2018/2019

EDUGA (Xullo - Decembro 2018)

     A  EDUGA (www.edu.xunta.es/eduga) é a Revista Galega do Ensino publicada pola Consellería de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria. Nela recóllense entre outras seccións, experiencias innovadoras, boas prácticas e artigos de investigacións.
 
   No seu último volume publicado, o número 76 (xullo-decembro 2018), poderedes ler o artigo As bibliotecas escolares: lugares para a exploración e a experimentación de Cristina Novoa, da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia.
 
 http://www.edu.xunta.gal/eduga/1658/biblioteca-escolar/bibliotecas-escolares-lugares-para-exploracion-experimentacion

  Neste artigo, a autora fala sobre "un novo modelo de biblioteca que reborda absolutamente a conceptualización tradicional que a relaciona co recollemento, a lectura silenciosa e á sacralización do libro como obxecto de culto e sitúa a biblioteca escolar como un espazo de converxencia cultural, o hub central, o centro de recursos para a aprendizaxe e mesmo cara a espazos creativos de aprendizaxe, onde non son os libros os únicos recursos dispoñibles, senón que o deseño de amplos espazos multidisciplinares, diversos, e a disposición de recursos que inclúen os medios de comunicación, os dispositivos dixitais conectados á rede, así como outras posibilidades para a experimentación, a cultura maker, en definitiva a cultura da participación".

    Un dos apartados do artigo está adicado a Prácticas de interese sobre exemplos reais en bibliotecas escolares de Galicia, e nese apartado pódese ler unha referencia ao noso centro xunto a outros centros como o CEIP Pepe Xan de Baña de Santa Comba, a EEI Barrionovo de Arteixo, o CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal, o CEIP Condesa de Fenosa de O Barco ou o CEIP Vilar de Barrio de Vilar de Barrio.

   Non dubidedes en ler o artigo porque é moi interesante:

OS BIBLIOAXUDANTES CONTAN EN NADAL

   Para rematar as actividades deste trimestre na biblioteca, as biblioaxudantes Aitana e Francesca foron as encargadas de contarlles aos demais nenos e nenas do centro o conto Tento e mailo Nadal de Ricardo Alcántara no que Tento lle pide a Papá Noel un patinete, traerallo??
 
 
 
 

CERTAME CONTOS DE NADAL - 2018

   Xa ven sendo unha tradición o Certame de contos de Nadal para 3º e 4º de Primaria organizado pola profesora de Lengua Castellana.
 
   Nas seguintes imaxes podedes ver aos gañadores deste certame compartindo as súas historias co resto do alumnado do centro.
 
 
NORABOA  POR  ESES  ESTUPENDOS  RELATOS!!

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Senén (13/12/2018)

  Dentro da actividade As familias contan, hoxe acompañáronnos Senén e a súa nai Sonia que xa é veterana nesta actividade porque é unha das nais que participa nela desde a primeira convocatoria.

   Nesta ocasión contáronnos unha versión en galego do conto clásico: O frautista de Hamelín.

 
  Sonia  foi  a narradora desta historia e Senén o frautista, pero un frautista de verdade xa que el toca a frauta traveseira e a narración contou coas súas correspondentes pezas de música.

    Se quedades coas gañas de escoitar esta fermosa versión con música en directo podedes escoitar a emisión do conto en Radiuvín.

MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  CONTAR  Á  NOSA  BIBLIOTECA!
 
 

DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO: TRABALLANDO A IGUALDADE (23/11/2018)

    Para traballar a loita cotra a violencia de xénero, desde a biblioteca puxemos o noso gran de area a través do conto Maruxa de Eva Mejuto contado por tres dos nosos biblioaxudantes.
 
 
   Nesta historia basada na canción tradicional polaca "Maryna gotuj pierogi" Maruxa que está farta de facer todas as tarefas da casa soa, é dicir, SEN AXUDA DE NINGUÉN,  decide dar unha lección ao seu marido para ver se cambia de actitude porque aínda encima de lavar, planchar, recoller, tender a roupa, cociñar, sacar a pasear ao can... aínda encima... Pepiño quere que lle amase pan!!
 

    Pouco a pouco, Maruxa irá conseguindo que Pepiño se de conta do inxusto da situación e de que, tanto o traballo como o lecer, deben ser cousa de dous.

