Música
EXCURSIÓN A SANTIAGO: CONCERTO DIDÁCTICO E VISITA AO MUSEO DAS PEREGRINACIÓNS (24/10/2024)
O alumnado de Primaria participou nunha excursión a Santiago de Compostela.
INTER RITMOS: SONS DO RURAL (18-10-2024)
O alumnado de 3º a 6º de primaria acaba de participar na xornada INTER RITMOS: SONS DO RURAL, organizada polo GDR Ribeira Sacra - Courel no noso concello, concretamente na palleira de SolPor CamperPark.
Neste evento que levaba por nome: Fandango e muiñeira protas de verbena, puidemos aprender moito sobre a esencia da música tradicional galega e o flamenco escoitando a El Farru (bailaor, coreógrafo e cantante) e a Julia (experta en música tradicional galega) nun debate moderado por Patricia Hermida.
Ademais de escoitar o debate, neste ratiño tamén puidemos escoitar a nosa compañeira Ainhoa cantando A saia da Carolina mentres El Farru, bailaba esta peza galega a ritmo de tanguillo.
Despois do debate desfrutamos da música de Os Parentes, grupo musical de Sober que realizou unha intervención na que interpretou diferentes cancións tradicionais e populares de Galicia.
GRAZAS AO CONCELLO POR INVITARNOS A ESTE EVENTO NO QUE APRENDEMOS TANTO SOBRE A MÚSICA DE RAÍZ!!
AUDICIÓN DIDÁCTICA DO GRUPO DE PERCUSIÓN DO CONSERVATORIO MUNICIPAL MESTRE IBÁÑEZ (15/15/2023)
Hoxe a biblioteca do colexio convertiuse nun auditorio!
Para complementar o proxecto sobre a familia dos instrumentos de percusión que estivemos levando a cabo nesta avaliación, contamos coa presenza do grupo de percusión do Conservatorio Municipal "Mestre Ibáñez" de Monforte de Lemos.
Alba, Laura, Noé, Aarón e o seu mestre José Luis empezaron falándonos da orixe da percusión pois xa na prehistoria se utilizaban pedras e madeira para facer ritmos. Por iso as tres primeiras obras foron obras nas que non utilizaron instrumentos:
Palos y claves na que empregaron as baquetas só para golpearo chan e golpearse entre elas.
La cocina na que tocaron diferentes utensilios e pezas de vaixela que podemos atopar en calquera cociña
e Feet and hands que é unha obra de percusión corporal.
Na segunda parte do concerto tocaron varias obras nas que puidemos escoitar instrumentos de percusión de madeira, de metal e de parche. Neste caso tocaron unha versión da obra Seven nation army de
Tamén puidemos diferenciar instrumentos de percusión de altura determinada e indeterminada e decatarnos do ben que soan todos xuntos como nesta versión da canción Happy de Pharrell Williams
Ademais comprobamos que con esta familia de instrumentos se poden interpretar cancións de todos os estilos musicais, como mostra aquí deixamos unha obra baseada nalgúns éxitos de Michael Jackson.
Unha diferenza entre os músicos que estudan percusión e outros instrumentistas é que os percusionistas teñen que aprender a tocar todos os instrumenos que compoñen esta familia por iso, se vos fixades, veredes que os cinco membros deste grupo cambian de instrumento continuamente de xeito que todos eles tocan todos os instrumentos. Compartimos agora un arranxo da obra Oye como va, un coñecido mambo de Santana.
Para rematar, o grupo de percusión interpretou tamén dúas coñecidas panxoliñas coas que o noso alumnado se puxo a cantar nada máis recoñecelas, recoñecédelas vós?
Esperamos que todo o noso alumnado sexa consciente a partir de agora de que os instrumentos de percusión non son só o triángulo, o bombo, a pandeireta ou a batería senón que hai moitísimos máis instrumentos de percusión e tamén, que sexan conscientes da súa importancia dentro dunha orquestra ou dunha banda.
Ao finalizar fixémoslle entrega duns agasallos cos que agradecer este ratiño que pasaron con nós na biblioteca e este marabilloso concerto!
Despois catro dos compoñentes do grupo estiveron nos estudos de Radiuvín para falar sobre música, sobre percusión e sobre eles mesmos con Germán, Carlota e Javier.
Para rematar queremos volver a darlle as grazas por esta colaboración ao CONSERVATORIO MUNICIPAL MESTRE IBÁÑEZ de Monforte de Lemos e, sobre todo, a José Luis, mestre de percusión, e aos alumnos que forman este grupo.
Se queredes ver todas as imaxes desta actividade, só tedes que seguir o enlace:
EXCURSIÓN A SANTIAGO (1/12/2023)
Este ano volvemos a participar nos concertos didácticos que organiza o Concello de Santiago de Compostela en colaboración co Auditorio de Galicia para estudantes de Primaria.
Nesta ocasión fomos a ver Pulcinella e a máscara máxica, adaptación dun fragmento da Suite para orquestra do mesmo nome de Igor Stravinsky.
Despois do concerto xantamos na Residencia Universitaria Burgo das Nacións e pola tarde fixemos unha visita guiada ao Museo de Historia Natural de Santiago.
Durante a visita pudiemos ver as diferentes zonas do museo:
Xeodiversidade: minerais, xemas, rochas, fósiles...
Biodiversidade:
Biodiversidade mariña: moluscos, invertebrados, algas, tartarugas...
Biodiversidade terrestre mundial: biomas, sabana, selva...
Biodiversidade terrestre galega: fragas, augas continentais...
Podedes ver moitas máis imaxes desta excursión na GALERÍA DE IMAXES.
XI SEMANA DA MÚSICA: A PERCUSIÓN (22/11/2023)
Esta é a décimo primeira Semana da Música que celebramos no colexio con motivo de Santa Icía, patroa da música.
