DÍA MUNDIAL DA SAÚDE 2024
O 7 de abril foi declarado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como o Día Mundial da Saúde Con este día preténdese destacar a saúde como un dereito básico e universal e fomentar o acceso á atención sanitaria de calidade en todas as rexións do mundo, especialmente na poboación con escasos recursos. Tamén a Axenda 2030 propón Saúde e Benestar como un dos seus obxectivos.
Para sumarnos a esta conmemoración organizamos no centro un circuíto formado por cinco actividades cada unha dedicada a un aspecto da nosa saúde e repartimos ao alumnado do centro en 5 grupos internivel que tiñan que ir superando cada unha das actividades para acadar o premio final.
1) SAÚDE MENTAL: pareceunos necesario dedicar unha actividade a incidir na importancia das emocións e de recoñecer como nos sentimos en cada momento así como sabelo expresar. Por iso na biblioteca o alumnado tratou de definir e representar sensacións e emocións como ledicia, sorpresa, enfado, ira...
2) ACTIVIDADE FÍSICA: destacamos a importancia de ter unha vida activa (pasear, xogar, practicar algún deporte...) e para poñelo en práctica sogamos ao xogo do rebaño no que o alumnado non pode deixar de moverse mentres realiza as diferentes accións propostas polas docentes.
3) COIDADO PERSONAL: centrámonos en recordarlle ao alumnado a importancia da hixiene personal (duchas, mans, dentes, unllas...) porque unha boa hixiene pode facernos menos propensos as enfermidades e a falta de hixiene pode provocar algunas delas como a caries se non coidamos os nosos dentes.
4) ALIMENTACIÓN EQUILIBRADA: a alimentación é a forma de proporcionarlle ao noso corpo a enerxía necesaria para realizar as actividades da nosa vida. Nesta actividade coñecemos os alimentos e o que nos aportan (proteínas, hidratos de carbono, azúcares e graxas). Ademais tamén elaboramos diferentes opcións de menús saudables.
5) HÁBITOS SAUDABLES: nesta actividade traballamos o conxunto das demais actividades falando sobre a importancia de manter un estilo de vida saudable: facer deporte, alimentarse ben, coidar a hixiene personal... e definimos conceptos antónimos como sobrepeso, pereza, inactividade...
Para rematar, o premio foi unha riquísima macedonia de froitas que comemos todos xuntos.