   

Además de escoitalo, tamén vimos a curtametraxe baseada neste libro.

 

    E despois de velo e escoitalo, por que credes que escollimos esta historia?

    Pois porque a loita contra a violencia de xénero comeza por entender que homes e mulleres somos iguais e por tanto, ámbolos dous podemos facer as mesmas cousas e colaborar xuntos para calquera tarefa!!

   Podedes escoitar de novo o conto en Radiuvín nas voces dos biblioaxudantes Laura Gómez, Laura Rodríguez e Pablo.

 

IX XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA (9 e 10/11/2018)

    Este fin de semana celebráronse en Santiago de Compostela as IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia e ata alí fomos a directora e a encargada de biblioteca para formarnos, traer un montón de ideas na cabeciña e compartir con outros 1.000 mestres inquedanzas sobre o traballo que realizamos nas diferentes bibliotecas.
    Ademais atopámonos cunha gran sorpresa xa que a libreta que publica a Asesoría de Bibliotecas Escolares cada curso e que chega a todas as bibliotecas escolares de Galicia, leva un pedaciño do noso cole.
 
 
 

TEATRO: DOS CONTOS ÁS CONTAS (2/11/2019)

    A través de Abanca, proporcionóusenos a oportunidade de ver a obra de teatro Dos contos ás contas; e como nós nunca dicimos que non a unha representación teatral... alí fomos!!
 
    Nesta obra coñecemos a María, unha nena que soña con comprar unha moto vermella e percorrer todo o mundo como o seu tío aventureiro que da última viaxe tróuxolle un libro de contos. 
   Lendo contos coma o Rei Midas, a galiña dos ovos de ouro, a princesa e o sapo ou Barba Azul e soñando con eles, vaise dando conta de que non todo é doado e de que hai que esforzarse para alcanzar as metas propostas.
 

SAMAÍN 2018

    Para a celebración de Samaín e Halloween desde a biblioteca preparamos un montón de actividades:
    - Exposición de cabazas e outros obxectos terroríficos
 
    - Contos de medo que máis que medo, dan risa do contacontos Pedro Brandariz e que podedes recordar no seguinte enlace:
 
   - Lecturas de medo relacionadas con esta época do ano que se estiveron durante toda a semana no expositor da entrada á biblioteca.
    - Certame de creación literaria para o alumnado de 3º a 6º de Primaria. Neste certame, dámoslle ao alumnado o  principio  dun  libro  para  que  eles  reinventen  a  historia; este  ano  os  libros  propostos  foron  Operación Frankestein de Fermín Solís para 3º e 4º de Primaria e Mortiña de Bárbara Cantini para 5º e 6º.

      Pola tarde, os gañadores do certame de creación literaria foron os protagonistas das Lecturas de medo lendo as súas historias ao resto do alumnado.

   Ademais nestas lecturas de medo, cantando a canción do Samaín de Mamá Cabra do seu disco

 NO   SEGUINTE  VÍDEO  PODEDES  VER   O   RESUMO  DAS   ACTIVIDADES

CONTOS DE MEDO QUE DAN RISA (29/10/2018)

    Comezamos o Samaín cunha actividade de animación á lectura subvencionada polo Concello de Sober, o contacontos de Pedro Brandariz: Contos de medo que dan risa.

  Durante esta sesión de contacontos, puidemos escoitar a historia da pantasma cataplasma (versión do conto Un fastama en apuros de Laura Gallego) escenificada por algúns alumnos do centro e Xaime e as landras de Tim Bowley.

   
Antes de rematar, aínda houbo tempo dalgún truco de maxia que nos deixou abraiados!!

 MOITAS  GRAZAS  AO  CONCELLO  E  A  PEDRO  BRANDARIZ 

POR  ESTA  SESIÓN  DE  ANIMACIÓN  Á  LECTURA  TAN  DIVERTIDA!!

DÍA DA BIBLIOTECA na prensa

   Mirade a noticia que adica hoxe El Progreso á nosa celebración do día da biblioteca,
 unha noticia que non pasa desapercibida porque ocupa media páxina!!
 
El Progreso, 25 - 10 - 2018
 

 

Distribuir contido