Horto escolar
PLANTANDO... (7/11/2017)
A froitería Maria Castaña, que ten un posto na praza de abastos de Monforte de Lemos, está levando a cabo unha campaña de doazón e plantación de árbores entre nenos e nenas.
O noso alumnado pasa a formar parte tamén de esos pequenos coidadores de árbores que estaban buscando, xa que acabamos de plantar tres das súas árbores: dous castiñeiros e un carballo.
Moitas grazas por esta doazón!
SEMENTAMOS E PRANTAMOS (outubro 2016)
No inverno tamén se poden cultivar moitas hortalizas; por iso estamos na época de prantar e sementar nabos, leitugas, acelgas, guisantes....
O primeiro é abonar a terra e como o noso compost aínda non se pode utilizar, usamos abono comprado
Despois sementamos e prantamos. Agora queda coidalas e esperar a que medren...
Patacas e cebolas (30/09/2016)
Como sempre ao comezar o colexio, recollemos as patacas e as cebolas que durante o verán medraron no noso horto. Aquí tedes parte da colleita:
HORTO ESCOLAR
Agora que está rematando o curso, o noso horto loce así de fermoso; grazas ao traballo dalgúns dos nosos alumnos, das profes e sen ningún pesticida!! Totalmente ecolóxico!!
Unhas fermosas plantas de patacas que esperemos que teñan moitas e ricas pataquiñas para cando voltemos en setembro.
E unhas apetitosas leitugas coas que Mari Luz xa está preparando ricas ensaladas.
TRABALLANDO NO HORTO!!
Despois de que desde o Concello viñesen a arar a terra do noso horto, comezamos o traballo nel prantando e sementando leitugas, cebolas, repolos, perixel... para ter ricas hortalizas antes do fin de curso
Tamén a cociñeira participou nestas tarefas transplantando o perixel que crecía na parte dianteira do centro:
PREPARANDO O HORTO PARA PASAR O INVERNO (10-11-2015)
Agora que ven o frío, temos que preparar o noso horto para pasar o inverno.
1. Empezamos recollendo as follas secas que temos no patio, coa axuda de todos os nenos e nenas do colexio.
2. Despois carretamos as follas ata o horto.
3. Esparcimos as follas polo horto e xa está listo para pasar o inverno
AS NOSAS FRESAS
Xa é tempo de recoller as apetitosas fresas da nosa plantación.
Un traballo que lles gusta moito facer aos nenos e nenas de Educación Infantil:
E despois de recollelas? COMELAS!! Ou con iogur ou nunha rica macedonia!!
LEITUGUIÑAS
Seguimos traballando no horto: quitándolle herbas, regando... O que faga falta para coidar as nosas hortalizas e verduras.
Hoxe toca recoller e comer as leitugas nunha rica ensalada:
O HORTO EN ABRIL
Despois de tanto traballar no horto escolar, así é como se atopa o horto na actualidade.
Só nos queda esperar a que medren as hortalizas para poder recoller os froitos do noso esforzo.
SEMENTANDO E PLANTANDO NO HORTO
Hoxe no centro contamos coa presenza da artista e escritora Mar Sabater quen, ademáis da súa faceta artística, é a encargada do horto comunal de O Colado do Vento.
Con ela aprendemos novas técnicas de sementado e plantado.
Primeiro realizamos un encargo que xa nos deixara feito: elaboración dun tónico de ortigas para o momento da plantación. Para este tónico; os nenos e nenas trouxeron follas de ortiga das súas casas que deixamos a macerar en auga durante dúas horas.
Despois nunha pequena charla, Mar explicoulles aos nenos a importancia de traballar o horto sen darlle a volta a terra.
A continuación, pasamos á acción sementando tirabeques e regando as sementes recén plantadas co tónico de ortigas.
Tamén plantamos framboesas ao lado do muro do patio.
Para rematar, Mar deunos as pautas para a elaboración dun bo compost. Empezamos facendo unha cama de paos e a continuación unha capa de follas. Aínda que o compost quedou sen rematar xa que nos faltan as dúas seguintes capas (estrume animal e outra capa vexetal) que poñeremos en días vindeiros.
- 1
- 2
- 3
- 4
- seguinte ›
- última »