As familias contan

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Estrela e Noé (31/05/2024)

    Hoxe recibimos no colexio a Paula, a nai dos nosos compañeiros Estrela e Noé, e aínda que Paula e Estrela xa saben o que é ler na biblioteca, para Noé era a primeira vez.

   Eles decidiron compartir con nós o libro Feliz Feroz. O lobiño riquiño de El Hematocrítico.

 

   Nesta historia coñecemos á irmá de Lobo Feroz que está moi preocupada porque o seu fillo non é un lobo feroz senón que é boísimo.

 

   Como ela xa non sabe que facer, pídelle axuda ao seu irmán o Lobo Feroz quen lle di que llo leve uns días para a súa casa, que alí el se sencargará de ensinarlle a ser un lobo que meta moito medo.

 

    Durante esta visita Lobo Feroz intenta ensinarlle a Lobiño cousas de lobos: cazar coellos, asustar a Carapuchiña, comer aos tres porquiños, atrapar aos sete cabritiños...

 

 

    Pero non hai maneira! Lobiño só sabe xer amable!! En vez de cazar aos coellos, failles unha ensalada; no canto de comer a Carapuchiña e á súa avoa, faise amigo delas... este Lobiño é un desastre!

 
  Ao final Lobo Feroz dáse por vencido e Lobiño acaba sendo un lobo riquiño e un boísimo pasteleiro que fai uns doces riquísimos para os demais dos animais do bosque.

 
  MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A CONTARNOS  ESTA  HISTORIA  E  POR  PREPARAR  ESTES  DEBUXOS  TAN  CHULOS!!

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Manuel V. (22/05/2024)

     Para rematar as actividades sobre Luísa Villalta, autora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, Noelia e Manuel viñeron a lernos o libro Sempre infinita. Luísa Villalta escrito por Eva Mejuto e ilustrado por Bea Gregores.

  
   Con este libro ampliamos coñecementos sobre a súa biografía intercalando datos da súa vida con fragmentos da súa obra.

 

    Escoitándooss soubemos da súa loita contra a desigualdade da muller, contras as inxustizas e a guerra; e á vez da súa loita pola defensa de Galiza e do galego.
 

    E tamén escoitamos na voz de Manuel fragmentos de obras como O oco da palabra, Alma de Beiramar, Concerto para un home só, Ruído... rematando con este anaco de En concreto:

Esa son eu

rubindo unha e outra vez as escadas

dun mundo posíbel

separado sempre pola idade, a teima

e a vontade íntima de voar

MOITAS  GRAZAS  AOS  DOUS  POR  ESTA  LECTURA  E  POR  DEIXARNOS  O  LIBRO  COMO  AGASALLO!

SEMPRE  É  UN  PRACER  ESCOITARVOS!!

 
 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Alassane (20/03/2024)

     Rematamos este trimestre cunha nova sesión da actividade As familias contan con Natalia, a nai de Alassane que veu a lernos o conto A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza de Werner Holzwarth e Wolf Erlbruch.

 
     Nesta historia a toupiña quere averiguar quen lle fixo na cabeza unha caca gorda e marrón que parece un chourizo.
 
   Para tratar de averigualo, a toupiña comezou as súas pesquisas falando cunha pomba, cunha lebre, cun cabalo, cunha cabra... e ata cunha vaca! Menos mal que non fora a vaca quen lle fixera iso na cabeza!!
 
  Pero ao final, quen conseguiu axudar á toupiña foron unhas moscas que uliscaron aquilo que tiña na cabeza e lle deron a resposta correcta: Xan Pedro! O can do carniceiro!!
 
  Se queredes saber que fixo a toupiña cando se enterou da identidade do culpable, podedes facelo escoitando o podcast que Natalia e Alassane gravaron nos estudos de Radiuvín.


  Ademais de compartir este libro co alumnado do colexio, Natalia e Alassane trouxeron moitos xogos relacionados con diferentes animais para que todos os nenos e as nenas do colexio puideran pasar un rato divertido xogando con eles.

 

 

 

 

MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  COMPARTIR  CON  NÓS  ESTE  LIBRO  E  ESTES  XOGOS  TAN  DIVERTIDOS!!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Manuel Vázquez

   Nesta nova sesión de As familias contan estivemos con Noelia, a nai de Manuel, que repite por segunda vez este ano xa que lle gustou moito a experiencia e tiña un ratiño libre para poder volver a compartir con nós outro libro: Unha fábrica de bicos de María Canosa.

