AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Manuel Vázquez

   Nesta nova sesión de As familias contan estivemos con Noelia, a nai de Manuel, que repite por segunda vez este ano xa que lle gustou moito a experiencia e tiña un ratiño libre para poder volver a compartir con nós outro libro: Unha fábrica de bicos de María Canosa.

  Con esta lectura coñecemos a Mindi que é unha nena á que non lle gusta nada dar bicos nin recibilos, só os soporta se non a apretan moito ou non son moi longos.

 
   Pero un día a súa nai fíxolle unha pregunta: como sabes que non che gusta dar bicos se nunca os quixeches dar? E con esta pregunta a Mindi entroulle a curiosidade porque a súa nai tiña razón: nunca dira un bico; sabería dalos?

   Xuntou os beizos e intentouno pero non lle saía bico ningún, pódese aprender a dar bicos? Existe unha máquina que os fabrique dentro de nós? 

 
Mindi xa case perdera a esperanza de aprender a dar bicos ata que un día, sen pensar, deulle un bico a un paxaro ferido. Foi o primeiro de moitos e con el quedou inaugurada a fábrica de bicos de Mindi.   Desde aquel momento comezou a repartir bicos porque a fabrica que tiña tras as fazulas non paraba de producilos e ademais, agora gustáballe dálos acompañados dun sorriso.

 

    Se queredes escoitar toda a historia de Mindi podedes facelo no seguinte podcast xa que Noelia e Manuel pasaron por Radiuvín para gravalo e compartilo con todos vós.

 

MOITAS  GRAZAS  AOS  DOUS  POR   PARTICIPAR  DE  NOVO  NESTA  ACTIVIDADE!!