Impresión 3D

CERTAME POSTAIS DE NADAL - 2022

      O día 4 de xaneiro entregáronse os Premios do Certame de Nadal da Biblioteca Pública Municipal de Sober, un certame no que sempre participamos enviando as postais de Nadal que o noso alumnado fai no colexio.

 

    O alumnado de educación infantil fixo unhas postais cunha coroa de Nadal decorada con bolas de plastilina de cor vermello e uns lazos impresos en 3D  (by Colorme3D)

 

 

   O alumnado de Primaria fixo diferentes modelos: con estrelas deseñadas en tinkercad, con folerpas de neve (by amidata), con rolos de papel hixiénico...

 

 

 

 

   Ademais de darlle ambiente de Nadal á biblioteca, as postais estiveron expostas na Casa da Cultura do Concello durante todas as vacacións participando no Certame de Nadal. Por esta participación, a Biblioteca Pública Municipal agasoullos cun diploma e un vale para A Libraría da Proencia co que mercaremos algúns fondos novos para a biblioteca.

 

 

 

ADORNOS DE NADAL 3D (Decembro 2019)

   Este ano fixemos dous tipos de adornos de Nadal con material 3D.
 
  Por unha banda, o alumnado de INEIN deseñou unhas bólas de Nadal coas súas iniciais para o que utilizamos o programa Tinkercad. Primeiro fixeron un cilindro de pouca altura para utilizar como base e despois engadiron as iniciais e algúns adornos en negativo, para que quedase o oco.
 
 
 
   Se vos fixades, na primeira que imprimimos houbo un problema co aro porque estaba moi fino, así que buscaron unha solución para esa e modificaron as seguintes para que non volvese a pasar.
 
 
    Ademais tamén fixemos outro tipo de bólas para as postais xa que algúns dos colores de PLA que tiñamos para imprimir, estaban estropeados e xa non valían para a impresora.
 
   Así que reciclámolos e démoslles outro uso: unhas bólas que son as protagonistas das postais de primaria e da árbore de Nadal.

 

 

 
 

POSTAIS CON ELEMENTOS 3D (Nadal 2018)

   Outras postais que saíron da Biblioteca Creativa do centro este Nadal, foron as postais con elementos 3D. 
 
     Destas postais fixéronse dous modelos; o primeiro foi unha árbore de Nadal para a que imprimimos un tronco e unha estrela que deseñamos en tinkercad. Para adornala uilizamos cintas, adornos e restos de papeis para facer os agasallos.
 
    Para a segunda postal utilizamos de novo Tinkercad para deseñar o nariz vermello do reno Rodolfo e os seus ollos.

   Para os cornos, descargamos un anel de reno de FLOWALISTIK no seguinte enlace (https://www.thingiverse.com/thing:208661) e recortamos a parte que vai no dedo. Despois redimensionamos no Cura os cornos propiamente ditos.

   Unhas postais moi alegres que xa podedes ver no corredor principal do colexio.
 

DÍA DA MULLER (2018)

   Xa que estamos comenzando co deseño 3d, propuxémoslle ao alumnado de 3º e 4º o deseño do símbolo da muller. A través de tinkercad foron dándolle forma e exportáronno como un arquivo .stl
     
 
  Despois pasamos o deseño polo programa Cura de laminado conseguindo un arquivo .gcode para podelo imprimir.
 
 
  E así conseguimos o deseño que todo o alumnado levará para lembrar este día e o que simboliza.
 

FORMACIÓN - IMPRESIÓN E DESEÑO 3D

    Para poder sacarlle o máximo partido posible á nosa impresora 3D, os profesores do colexio estamos facendo un curso de formación de Impresión e Deseño 3D. Na xornada de hoxe, puidemos ver como funciona un escáner 3D.

POSTAIS DE NADAL - 2017

Xa temos listas as postais de Nadal deste ano que completan o recuncho de lecturas recomendadas
para esta época; aínda que nesta ocasión son bastante especiais.
 
