Día contra a violencia de xénero

25N - Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller

      Como centro educativo cremos que para loitar contra a violencia de xénero a nosa mellor ferramenta é a COEDUCACIÓN, un elemento fundamental para avanzar na igualdade real entre mulleres e homes e que ademais é un dos obxectivos da Axenda 2030:

 

       En busca deste obxectivo, quixemos facer fincapé na ruptura de estereotipos comezando cunha choiva de ideas: que se lle atribúe ás nenas? e aos nenos? cal sería a opción correcta?

O rosa é de nenas e o azul de nenos?

Os homes conducen mellor que as mulleres?

As nenas levan o pelo longo e os nenos curto?

Os nenos teñen máis forza que as nenas?

...

      Despois o alumnado de 5º e 6º de Primaira ilustrou as ideas principais desta choiva e con eses debuxos fixemos un mural no que literalmente rompemos os estereotipos.

 
 

 

   Ademais para afianzar este concepto tamén traballamos co libro Que hacen las niñas? Que hacen los niños? escrito por Irene Biemmi, un libro que visibiliza perfectamente que as nenas e os nenos poden facer as mesmas cousas como podedes comprobar no seguinte vídeo que fixemos entre toda a comunidade educativa:

    Aínda así, sabemos que a coeducación non é labor dun día polo que no colexio seguiremos traballando para que tanto os nenos como as nenas entendan a importacia de loitar para acadar unha ruptura real dos estereotipos de xénero e unha igualdade efectiva entre eles.  

  GALERÍA  DE  IMAXES

 

25 N: DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO 2022

     O 25 de novembro é o Día contra a violencia de xénero. Para loitar contra ela e sensibilizar ao noso alumnado, preparamos dúas actividades na biblioteca: a primeira sobre o libro O chuvasqueiro de Aurora de María Márquez e a segunda un abecedario contra o machismo.

    Para comezar vimos unha proxección do libro O chuvasqueiro de Aurora elaborada polo alumnado de 5º e 6º de Primaria.

 

 
   Partindo desta visualización reflexionamos sobre a violencia que afecta a Aurora e á súa nai para aclarar varios porqué: por que Aurora se ten que agochar debaixo da cama? por que leva gafas de sol a súa nai? por que perden a cor os botóns do chuvasqueiro? que pasa cando o monstro roza a Aurora? Como se libran as dúas dese medo e volven a ser felices? que podemos facer nós ante este tipo de violencia ou ante a violencia en xeral?
 

 

    Despois pintamos unhas mans de cor morada para o chuvasqueiro de Aurora porque decidimos que quen o necesite pode contar coas nosas mans para loitar pola igualdade e que cada un/unha de nós vai a facer o posible para que a igualdade sexa unha realidade no noso cole.
 

 

 
   Para rematar a actividade fixemos un pequeno taller de costura co alumnado de 5º e 6º de primaria que foi o encargado de coser os botóns de cores para o chuvasqueiro de Aurora.

  

Ao final, o chuvasqueiro quedou así de bonito

 

   A outra actividade que realizamos foi un abecedario contra o machismo, para iso tiñamos un mural dividido en dúas partes: o que queremos e o que non, e entre todos e todas tiñamos que atopar palabras con cada letra do abecedario para cada unha das dúas columnas.

 

  

Despois escribimos e pegamos cada unha das palabras no seu lugar para completar este abecedario.

 

  Ao final lemos todas e deixamos o mural nun sitio ben visible xunto o de Aurora para que non se nos olvide todo o que falamos hoxe porque estas aprendizaxes non son cousa dun día se non que as temos que ter presentes durante todo o curso.

 

 
 
 

INMARCESIBLES (23/11/2022)

      Ata a nosa biblioteca achegouse Patricia González, Traballadora Social do Concello de Sober, para presentarnos o proxecto INMARCESIBLES que levou a cabo con Ana De La Torre Alvaredo. 

