AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Aldán (28/02/2024)
Hoxe estiveron na biblioteca Aldán e a súa nai Tamara para compartir con nós o libro Alicia y el cerebro maravilloso escrito por Nazareth Castellanos.
Á nai de Alicia encántalle ler libros sobre o funcionamento do corpo humano pero a Alicia resúltalle aburrido porque hai moitas palabras difíciles e non entende nada; aínda que todo cambia cando coñece á Coneja Cajal e ao seu espello máxico co que pode ver o que hai dentro do seu corpo.
O primeiro que viu foi unha noz xigante que resultou ser o seu cerebro. Sobre el descubriu moitas cousas que non sabía: pesa máis de un quilo e medio, encárgase de procesar toda a información, é o órgano máis comellón e comunica todo o corpo formando un precioso bosque de neuronas ao que hai que coidar.
Alicia tamén coñeceu á eiruga xardineira que lle ensinou a ler e lle explicou que cada vez que aprendemos algo as ramas das árbores dos nosos bosques de neuronas medran e enlázanse entre si facendo o bosque moito máis fermoso.
A continuación coñeceu a uns xemelgos que a levaron á zona da memoria onde se atoparon cun cabaliño de mar moi especial que nos axuda a lembrar un montón de cousas.
A seguinte parada nesta viaxe polo cerebro foi nunha améndoa (amígdala) que medra con sentimentos como a rabia ou a tristeza mentres que cando te sintes ben volve ao seu tamaño normal. Esta améndoa é a encargada das emocións.
Outro personaxe que coñeceu Alicia foi a Raíña de corazóns, chamada tamén Atención. Ela pode facer que só vexas unha cousa e as outras desaparezan; pero como isto era un pouco difícil para Alicia e a súa améndoa estaba comezando a crecer outra vez, a Raíña levouna cos seus trompetistas para que aprendese a respirar e relaxarse: inspirar, expirar, inspirar, expirar...