  Con esta lectura coñecemos a Mindi que é unha nena á que non lle gusta nada dar bicos nin recibilos, só os soporta se non a apretan moito ou non son moi longos.

 
   Pero un día a súa nai fíxolle unha pregunta: como sabes que non che gusta dar bicos se nunca os quixeches dar? E con esta pregunta a Mindi entroulle a curiosidade porque a súa nai tiña razón: nunca dira un bico; sabería dalos?

   Xuntou os beizos e intentouno pero non lle saía bico ningún, pódese aprender a dar bicos? Existe unha máquina que os fabrique dentro de nós? 

 
Mindi xa case perdera a esperanza de aprender a dar bicos ata que un día, sen pensar, deulle un bico a un paxaro ferido. Foi o primeiro de moitos e con el quedou inaugurada a fábrica de bicos de Mindi.   Desde aquel momento comezou a repartir bicos porque a fabrica que tiña tras as fazulas non paraba de producilos e ademais, agora gustáballe dálos acompañados dun sorriso.

 

    Se queredes escoitar toda a historia de Mindi podedes facelo no seguinte podcast xa que Noelia e Manuel pasaron por Radiuvín para gravalo e compartilo con todos vós.

 

MOITAS  GRAZAS  AOS  DOUS  POR   PARTICIPAR  DE  NOVO  NESTA  ACTIVIDADE!!

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Aldán (28/02/2024)

   Hoxe estiveron na biblioteca Aldán e a súa nai Tamara para compartir con nós o libro Alicia y el cerebro maravilloso escrito por Nazareth Castellanos.

 

     Á nai de Alicia encántalle ler libros sobre o funcionamento do corpo humano pero a Alicia resúltalle aburrido porque hai moitas palabras difíciles e non entende nada; aínda que todo cambia cando coñece á Coneja Cajal e ao seu espello máxico co que pode ver o que hai dentro do seu corpo.

 

  O primeiro que viu foi unha noz xigante que resultou ser o seu cerebro. Sobre el descubriu moitas cousas que non sabía: pesa máis de un quilo e medio, encárgase de procesar toda a información, é o órgano máis comellón e comunica todo o corpo formando un precioso bosque de neuronas ao que hai que coidar.

 

   Alicia tamén coñeceu á eiruga xardineira que lle ensinou a ler e lle explicou que cada vez que aprendemos algo as ramas das árbores dos nosos bosques de neuronas medran e enlázanse entre si facendo o bosque moito máis fermoso.

 

     A continuación coñeceu a uns xemelgos que a levaron á zona da memoria onde se atoparon cun cabaliño de mar moi especial que nos axuda a lembrar un montón de cousas.

 

    A seguinte parada nesta viaxe polo cerebro foi nunha améndoa (amígdala) que medra con sentimentos como a rabia ou a tristeza mentres que cando te sintes ben volve ao seu tamaño normal. Esta améndoa é a encargada das emocións.

 

    Outro personaxe que coñeceu Alicia foi a Raíña de corazóns, chamada tamén Atención. Ela pode facer que só vexas unha cousa e as outras desaparezan; pero como isto era un pouco difícil para Alicia e a súa améndoa estaba comezando a crecer outra vez, a Raíña levouna cos seus trompetistas para que aprendese a respirar e relaxarse: inspirar, expirar, inspirar, expirar...

 

  E así, pouco a pouco, Alicia coñeceu como funciona o cerebo dunha persoa. Se vós queredes saber todo o que a Coella Cajal lle ensinou, podedes escoitar o seguinte podcast onde Tamara e Aldán nos deixaron gravado o libro.
 
 
 
 
 
MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A CONTARNOS  ESTE  LIBRO  E  POR  TODO  O  QUE  TRABALLASTES  PARA  FACER  OS  TÍTERES  DOS  PROTAGONISTAS!
 
 

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Leonor (2/02/2024)

    Comezamos As familias contan  do 2024, con Cristina e Leonor que compartiron con nós Miles de libros de Eduardo Baamonde.

 
   Con esta lectura puxéronlle voz a un lector ou lectora ao que lle gustan os libros por como son (grandes ou pequenos que pode levar no peto, de cores cálidas, polas súas ilustracións...) pero tamén polo que contan.