   

 

 

    Con este proxecto tratan de facer reflexionar sobre o canon e os estándares de beleza socialmente recoñecidos partindo da pregunta: existe un físico ideal feminino?

 

  A través de imaxes das redes sociais, da publicidade ou de prensa; o alumnado de 4º, 5º e 6º foi analizando a existencia dese canon e algunhas das súas consecuencias: presión sobre o corpo feminino, problemas de autoestima, falta de confianza, problemas de saúde, problemas de relación coas demáis persoas, ansiedade, depresión...

 
  Tamén vimos como a linguaxe, sen decatarnos, fai fincapé no aspecto físico das mulleres: quen non escoitou (por desgracia) algunha vez frases coma estas?
 
    Para rematar Patricia ensionunos algunhas fotos que forman parte da exposición Inmarcesibles feitas a mulleres de Sober moi diferentes coas que queren poñer de manifesto a beleza real feminina, tal como elas son, sen filtros nin retoques, para axudar a superar algúns dos "complexos físicos" que a sociedade ve como defectos: estrías, celulitis, cicatrices, marcas, o peso, a talla...
 
Moitas grazas a Patricia e ao Concello de Sober por levar a cabo este tipo de proxectos e por vir ao cole a presentalo!!

 

   Esperamos que a educación sexa unha das armas que nos permita acabar con estes estereotipos.

 

GALERÍA DE IMAXES

 

 

25-N PEÚGO, O CALCETÍN MELENUDO (25-11-2021)

     O 25 de novembro é o Día contra a violencia de xénero. Para loitar contra ela e sensibilizar ao noso alumnado, escollemos o libro Peúgo, o calcetín melenudo de Jessica Rodríguez.

 

    Peúgo é un calcetín que vive só e como lle peta e se quere toca a trompeta.

 
    Pero non lle foi doado chegar a ser así. Peúgo tiña un problema coa súa parella; esa que era igual que el e coa que se supoñía que debía vivir sempre nos pés dalgún rapaz ou rapaza.
 

 

   Ao principio sentía que lle facía dano: pequenos empurróns que foron aumentando ata que se sentiu romper en anacos.

 

   E que podemos facer cando temos problemas? Buscar algún adulto que nos axude; neste caso Peúgo encontra axuda na súa confidente Ramona, a lavadora que, farta de velo sufrir, decide tragar á súa parella.

 

   Pero ao principio sigue sentíndose raro, para que serve un calcetín só e que aínda encima ten un furado? Para saber como remata esta historia escoitade atentos o podcast gravado polo alumnado de 6º de Primaria.

 

   Despois de escoitar a historia, fixemos varias actividades. O primeiro foi unha pequena reflexión sobre a violencia que sufriu Peúgo para decatarnos de actitudes que poden facer dano a outras persoas e escribilas nun calcetín para que as tragara a lavadora Ramona.

 

 

    Outra actividade foi un obradoiro de costura no que o alumnado de 5º e 6º de Primaria aprendeu a zurcir un calcetín para remendar o burato de Peúgo pois nenos e nenas en igualdade son quen de coser e arranxar un furado. E como el di: "se ninguén se encarga de arranxalo, o furado medra e podes chegar a desaparecer"

 

  Tras este taller de costura, se do noso alumnado dependera, Peúgo tería o seu furado moi ben remendado!! Sobre todo tendo en conta que era a primeira vez de collían unha agulla!!

 

   E para rematar, tamén quixemos darlle unha nova vida ao noso protagonista así que con calcetíns desparellos que @s nen@s trouxeron das casas, tod@s fixemos monicreques porque como di a historia, estar só non quere dicir que non servas para nada.

 

 

 

NOSOUTRAS - RELATOS FEMININOS

   O documental NOSOUTRAS - Relatos femininos elaborado polo Concello de Sober proxectouse hoxe no Colexio de Sober. 

