2018/2019

OS ELECTRECOS (18/02/19)

  Os Bolechas chegaron a nosa biblioteca convertidos en superheroes da reciclaxe: os Electrecos!

   Os Electrecos queren formar un gran movemento de superheroes da reciclaxe de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) con todos os nenos e nenas galegos para defender o planeta da contaminación, do abuso dos recursos naturais e das malas prácticas que poñen en perigo o noso medio e, por suposto, o alumnado do colexio de Sober quere formar parte deste batallón. 
 
 
 
 
   Co concurso RAEE RAEE, aprendemos a diferenciar os aparellos eléctricos e electrónicos e que para desfacernos deles temos que entregalos no PUNTO LIMPO ou no comercio onde merquemos un novo; pero NUNCA NO MONTE!!
 
   E para que non se nos olvide o aprendido deixáronnos na biblioteca dous libros e un montón de materiais ademais dun rap, que podedes escoitar e bailar con nós:
 
 
 
 

 

 

REFORMAS NA BIBLIOTECA (16/02/2019)

      Na nosa biblioteca estivemos de reformillas para darlle máis espazo ao recuncho creativo.
 
   Como non temos para onde ampliar a biblioteca, o que fixemos foi reorganizar o espazo aproveitando unha especie de L que fai na parte de diante: cambiamos o encerado dixital, trasladamos os ordenadores, movemos as estanterías e os materiais e grazas á axuda económica da ANPA puxemos tarima flotante.

 

    No novo Queres argallar? encóntranse os materiais de robótica e impresión 3D pero tamén un montón de materiais para poder desenvolver a creatividade, o inxenio, a capacidade de exploración, a orientación espacial...

 

  E unha vez que xa tivemos o espazo preparado, só quedaba presentarllo ao noso alumnado e que empezasen a argallar...
 
 

DÍA MUNDIAL DA RADIO (13/02/2019)

    Hoxe é o Día Munidal  da  Radio!!!
 
 
   Desde Radiuvín participamos no proxecto de Rede Espora: As novas que queremos, un proxecto común con outros centros do proxecto Radio na biblio que consistía en facer un noticieiro positivo dándolle a volta a noticias negativas relacionadas con conflitos bélicos e outras desgracias; concretamente a nosa noticia, na voz de Aitana Rodríguez, consistía en darlle a volta a unha noticia sobre a fame e a sequía en Etiopía.
 

    Este proxecto no que se conectan Biblioteca, radio, diálogo, paz e tolerancia ten calado e difusión mundial a través da páxina da Unesco. Podedes acceder ao evento para o noso centro desde aquí.

  As radios escolares que colaboramos neste proxecto somos:

Radio Coviña do CEIP de Covas en Meaño,  
A Voz de Arnaldo do CEIP de Seixo en Marín,  
Radio Laretas do CEIP P. Ricardo Tobío en Muros,  
Radiuvín do CEIP P. Virxe do Carme de Sober,  
Radio Estrela do CEIP Enrique Barreiro Piñeiro de Vilariño,  
Radio Seara do CEIP Seara en Moaña,  
Rabu Radio do CRA de Meis,
IES Lucus Augusti de Lugo,  
Radio Chancelas do CEIPP Chancelas,
Radio Rosiña do CEIP Víctor Sáenz de Mazaricos, 
A voz da Mata do CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal, 
Radio Faladoiro do CEIPP Torre de Cela en Bueu,  
Radio Balea do CEIP Milladoiro en Malpica, 
Radio Guímaro do CEIP da Pobra do Brollón,  
Caracola Radio do CEIPP San Benito de Lérez en Pontevedra e  
Radio Escolar Mosteiro Meis do CPI de Mosteiro-Meis.

 

MOITAS  GRAZAS  A REDE  ESPORA  POLA  ORGANIZACIÓN  DESTE  NOTICIEIRO!!

 

 

DÍA INTERNACIONAL DA NENA E A MULLER NA CIENCIA (11/02/2019)

     Hoxe 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional das nenas e as mulleres na ciencia.
 
     Con este día a Asamblea Xeral das Nacións Unidas pretende visibilizar o labor das científicas, promover a realización de actividades e fomentar vocacións científicas que axuden a pechar a brecha de xénero na ciencia.
 
    Por iso, na biblioteca do colexio contamos coa colaboración de Patricia González Grande, bióloga e mestra da Universidade Central de Caracas que nos achegou ao mundo da ciencia e ao mundo da obervación a través do microscopio.
 
 
   Primeiro explicounos que é a ciencia e falounos de ciencias como a física, a química, as matemáticas e, por suposto, a bioloxía que é a ciencia que estuda os seres vivos: orixe, evolución, propiedades, funcións vitais... e respostou a todas as preguntas do noso alumnado sobre temas tan diversos como o ADN ou a evolución dos seres vivos desde os dinosaurios.
 
 
    A continuación explicoulles as partes do microscopio e deulles os primeiros consellos para poder facer unha observación correcta. (Ficha microscopio e ficha de observación)
 

 

  Pouco a pouco os nenos e as nenas foron achegándose a este novo mundo e observaron células vexetais, unha pata de mosca...
 
 
 
 
Pata de mosca
Talo de pino. A parte central chámase floema, por ela circula savia.
Os puntos máis pequenos, chamánse xilema, por eles circula a agua.
 