 

     Gústanlle os libros con moitas letras que contan historias longas e os que teñen moitas ilustracións.

 
   Tamén lle atraen os libros divertidos cos que podes cantar, xogar ou rir pero non os que falan de pelexas nin liortas.

     Libros informativos de animais, dinosaurios, astroloxía, arte, historia, cidades, viaxes, paisaxes... e libros de aventuras, meigas, fadas, trasnos, piratas, sereas, criaturas do mar...
 
 
   Tamén nos conta que lle gusta ler no verán na area da praia ou na cama para soñar coas súas páxinas.
 

 

 E a ti, como che gustan os libros?

    Para escoitar toda a lectura e coñecer moitos máis tipos de libros, aquí tedes o podcast que Leonor e a súa nai gravaron en Radiuvín.

 

 MOITAS  GRAZAS  ÁS  DÚAS  POLA  VOSA  PARTICIPACIÓN!
ESPERAMOS VOLVER  A  VERVOS  O  PRÓXIMO  CURSO!

 

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Ana (20/12/2023)

   Rematamos As familias contan desta avaliación coa participación da familia de Ana: Mari, a súa nai; Delfín, o seu pai e Dani, o seu irmán.

 

   Eles estreáronse nesta actividade léndonos o libro Mi camita escrito por J. S. Pinillos.

 
 
   Unha historia que anima ás crianzas a durmir soas na súas camiñas explicándolles o marabilloso que pode chegar a ser.

 

   Descubrimos que a camiña pode ser un refuxio, unha compañeira de xogos ou o lugar onde ter o mellor descanso.

 

   Tamén pode ser unha amiga que nos fai esquecer os malos momentos do día, unha viaxeira que nos leva en soños a moitos lugares diferentes ou unha compañeira de lectura.

 

   Se queredes escoitar toda a historia desta nena e a súa camiña podedes facelo no seguinte podcast que gravaron nos estudos de Radiuvín.

 

MOITAS  GRAZAS  POR  TRAERNOS  ESTE  LIBRO  QUE  NOS  DESCUBRIU  O  FASCINANTE  QUE  PODE  SER  DURMIR  NAS  NOSAS  CAMIÑAS!!


 

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Manuel V. (13/12/2023)

   Dentro da actividade As familias contan hoxe recibimos a Noelia Vázquez, nai do noso compañeiro Manuel Vázquez.

 

    Eles viñeron a compartir co resto do colexio o libro ¿Por qué estás triste, Casilda? escrito por María de Mondo.

 

   Durante esta lectura coñecemos a Casilda, unha nena que unha tarde chegou un pouco triste do colexio porque á súa amiga Claudia non lle gustaran as súas zapatillas de luces.

 

    Pero pouco lle durou ese sentimento porque despois dunha charla cos seus pais entendeu que cada persoa ten os seus propios gustos e iso é o que fai que cada un de nós sexamos únicos e especiais.

 

    Aínda así a Casilda quedoulle unha dúbida: que pasa se nos importa a opinión dos demais? debe importarnos a opinión das persoas ás que queremos? 

 

    Pois como ben lle dixo a súa nai: "No podemos gustar a todo el mundo. Lo principal es que te gustes a ti misma".

 

    Despois a súa nai propúxolle tres preguntas:

  " ¿Qué tres cosas bonitas dirías sobre ti?

    ¿Qué te gusta hacer y te pone contenta?

    ¿ Qué se te da bien?"

   Contestando a estas preguntas, Casilda deuse de conta de que tiña moitísimas cousas boas, de que era única e especial; e de que ese era o seu súperpoder.

 

    Atréveste ti a contestar ás mesmas preguntas que lle fixo a Casilda a súa nai para atopar o teu superpoder?

 

    Antes de marchar, Noelia e Manuel, tamén pasaron polos estudos de Radiuvín para deixar gravado este conto tan chulo e que todos o poidades escoitar tantas veces como queirades.

MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  COMPARTIR  CON   NÓS   UN  RATIÑO  E  ACHEGARNOS  REFLEXIÓNS  TAN  IMPORTANTES  COMO  AS  QUE  SE  RECOLLEN  NO  LIBRO:

- O QUE TES NON TE DEFINE.  O IMPORTANTE É COMO ES.

- NON PODES GUSTAR A TODO O MUNDO.  O IMPORTANTE É QUE TE GUSTES A TI MESMO.