   Ata a nosa biblioteca achegouse Patricia González para falarnos da realización do proxecto e do seu significado xa que este documental é a segunda parte dun proxecto de igualdade que nace co obxectivo de homenaxear ás mulleres do mundo rural e de facer visibles as condutas machistas que xerminan neste contexto.

 

   A través desta iniciativa seis testemuñas femininas, entre elas dúas ex-alumnas do noso colexio, a avoa dun dos nosos alumnos e a nai doutro; comparten a súa biografía e como o feito de ser muller ten influído ao longo das súas vidas.

 

  Unha actividade moi interesante e educativa que rematou coa reflexión do noso alumnado sobre unha muller da súa vida á que darlle as grazas; porque sempre é importante recoñecer o valor das persoas que nos rodean.

 
  Se vós tamén queredes reflexionar coma nós, podedes ver o documental e comprobar a realidade destas 6 mulleres de vidas e idades tan diferentes pero con moitas vivenzas en común.
 
 
 
 
 

DO TRADI AO TRAP (23-11-2021)

 

   Con este obradoiro de sensibilización en materia de igualdade e erradicación da violencia de xénero organizado pola ANPA, Branca Villares fixo reflexionar ao alumnado de 5º e 6º de Primaria sobre os contidos audiovisuais que a cotío vemos e escoitamos en cancións, anuncios, redes sociais, videoxogos...

 

    A través da letra de cantigas de antes e de agora tratáronse conceptos como a cousificación das mulleres, a sexualización temperá, o machismo, os celos como forma de querer, o abuso, a intimidación, o acoso sexual...

   Un obradoiro moi necesario xa que os nenos e nenas están expostos a este tipo de contidos e non sempre nos paramos a reflexionar con eles de maneira crítica sobre o que ven.

  

MOITAS  GRAZAS  Á  ANPA  POR  ESTA  ACTIVIDADE

E  LEMBRADE  PEDIR  AXUDA  ANTE  CALQUERA SITUACIÓN  DESTE  TIPO

A  UN  ADULTO  OU  AOS  TELÉFONOS  

900333666   ou   116111

 

DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO (25/11/2020)

    O 25 de novembro é o Día contra a violencia de xénero

   Desde o centro queremos sumarnos a esta conemmoración recollida tamén no Obxectivo 5 da Axenda 2030: Igualdade de xénero traballando a prevención deste tipo de violencia intentando concienciar ao noso alumnado de que  homes e mulleres somos iguais e temos os mesmos dereitos e obrigas.

    Este ano quixemos darlle unha volta aos contos infantís para analizar os estereotipos que ás veces transmiten partindo do conto Érase dos veces Cenicienta de Belén Gaudes e Pablo Macía que pertence á colección  Érase dos veces... na que se versionan os contos clásicos eliminando os estereotipos sexistas, a violencia e a desigualdade.

 

    Para comezar os biblioaxudantes leron no radio unha versión reducida e traducida ao galego deste libro no que Cincenta non quere ir ao baile para namorarse do príncipe nin levar zapatos de cristal e tampouco irá nunha carruaxe máxica feita dunha cabaza. Pero o que si que fará é decidir o que quere facer coa súa vida.

 

   A partir do libro reflexionamos e chegamos á conclusión de que a actitude das princesas dos contos non son nada actuais xa que as nenas non necesitan príncipes que as rescaten e as fagan felices e os nenos non teñen que ser valentes nin forzudos nin guerreiros.

   Entón... como serían as princesas e os príncipes de hoxe en día? Terían redes sociais? Facebook? Whatsapp? Comerían perdices??

    Na seguinte presentación podedes ver o traballo que realizaron os diferentes cursos ademais de escoitar as recomendacións lectoras que nos chegan da BPM e as  recomendación musicais dos Servizos Sociais do Concello.

 

25 NOVEMBRO: DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

   Hoxe 25 de novembro é o Día contra a violencia de xénero. Para traballar a prevención deste tipo de violencia, no colexio intentamos concienciar ao noso alumnado de que homes e mulleres somos iguais e temos os mesmos dereitos e obrigas; para isto fixemos varias actividades.
 
