CLUB DE LECTURA (16/ 2023 - 2024)

  A última sesión do club de lectura deste ano, xirou en torno ao libro 12 poemas de Federico García Lorca publicado pola Ed. Kalandraka e ilustrado por Gabriel Pacheco.

 

   Esta é unha selección de poemas realizada por Antonio Rubio y Manuela Rodríguez que ten a finalidade de achegar a poesía de Lorca ao público infantil a través de recursos como as repeticións, rimas ou retrousos, quizais por esta razón o libro tivo moito éxito entre os membros do club que normalmente se achegan a poesía con poucas ganas xa que foi un libro que lles gustou moito.

 

   Ademais, aínda que nun primeiro momento os poemas parecen sinxelos, a realidade é que non o son tanto e iso levounos a debatir o significado dalgúns deles desde puntos de vista moi diferentes o que fixo que esta sesión fora moi dinámica e participativa.

 

   Tamén resultaron moi interesantes as ilustracións que acompañan aos poemas xa que cada un deles leva unha ilustración dunha páxina completa que nos levou a intensificar o debate pois non saberiamos dicir se nos serviron como aclaración ou para ampliar a diversidade de puntos de vista dos membros do club.

 

   Nas últimas páxinas do libro inclúese unha pequena biografía e un epílogo do ilustrador que nos serviron para achegarnos a figura deste autor tan importante do século XX.

   Sen dúbida este foi un fermoso libro para rematar as lecturas deste curso!