para todo o noso alumnado.

    O obradoiro estivo repartido en dúas partes. A primeira parte estivo dedicada aos hábitos saudables relacionados coa alimentación e a hixiene personal.

 

   A segunda parte estivo dedicada a primeiros auxilios relacionados con situacións cotiás: 

sangrado de narices, feridas e curas, atragantamentos, 

RCP (reanimación cardiopulmonar), 

protocolo PAS (Protexer, Avisar e Socorrer), 

identificación das constantes vitais das persoas (VER se se move o peito, OÍR achegando a orella á súa cara e SENTIR o alento na cara), 

posición lateral de seguridade e simulacros con chamadas ao 112.

 
 

 

   Se queredes saber máis detalles sobre esta actividade podedes escoitar ás nosas convidadas no seguinte programa de Radiuvín.

MOITAS  GRAZAS  AS  DÚAS  POR  ESTA  ACTIVIDADE,
 
FOI  UN  PRACER  CONTAR  COA  VOSA  COLABORACIÓN!
 
 
 

E  LEMBRADE... ANTE CALQUERA EMERXENCIA...
 
 
 
 
 
 

El hombre de nieve - Gloria Fuertes (Inverno 2023)

   Hoxe rematamos o inverno para dar paso a primavera e queremos facelo cun fragmento da poesía El hombre de nieve escrita por Gloria Fuertes

 Los niños hicieron
un hombre de nieve,
con brazos y piernas
y sombrero verde.

Lo hicieron muy gordo,
con una sonrisa,
muy grande, muy prieto,
y se le veía
desde todo el pueblo.

El hombre de nieve
empezó a adelgazar,
los rayos del Sol
le sentaban mal.

    

No seguinte podcast podedes escoitala recitada polos alumnos e alumnas de Infantil B

 

 

 

Distribuir contido