A actividade completouse cun concerto didáctico na biblioteca a cargo de Alba Varela Losada, ex-alumna do noso colexio e, na actualidade, alumna en prácticas. Ela, como percusionista, puido explicarlle a todo o alumnado os aspectos máis importantes dos instrumentos que forman esta familia: clasificación, tipos de sons que poden producir, técnica instrumental, tipos de baquetas, instrumentos de pequena percusión...
Despois Alba foi a encargada de facer entrega dos agasallos aos participantes no certame de investigación e os premios aos que mellor o fixeron.
MÚSICA DE RAÍZ (3-5-2023)
Música de raíz é unha actividade realizada pola Fundación Legar que chegou ao noso centro a través da Deputación de Lugo.
Con Xavier Blanco e Martina Ferradás, o alumnado de 6º de infantil e de 1º a 4º de Primaria aprendeu moito sobre a música tradicional galega e sobre instrumentos tradicionais coñecidos e outros que non o son tanto
Sobre todo coñeceron instrumentos feitos con cousas cotiás de xeito que non necesitamos ter un instrumento propiamente dito para facer música senon que con materiais que temos ao noso alcance podemos podemos imitar os sons da natureza ou acompañar ritmicamente un montón de cantigas: tesoiras, utensilios da cociña, ferramentas para traballar o campo, botellas, vasoiras, cornos de animais...
Ademais puidemos escoitar a gaita, diferentes pandeiros e tambores, o maio - maiolo, unha trécola, un acordeón...
Tamén apareceron pola biblioteca outros personaxes como un espantallo, un cabezudo, Enriquito e Don Ramiro que propuxeron cantigas e actividades musicais coas que os nenos e nenas o pasaron moi ben.
E para rematar bailamos ao son do acordeón diferentes cantigas galegas...
Coñecer toda esta variedade instrumental e musical de Galicia levou consigo coñecer tamén a vida do campo e outras tradicións da nosa comunidade, o que nos axuda a darlle valor ao noso patrimonio cultural.
Moitas grazas por facernos esta achega dun xeito tan participativo, lúdico e divertido, foi unha moi boa forma de comezar as actividades do Mes das Letras Galegas!
X SEMANA DA MÚSICA (20 a 25/11/2022)
Con motivo de Santa Icía, patroa da música, celebramos por décimo ano consecutivo a Semana da Música do noso colexio.
Durante toda a semana, ían aparecendo na entrada da biblioteca diferentes probas para que o alumnado investigara e averiguara moitas cousas sobre a familia de instrumentos á que se lle adicou este ano a semana musical: A FAMILIA DE VENTO MADEIRA.
Para completar a actividade, o venres achegáronse ao centro Laura Rodríguez e Luis Fernández, nai e pai das nosas compañeiras Mencía e Candela, ámbolos dous mestres de clarinete.
Con eles coñecemos moitas cousas sobre estes instrumentos: as súas partes, a súa historia, as cualidades do seu son e outros instrumentos da familia como o requinto ou o clarinete baixo.
A actividade tamén contou coas alumnas do colexio que tocan instrumentos de vento-madeira (Yanira, Libertad, Iria, Mencía, Candela e Silvia), entre todos ofrecéronnos un concerto durante o que interpretaron varias obras.
CONCERTO DIDÁCTICO - Sociedade Filarmónica de Monforte de Lemos
O alumnado de 5º e 6º de Primaria asistiu o venres, día 14, ao concerto didáctico organizado pola Sociedade Filarmónica de Monforte de Lemos: O violín na Arte dende o Barroco ata hoxe. Un concerto ao que fomos invitados pola filarmónica debido á colaboración entre esta sociedade e o Concello de Sober.
Neste concerto, o violinista albanés Florian Vlashi, fixo un percorrido pola música dende o Barroco ata a actualidade interpretando obras de autores representativos destes 500 anos de historia como Bach, José Herrando ou Pablo Sarasate.
Ademais a música combinábase cunha proxección de cadros nos que aparecía o violín correspondentes á etapa histórica de cada obra: Rafael, Caravaggio, Monet, Picasso, Dalí...
Durante o concerto o alumnado puido escoitar obras interpretadas a dúo (violín e violonchelo) e obras para violín solista nas que coñecemos tres tipos de violíns diferentes: o violín da época barroca con cordas de tripa, o violín que coñecemos na actualidade e o violín eléctrico.
Dámoslle as grazas a Sociedade Filarmónica de Monforte por organizar este concerto que resultou unha experiencia moi enriquecedora para o noso alumnado.
IlustrarNÓS: Os nosos ilustres instrumentos
Esta semana o alumnado de 3º e 4º de Primaria participou no obradoiro OS NOSOS ILUSTRES INSTRUMENTOS dentro da campaña IlustrarNÓS organizada pola Deputación de Lugo e solicitada pola ANPA.
Juan A. Álvarez foi o encargado de presentarnos un montón de instrumentos tradicionais galegos de percusión uns máis coñecidos como o tamboril, o pandeiro ou a pandeireta e outros máis descoñecidos como a pandeira ou o charrasco. Tamén nos amosou como facer música con obxectos que non son instrumentos como as piñas ou as cunhas
Pola súa banda, a ilustradora Laura Romero ensinounos a darlle vida aos instrumentos poñéndolles rostro e corpo.
Na segunda parte do obradoiro, deixamos os instrumentos de percusión e coñecemos o pícolo, a gaita e a zanfona.
SEMANA DA MÚSICA - 2021: INSTRUMENTOS DE VENTO
Como xa vén sendo tradición, polo mes de novembro coincidindo co día de Santa Icía, celebramos a Semana da Música que este ano cumpre 9 edicións.