II CERTAME MULLERES DE LEMOS: MARÍA CASTAÑA
Para conmemorar o Día da Muller que se celebra o 8 de marzo; organiza por segundo ano o Certame Mulleres de Lemos coa finalidade de dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos.
O Certame deste ano estará dedicado a María Castaña como líder da revolta medieval que se produciu en Cereixa (A Pobra de Brollón) para protestar polos impostos que demandaba a Igrexa aos campesiños.
As actividades que levaremos a cabo serán as seguintes:
- O obradoiro “María Castaña. Unha muller para o 8 de marzo” nos centros educativos públicos e concertados da nosa comarca. Esta actividade desenvolverase en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) de Monforte de Lemos e constará por unha banda, nun traballo de reflexión sobre a vida das mulleres no século XIV: os roles que tiñan e a falta de dereitos que padecían simplemente por ser mulleres e, por outra banda, na elaboración dun libro que plasme en imaxes esta reflexión a través da vida de María Castaña.
- II Certame Mulleres de Lemos modalidade Banda Deseñada. Para a poboación de Secundaria e Bacharelato (de 12 a 18 anos) na que os participantes terán que elaborar un traballo artístico e creativo en branco e negro que plasme a historia de María Castaña (extensión de 2 a 4 páxinas).
- II Certame Mulleres de Lemos modalidade Divulgación. Esta modalidade está destinada a maiores de 18 anos que en calquera xénero literario presenten un traballo sobre a protagonista do certame (extensión de 10 a 25 páxinas a dobre espazo, tamaño de letra 12).