Día das Letras Galegas
SEMANA DAS LETRAS GALEGAS 2024: xoves
Para rematar a Semana das Letras Galegas con actividades dedicadas a Luísa Villalta, fixemos entrega dos premio acadados no Certame de Investigación Letras Galegas.
Primeiro démoslle un agasallo a todos os nenos e as nenas que decidiron participar neste certame investigando sobre Luísa Villalta e a súa obra.
Despois entregamos os premios a todos aqueles nenos e nenas que fixeron unha investigación perfecta sen ningún erro. Este premio consistiu nun libro e nun chaveiro co mapa de Galicia impreso en 3D.
FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!!
SEMANA DAS LETRAS GALEGAS 2024: martes e mércores
O martes e o mércores adicámolos a traballar con varios textos da autora de diferentes xéneros literarios. As biblioaxudantes Nayara e Daniela que tamén son membros do club de lectura foron as encargadas de preparar a lectura dos textos para o resto do alumnado.
Despois de escoitalas fixemos unhas fichas relacionadas cos textos lidos repartidos en grupos internivel.
SEMANA DAS LETRAS GALEGAS 2024: luns
Durante a Semana das Letras Galegas, o alumnado do cole estivo desenvolvendo varias actividades arredor da escritora Luísa Villalta homenaxeada este ano.
Primeiro achegámonos á súa biografía da man dos biblioaxudantes Carlota, Germán e Javier que como tamén son membros do club de lectura, xa coñecían a esta autora polo traballo realizado nas últimas sesións do club e con esa información prepararon un resumo da súa vida ademais de compartir co resto do alumnado o vídeo elaborado polo alumnado do CEIP Chans - Bembrive coa música "I love it" de Icona Pop con letra e voz de Ana M. García.
Despois presentamos o Certame de Investigación Letras Galegas sobre o autora homenaxeada no que lle propuxemos ao alumnado unha batería de preguntas sobre a súa vida e a súa obra basadas no material publicado polo Seminario Galán.
O alumnado de Infantil tamén se achegou á vida desta autora cunha pequena ficha que incluía un código QR con información adaptada á súa idade.
CLUB DE LECTURA (14 / 2023 - 204)
Queremos seguir coñecendo a Luísa Villalta e para iso hoxe comezamos o libro Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta escrito Polo Correo do Vento da colección Mulleres Galegas.
Tras a lectura das primeiras páxinas, lemos tamén uns pequenos caligramas: o primeiro recolle en forma de violín datos importantes da súa biografía e o segundo é un fragmento do seu poema á Torre de Hércules.
Despois rematamos a sesión co visionado da biografía musical da autora elaborada polo alumnado do CEIP Chans - Bembrive coa música "I love it" de Icona Pop con letra e voz de Ana M. García.
LETRAS GALEGAS: Francisco Fernández del Riego
Os membros do club de lectura Viaxando polas letras estiveron lendo a obra de teatro As cousas de Don Paco que é unha obra de Eva Mejuto coa que coñecemos a biografía de Francisco Fernández del Riego autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023.
E xa que tiñan esta lectura preparada, compartírona co resto do alumnado para que eles tamén coñeceran a súa vida da man dos obxectos protagonistas da mesma:
Don Lapis (o lapis que o acompañou durante toda a vida)
Baldomero (o reloxo que lle regalou a súa muller Evelina)
Oliva (a súa máquina de escribir)
Leica (a cámara de fotos que sempre levaba con el) e
Guadalupa (a lupa que usou para ler cando xa era maior).
LETRAS GALEGAS: Francisco Fernández del Riego
O autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas é Francisco Fernández del Riego, o propio impulsor da creación deste día hai 60 anos, cando se lle adicou por primeira vez a Rosalía de Castro na data da publicación da súa obra Cantares Gallegos.
Para coñecelo mellor o Equipo de Dinamización da Lingua Galega con alumnado de diferentes grupos do centro fixo varias actividades:
Gravación dun vídeo no que nos resumen a súa biografía:
Gravación doutro vídeo no que podemos escoitar fragmentos da súa obra con ilustracións dos nenos e nenas de Ed. Infantil e de 3º e 4º de Primaria.
Elaboración dun mural grupal entre todo o alumnado de Primaria:
VIAXANDO POLAS LETRAS (14 / 2022 - 2023)
Unha das finalidades do club de lectura é facer que os nenos e as nenas se acheguen aos diferentes xéneros literarios; por iso, quixemos tamén dedicarlle unhas sesións ao teatro. Neste caso a obra literaria escollida foi As cousas de Don Paco que é unha obra de Eva Mejuto coa que coñecemos a biografía de Francisco Fernández del Riego autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023.
