DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO (25 - 11 - 2017)

     Desde a biblioteca non podemos deixar pasar o Día contra a violencia de xénero sen tentar loitar contra esta lacra da sociedade.

    Para iso, os biblioaxudantes de hoxe, léronnos o libro Rosa Caramelo de Adela Turin.
   Unha historia na que todas as elefantas da manada desde o seu nacemento só poden comer flores que lles dan unha pel rosada e suave, viven nun xardín pechado xogando entre elas e vestindo zapatiños cor rosa, roupa de cor rosa e grandes lazos rosa nos seus rabos. Mentres, os elefantes machos poden xogar libres, comer herba, revolcarse no lodo e ducharse no río.
   Nesa manada, un día naceu unha elefanta chamada Margarita que non quixo ser de cor rosa, nin comer flores rosas nin levar roupa rosa; e escapou do xardín para xogar coma os elefantes machos. Pouco a pouco, as outras elefantiñas seguiron o camiño de Margarita e hoxe en día, se ves unha manada de elefantes xa non saberás cales son machos e cales son femias porque todos son de cor gris e xogan en liberdade. 

 

   Este conto, serviunos para abrir un debate sobre a igualdade de xénero e os comportamentos que como debemos adoptar: podemos os nenos e as nenas xogar as mesmas cousas? Pode unha nena xogar ao fútbol? Pode un neno xogar ás bonecas?
 
   Preguntas que deberían estar xa obsoletas pero nas que aínda hoxe é necesario incidir.

   Tamén grabamos un vídeo coa canción de Andaluna y Samir, no que rexeitamos todo tipo de violencia e propoñemos o diálogo e a intelixencia como vía de solución de problemas.