- É IMPORTANTE QUE  COÑEZAS AS  TÚAS  VIRTUDES  PARA QUE TE GUSTES. 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Anxo (27/11/2023)

    Hoxe tivemos unha nova sesión da actividade As familias contan da man de Sabela, tía do noso compañeiro Anxo.

   Eles elixiron para compartir con nós o libro favorito de Anxo: A pantasma coas bragas rotas escrito por Jose Carlos Andrés.

 

  Todos os habitantes de Castrelo Pesadelo viven aterrorizados por A pantasma das bragas rotas que pasa todo o día asustándoos e non os deixa vivir nin durmir tranquilos.

 

    Para acabar con este problema reúnense todos na praza para decidir que facer coa pantasma e como solución ocúrreselles ir a falar con ela e dicirlle que xa está ben de tanto susto.

 

 

     Pero todos os que intentan ir a falar con ela acaban escapando mortos de medo! 

 

Ata que a Fina, a avoíña, se lle ocurriu a solución perfecta!

Regalarlle unhas bragas novas!!

 

   A partir dese momento a pantasma deixou de asustar a todos; pero non para sempre porque cando se lle volven a romper as bragas, empeza a berrar outra vez: SON A PANTASMA DAS BRAGAS ROTAS!

   Eso si, agora os habitantes de Castrelo Pesadelo xa saben a solución: REGALARLLE UNHAS BRAGAS NOVAS!

 

    Se queredes escoitar completa esta historia, podedes facelo no enlace do podcast xa que Anxo e Sabela estiveron en Radiuvín para deixarnos o conto gravado.

 

MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  CONTARNOS  ESTA  HISTORIA  TAN  DIVERTIDA!

ESPERAMOS  VOLVER  A VERVOS  PRONTO NA  BIBLIOTECA!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

AS FAMILIAS CONTAN: FAMILIA DE EREA (24/11/2023)

Hoxe estreamos a actividade As familias contan deste curso 2023 - 2024 coa Familia de Erea.

  
Erea e a súa nai Silvia escolleron o libro titulado Stelaluna escrito e ilustrado por Janell Cannon.
 
 
  Stelaluna é unha pequena morcego que se perde da súa nai cando un bufo a ataca.
 
 
Como está perdida e soa unha familia de paxaros decide adoptala pero os paxaros son moi diferentes dos morcegos
 

 

Stelaluna intenta adaptarse á súa nova familia e, aínda que se leva moi ben cos pequenos paxariños, non é doado para ela; eles non dormen colgados polos pés, comen insectos, voan polo día...
 

 

Un día cando saen a voar, Stelaluna volve a perderse e fáiselle de noite no bosque así que decide pousarse nunha rama a esperar a que se faga de día.
 

Estando colgada daquela rama a Stelaluna pasoulle algo sorprendente: atopou a súa nai!

Desde ese momento comezou a vivir con ela e aprendeu como viven os morcegos de verdade.

 

    De alí a uns días, Stelaluna foi  buscar aos seus amigos paxariños para ensinarlles como é realmente a vida dos morcegos e con ese intercambio, todos aprenderon que é posible ser amigos a pesar das diferenzas.

- Ojalá vosotros también pudierais ver en la oscuridad- dijo Stetaluna.
—Ojalá tú pudieras posarte de pie —respondió Flitter, Pip y Flap asintieron con la cabeza.
Se quedaron allí arriba en silencio un buen rato.
—¿Cómo podemos ser tan distintos y sentirnos tan iguales? —meditó Flitter.
—¿Y cómo podemos sentirnos tan distintos y ser tan iguales? —se preguntó Pip.
—Creo que eso es todo un misterio —pió Flap.
—Estoy de acuerdo —dijo Stelaluna—. Pero somos amigos. Y eso sí que está claro.

 

 

   Se vos quedastes con ganas de saber máis sobre a historia de Stelaluna, podedes escoitar todo o libro no seguinte podcast xa que Silvia e Erea estiveron en Radiuvín para gravalo.

 

MOITAS  GRAZAS  AS  DÚAS  POR  VIR  A  LERNOS  ESTA  HISTORIA  COA  QUE  APRENDEMOS  TANTO  SOBRE  INTEGRACIÓN, DIVERSIDADE  E  RESPECTO!!

 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

Distribuir contido