Responder ó comentario
Excursión á Casa da Fonte: Un día de aprendizaxe no campo (20/09/2024)
Enviado por marco.schaal o Ven, 20/09/2024 - 12:14O pasado venres 20 de setembro, o alumnado xunto co profesorado do colexio tivo a oportunidade de realizar unha visita moi especial á granxa da Casa da Fonte, organizada pola ANPA dentro do programa “Da escola á granxa” da área de Medio Rural da Deputación de Lugo a través do que se financian visitas de escolares de primaria a ganderías, producións agrícolas ou pequenas empresas de transformación.
Nesta visita aprenderon de primeira man o funcionamento dunha gandaría e a vida no campo e descubriron o fascinante mundo da gandaría extensiva, onde visitamos as instalacións e a zona de pasto. Alí explicáronnos as razas de gando que habitan na granxa e como se coidan e manteñen estas especies nun entorno natural.
A seguinte parada foi o galiñeiro despois dun pequeno paseo. Aquí aprendemos todo sobre as galiñas de campo: dende onde poñen os seus ovos ata os coidados diarios que precisan, como o cambio da auga e unha alimentación axeitada.
Para finalizar a visita, dirixímonos de novo ás instalacións de fabricación e produción de manteiga. Aquí tivemos a sorte de aprender todo o proceso de elaboración deste produto tan esencial na nosa alimentación. Mostráronnos como se fai a manteiga, explicando a importancia de lavala, darlle forma e, por último, envolvela. Ademais, cada un de nós puido elaborar a súa propia manteiga para levar un recordo moi doce e agradable desta experiencia inesquecible.
Foi unha xornada chea de aprendizaxe e diversión, onde o contacto directo co medio rural nos permitiu coñecer máis sobre o coidado dos animais e os produtos que consumimos a diario.
MOITAS GRAZAS Á ANPA POLA ORGANIZACIÓN DESTA VISITA!