   A primeira, foi do alumnado de 1º e 2º que traballou o conto Parella guai de Mon Daporta e fixo unha gravación do mesmo para compartir co resto da comunidade educativa.
 
   A segunda actividade realizada por monitoras de Dinamo, xestión de actividades culturais; foi un circuíto de xogos destinado a todo o alumnado do centro que lles fixo reflexionar sobre a igualdade de xénero.
 
   Os máis pequenos tiveron que varrer, limpar cristais, dobrar a roupa, envolver calcetíns, cambiar lámpadas...
 
 

 

  Os xogos do alumnado de Primaria non se centraron tanto nas tarefas da casa; eles fixeron actividades orientadas ao mundo laboral tendo en conta que calquera traballo pode ser desenvolvido por homes ou mulleres.
 
   Ambas sesións remataron co conto DANIELA PIRATA (Susanna Isern & Gómez), a historia dunha nena que quería ser pirata pero o capitán non a deixaba por ser muller ata que o resto da tripulación protestou e Daniela acabou sendo ela a capitana.
  
 
  E para que non se olvidaran da lección deste conto, cada un levou unha pulseira pirata!!

  ESPERAMOS  QUE  ESTAS  ACTIVIDADES  SIRVAN  PARA  PREVIR 

ACTITUDES  SEXISTAS  ENTRE  O  NOSO  ALUMNADO.
 
 

DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO: UNIDOS SOMOS MÁIS FORTES (25/11/2018)

    Ademais das actividades que fixemos no colexio para loitar contra a violencia de xénero, este ano participamos nunha iniciativa que partiu de tres colexios de Galicia para unirnos nunha actividade de sensibiliazación a nivel autonómico.

    A proposta consistía en facer un mural en formato twitter co hashtag #Equaliter (igualdade) poñendo as mans dos nosos alumnos e alumnas cunha voz en off dicindo que no noso colexio rexeitamos a violencia.

   Tamén os alumnos de 5º e 6º debían formar unha fila da que saíran primeiro as nenas dicindo "Loitaremos por vivir sen medo" e a continuación os nenos co lema "Nos loitaremos ao voso carón".

    A iniciativa foi un éxito e no seguinte vídeo podedes ver os máis de 65 centros galegos que participamos na proposta (o noso sae no minuto 10); esperemos que esta actividade axude na educación do noso alumnado e que os patróns de violencia de xénero se rexeiten xa desde a infancia.

 

   

DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO: TRABALLANDO A IGUALDADE (23/11/2018)

    Para traballar a loita cotra a violencia de xénero, desde a biblioteca puxemos o noso gran de area a través do conto Maruxa de Eva Mejuto contado por tres dos nosos biblioaxudantes.
 
 
   Nesta historia basada na canción tradicional polaca "Maryna gotuj pierogi" Maruxa que está farta de facer todas as tarefas da casa soa, é dicir, SEN AXUDA DE NINGUÉN,  decide dar unha lección ao seu marido para ver se cambia de actitude porque aínda encima de lavar, planchar, recoller, tender a roupa, cociñar, sacar a pasear ao can... aínda encima... Pepiño quere que lle amase pan!!
 

    Pouco a pouco, Maruxa irá conseguindo que Pepiño se de conta do inxusto da situación e de que, tanto o traballo como o lecer, deben ser cousa de dous.

   

Además de escoitalo, tamén vimos a curtametraxe baseada neste libro.

 

    E despois de velo e escoitalo, por que credes que escollimos esta historia?

    Pois porque a loita contra a violencia de xénero comeza por entender que homes e mulleres somos iguais e por tanto, ámbolos dous podemos facer as mesmas cousas e colaborar xuntos para calquera tarefa!!

   Podedes escoitar de novo o conto en Radiuvín nas voces dos biblioaxudantes Laura Gómez, Laura Rodríguez e Pablo.

 

Distribuir contido