APRENDER A PENSAR COA BIBLIOTECA ESCOLAR (Texto: Asesoría Bibliotecas Escolares)
"Aprender a pensar coa biblioteca escolar" é o lema escollido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para as bibliotecas do PLAMBE durante o curso 2017/2018.
O encargado de ilustrar este lema foi Xosé Tomás profesor de inglés no CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) quen debuxou a biblioteca escolar como un espazo que acolla a todos e todas e que teña a capacidade de "abducir" as persoas usuarias, de trasladalas a situacións gratas de aprendizaxe.
Unha biblioteca escolar supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, para "aprender a pensar".
APRENDER A PENSAR a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións.
APRENDER A PENSAR co cine e coa música.
APRENDER A PENSAR a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas.
APRENDER A PENSAR baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos para desenvolver o pensamento complexo.
APRENDER A PENSAR nas clases, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio.
A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir.
Texto orixinal: Asesoría Bibliotecas Escolares de Galicia