DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO (25/11/2020)
O 25 de novembro é o Día contra a violencia de xénero.
Desde o centro queremos sumarnos a esta conemmoración recollida tamén no Obxectivo 5 da Axenda 2030: Igualdade de xénero traballando a prevención deste tipo de violencia intentando concienciar ao noso alumnado de que homes e mulleres somos iguais e temos os mesmos dereitos e obrigas.
Este ano quixemos darlle unha volta aos contos infantís para analizar os estereotipos que ás veces transmiten partindo do conto Érase dos veces Cenicienta de Belén Gaudes e Pablo Macía que pertence á colección Érase dos veces... na que se versionan os contos clásicos eliminando os estereotipos sexistas, a violencia e a desigualdade.
Para comezar os biblioaxudantes leron no radio unha versión reducida e traducida ao galego deste libro no que Cincenta non quere ir ao baile para namorarse do príncipe nin levar zapatos de cristal e tampouco irá nunha carruaxe máxica feita dunha cabaza. Pero o que si que fará é decidir o que quere facer coa súa vida.
A partir do libro reflexionamos e chegamos á conclusión de que a actitude das princesas dos contos non son nada actuais xa que as nenas non necesitan príncipes que as rescaten e as fagan felices e os nenos non teñen que ser valentes nin forzudos nin guerreiros.
Entón... como serían as princesas e os príncipes de hoxe en día? Terían redes sociais? Facebook? Whatsapp? Comerían perdices??
Na seguinte presentación podedes ver o traballo que realizaron os diferentes cursos ademais de escoitar as recomendacións lectoras que nos chegan da BPM e as recomendación musicais dos Servizos Sociais do Concello.