 Células de pel de cebola cos seus núcleos
 
    Tamén houbo tempo para descubrir curiosidades como que as ás de bolboreta en realidade non teñen cor senón que están formadas por escamas que refractan a luz do sol como un prisma en contraposición coas ás doutros insectos..
Ás de bolboreta
Ás de mosquito
 
 Para rematar, Patricia pasou polos estudios de Radiuvín onde nos falou moito sobre a bioloxía.
Se queredes escoitar todo o que nos contou e aprender moitas cousas, non perdades a entrevista!!
 

    Ademais, levou como agasallo un microscopio impreso coa 3D sobre un modelo de DavidAmigo5 (https://www.thingiverse.com/thing:136697) ao que lle engadimos a data desta conmemoración.
 
MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  Á  NOSA  BIBLIOTECA
E  POR  ESTA  ACTIVIDADE  TAN  INTERESANTE!!
 
 

PARABÉNS CRISTIAN E AITANA!!

    Dous dos nosos alumnos acadaron ambos accésits na Fase Provincial do certame de poesía infantil "Nadal 2018" convocado pola Biblioteca Nodal de Lugo
- Cristian Dourado Rodríguez na Categoría A (ata 8 anos) e 
- Aitana Cruz Rodríguez Casado na Categoría B (de 9 a 11 anos).
 
   Podedes acceder a toda a información seguindo o enlace á Biblioteca Pública de Lugo:
 
https://bibliopublicalugo.blogspot.com/2019/02/xa-temos-aos-ganadores.html?m=1&fbclid=IwAR18SBPlhBavaWDF4h4bxFqyW_hnTpHS8dBDVozMMJtYg97ZxbMF7x2qyQU#.XGC0Orh7nIW
 
 
    E se queredes escoitar os seus poemas, podedes volver a oir o programa especial de Sobericias adicado aos Certames de Nadal de Postais e debuxo:
 


NORABOA!!!
 
 
 

DETECTI 5º/6º. RETO 4º (7/02/2019)

Recordades o reto da semana pasada??
 
 
Pois xa temos resposta e a verdade é que é unha resposta sorprendente.
Escoitade atentos!

Non vos parece curioso que co pequena que é a lombriga de terra teña tantos corazóns??

E agora xa sabedes, a seguir investigando para a próxima semana...

 
 

STORY CUBES - 5º e 6º DE PRIMARIA (6/2/2019)

    O alumnado de 5º e 6º de Primaria fixo unha actividade en Lingua Castelá cos dados historias.

    Os story cubes son dados que teñen pictogramas nas súas caras de xeito que tirando os 9 dados saen 9 pictogramas cos que os alumnos debían escribir unha historia.

    Despois dunha lectura en voz alta ao resto dos compañeiros, entre eles decidiron cales debían ser as historias que os representasen na radio.

AS CÉLULAS (1/02/2019)

    O alumnado de 6º de Primaria fixo un traballo de investigación sobre as células vexetais e as células animais para ampliar os seus coñecementos sobre este tema.
 
    Ademais do traballo de investigación fixeron maquetas e unha exposición das súas averiguacións aos alumnos de 5º de Primaria.
 
    Mirade atentos o seguinte vídeo resumo desta actividade se vos tamén queredes aprender:
 
 Agora, xa sabedes, estade atentos para ver cómo desenvolven 
os alumnos de 5º o seu reto sobre as plantas!!

DÍA DA PAZ CON POESÍA (30/01/2019)

   Os nenos e nenas de Infantil B do noso colexio traballaron para o Día da Paz o poema Sólo tres letras de Gloria Fuertes e pasaron polos estudios de Radiuvín para recitala.
 
 
 Se queredes escoitar o poema nas súas voces, dádelle ao play!!
 

 
 
 

DÍA DA PAZ E DA ILUSTRACIÓN (30/01/2019)

   Hoxe 30 de xaneiro, conmemóranse dúas datas importantes: por unha banda o Día Escolar da Paz porque o día 30 de xaneiro de 1964 morreu Gandhi e a UNESCO decidiu utilizar esta efeméride para reforzar entre o alumnado valores como a tolerancia,  diálogo, o respecto aos dereitos humanos á non violencia e á paz.

   E por outra banda, en Galicia conmemoramos tamén o Día da Ilustración poque un día como hoxe de 1886 naceu Castelao.

   Por iso tivemos no colexio a Estefanía Padullés, autora e ilustradora que combina á perfección estas dúas conmemoracións xa que é ilustradora de libros que potencian valores como os propostos pola UNESCO.

 

    O seu último libro que hoxe veu a presentar A manchas ou a raias? (Hércules Edicións) conta a historia de confrontación entre os animais a manchas (xirafas, guepardos...) e os animais a raias (tigres, cebras...).
 
  E conta tamén como a través do diálogo que xorde de maneira inesperada entre Gresa e Leopardo conseguen comprender que o aspecto da súa pel non é importante, facendo fincapé en valores como a toleracia, o diálogo e o respecto a diferenza.
     Mentres escoitamos o conto na voz da súa autora, ela mesma foinos debuxando un mural cos protagonistas da historia que despois os nenos colorearon e agora está no corredor principal do colexio para recordarnos a loita contra o racismo xunto ás reflexións ás que chegaron os alumnos.

 
 
    Ademais Estefanía tamén nos ensinou os bocetos e as ilustracións orixinais do conto.
 
 
    Para saber moitas máis cousas sobre A manchas ou raias? e sobre Estefanía Padullés podedes escoitar a entrevita que lle fixeron os compañeiros de 4º de Primaira.

 
MOITAS  GRAZAS  ESTEFANÍA!!
 
 
 
 
Distribuir contido