 Cada unha delas, leva impresións 3D feitas coa nosa impresora e na nosa biblioteca:
As de 5º e 6º de Primaria, están feitas con bólas de navidad que descargamos de thingiverse
 
 
As de 3º e 4º de Primaria, levan formas xeométricas que se adaptaron co programa tinkercad
 
 
Nas de 1º e 2º de Primaria encontraredes folerpas de neve by Whatakuai (https://www.thingiverse.com/thing:198646)
 
 
E as felicitacións de Infantil levan estreliñas de tinkercad para coroar a árbore de nadal

CHEGA O NADAL - 2017

Chega o Nadal e no colexio xa temos a árbore preparada.

 

   Este ano conxugamos a reciclaxe que traballamos desde o Programa Voz Natura coa Impresora 3D da biblioteca.

 

     

Os deseños dos adornos 3D, son dos seguintes autores:

by Simmons  (https://www.thingiverse.com/thing:593440)

by 3d-decoratie  (https://www.thingiverse.com/thing:563986)

by Whatakuai  (https://www.thingiverse.com/thing:198646)

 

SEMANA DA MÚSICA 2017

       Con motivo de Santa Cecilia, patroa da música, celebramos por quinto ano consecutivo a Semana da Música.

     Durante toda a semana, celebrouse un concurso na biblioteca na que cada día ían aparecendo diferentes probas para que o alumnado investigara e averiguara moitas cousas sobre o instrumento ao que se lle adicou este ano a semana musical: A GUITARRA.


 
     Para rematar as actividades, tivemos no centro a Andrés Campanario, profesor Superior de Guitarra no Conservatorio Municipal de Monforte "Mestre Ibáñez"
   Andrés ensinounos moitas cousas sobre este instrumento: as súas partes, a súa historia, as cualidades do seu son e das cordas... e, sobre todo, agasallounos coa súa interpretación de varias obras; unda delas acompañando ao noso alumno Manuel que cursa estudos no Conservatorio.
 
   
      Ao finalizar o concerto, o noso guitarrista recibiu un agasallo da olería de Gundivós en recordo e agradecemento do seu paso pola nosa biblioteca.

   Tamén Andrés, foi o encargado de entregar os premios ao alumnado gañador do concurso.
   E, como este curso estamos a traballar coa impresora 3D, un dos agasallos para os nosos investigadores foi un punto de lectura cunha clave de sol da nosa impresora 3D.

 
 
ATA  O  PRÓXIMO  ANO!!

LECTUVÍN EN 3D (10/10)

Como todos sabedes a mascota da nosa biblioteca é Lectuvín un acio de uvas lector.

 Lectuvín é moi importante para nós xa que nos acompaña durante todo o curso e nos propón moitas actividades desde a biblioteca; por iso queriamos dedicarlle a nosa primeira impresión 3D.

   Pois ben, aquí tedes o resultado do primeiro deseño da biblioteca en 3D. Para conseguilo deseñamos o seu corpo co programa tinkercad e importamos de thingeverse unha folla de vide deseñada por miodragd.

 
 
 
Tamén fixemos un máis pequeno para que non se sentira só.

Agora rematámolo dándolle cor...

...e xa temos un primeiro modelo de Lectuvín aínda que seguiremos intentando perfeccionalo!!

XORNADA DE FORMACIÓN 3D (6/10)

   Hoxe asistimos en Santiago a unha sesión de formación en impresión 3D para os centros que participamos por segundo ano no proxecto piloto Escornabots na biblioteca escolar.
 
   Foi unha xornada moi interesante na que aprendemos moito sobre deseño e impresión para poder traballar nas nosas bibliotecas con esta impresora.
Imaxe Bibliotecas Cafi
 
   De esta xornada tamén saímos con deberes. A primeira proposta foi unha unha moeda do carrito da compra personalizada coas inicias da Asesoría de Bibliotecas Escolares (ABE) á que lle puxemos un buratiño para metela no chaveiro.
   A segunda proposta  é aínda máis interesante xa que supón un novo Escornabot para a biblioteca!!
  Desde a Asesoría déronnos todos os compoñentes electrónicos necesarios para montar un escornabot, agora nos teremos que imprimir o resto das pezas... Veremos se somos capaces!

Distribuir contido