O primeiro que lles chamou a atención foron os protagonistas xa que non hai ningunha persoa nesta obra senón que todos son obxectos relacionados co autor: Don Lapis (o lapis que o acompañou durante toda a vida), Baldomero (o reloxo que lle regalou a súa muller Evelina), Oliva (a súa máquina de escribir), Leica (a cámara de fotos que sempre levaba con el) e Guadalupa (a lupa que usou para ler cando xa era maior). A partir deste punto aproveitamos para falar da personificación pero tamén doutros recursos literarios.
Outro punto de análise foi a estrutura da obra que está dividida en tres actos, pero que é un acto e cal é a diferenza entre acto e escena?
Os actos son as partes nas que se divide a obra teatral e indican cambios de tempo, espazo ou acción; e as escenas son as partes nas que se divide un acto e poden estar diferenciadas por exemplo, polas saídas ou entradas de personaxes.
Despois comezamos a falar da propia biografía do autor parándonos un chisquiño máis nos anos que estivo estudando en Monforte xa que xeográficamente nos queda moi cerquiña e varios pais de membros do club tamén estudaron nese colexio.
Falamos tamén do seu papel principal como creador do Día das Letras Galegas e da creación da Editorial Galaxia e a revista Grial e ademais reflexionamos sobre a importancia do galego e do seu uso: segue sendo de paletos falar galego? por que hai que defender a nosa lingua? Sería interesante que desaparecesen as linguas do mundo e todos falaramos o mesmo idioma?
Gustounos tanto esta obra que decidimos preparala para representarlla aos nosos compañeiros a próxima semana!
A ver se lles gusta!!
MÚSICA DE RAÍZ (3-5-2023)
Música de raíz é unha actividade realizada pola Fundación Legar que chegou ao noso centro a través da Deputación de Lugo.
Con Xavier Blanco e Martina Ferradás, o alumnado de 6º de infantil e de 1º a 4º de Primaria aprendeu moito sobre a música tradicional galega e sobre instrumentos tradicionais coñecidos e outros que non o son tanto
Sobre todo coñeceron instrumentos feitos con cousas cotiás de xeito que non necesitamos ter un instrumento propiamente dito para facer música senon que con materiais que temos ao noso alcance podemos podemos imitar os sons da natureza ou acompañar ritmicamente un montón de cantigas: tesoiras, utensilios da cociña, ferramentas para traballar o campo, botellas, vasoiras, cornos de animais...
Ademais puidemos escoitar a gaita, diferentes pandeiros e tambores, o maio - maiolo, unha trécola, un acordeón...
Tamén apareceron pola biblioteca outros personaxes como un espantallo, un cabezudo, Enriquito e Don Ramiro que propuxeron cantigas e actividades musicais coas que os nenos e nenas o pasaron moi ben.
E para rematar bailamos ao son do acordeón diferentes cantigas galegas...
Coñecer toda esta variedade instrumental e musical de Galicia levou consigo coñecer tamén a vida do campo e outras tradicións da nosa comunidade, o que nos axuda a darlle valor ao noso patrimonio cultural.
Moitas grazas por facernos esta achega dun xeito tan participativo, lúdico e divertido, foi unha moi boa forma de comezar as actividades do Mes das Letras Galegas!
CERTAME DEBUXO E NARRACIÓN LETRAS GALEGAS - 2022
Luís Fernández Guitián, o alcalde do noso Concello, entregou hoxe os premios do Certame de Debuxo e narración das Letras Galegas 2022 convocado pola Biblioteca Nodal de Lugo a través das Bibliotecas Pública Municipais co lema O mundo que me rodea. Neste certame participa todo o alumnado de Primaria a través da materia de Plástica.
Agora os traballos foron enviados a Lugo para participar na fase provincial.
NORABOA AOS GAÑADORES/AS!!
LETRAS GALEGAS 2022: COLABORANDO CON OUTRAS BIBLIOTECAS
Este ano quixemos homenaxear a Florencio Manuel Delgado Gurriarán ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas, elaborando un vídeo no que poderedes descubrir varios datos sobre a súa biografía e ver os videopoemas elaborados por diferentes bibliotecas do colectivo.
A nosa aportación ao vídeo podedes vela nos minutos iniciais nos que o alumnado de 4º e 6º de Primaria fai a presentación e achéganos á vida do autor con pequenas pinceladas da súa biografía; e no poema Cantiga da vindima recitado polo alumnado de 3º e 4º de Primaria.