2021/2022
PARABÉNS A CANDELA FERNÁNDEZ! (3/3/2022)
A nosa alumna Candela Fernández acaba de recoller o 1º Premio do Certame de Poesía de Nadal convocado pola Biblioteca Nodal de Lugo en colaboración coas Bibliotecas Públicas.
O acto de entrega foi no Salón de Actos da propia Biblioteca e cada un dos gañadores recibiu como agasallo un lote de libros, un diploma e unha figura de Sargadelos.
NORABOA CANDELA!!!
AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Alfonso Rodríguez (25-03-2022)
Hoxe temos unha moi boa nova! RETOMAMOS A ACTIVIDADE AS FAMILIAS CONTAN DE FORMA PRESENCIAL!!
Esta é unha actividade que lle gusta moito ao noso alumnado e por iso estamos moi contentos de que as familias se animen a participar.
Nesta sesión tivemos como invitado na nosa biblioteca a Javier Rodríguez, o pai de Alfonso Rodríguez da aula de Infantil A que se animou a ler o conto A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza de Werner Holzwarth e Wolf Erlbruch.
Nesta historia a toupiña quere averiguar quen lle fixo na cabeza aquilo gordo e marrón que parecía un chourizo.
Quen sería? Unha pomba? Unha vaca? Unha cabra?
Poderán axudarlle as moscas a descubrilo?
Para saber como remata o conto podedes escoitar o seguinte programa de Lecturradio: as túas lecturas na nosa radio xa que os nosos invitados pasaron polos estudos de Radiuvín para compartir a lectura con todos os que a queirades escoitar.
MOITAS GRAZAS POLA VOSA PARTICIPACIÓN!!
DÍA DE ROSALÍA: #SementadePensamentos (23-02-2022)
Desde fai varios cursos o 24 de febreiro conmemoramos no centro o Día de Rosalía de Castro uníndonos a moitas outras bibliotecas de Galicia.
Como non se sabía exactamente a data do seu nacemento, establecérase esta conmemoración o 24 de febreiro porque era o día en que recibiu o bautismo; pero a partir deste ano cambiarase ao 23 de febreiro despois de que a investigadora galega Sagrario Abelleira atopase documentación que confirma o 23 como data real do seu nacemento.
Independentemente da data, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) propuxo para este ano 2022 o lema #SementadePensamentos para transmitir a idea de que non hai nada que poida poñer trabas ao nosos pensamentos ou ás nosas ideas.
Nós sempre intentamos sementar pensamentos no noso alumnado e darlle ferramentas para que poidan facelos voar. Unha desas ferramentas é a propia poesía de autora que nos emociona cos seus versos e coas súas verbas:
PENSAR [TE] LIBRE
Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino. (Rosalía de Castro).
Por iso, para achegarnos máis a esta idea e á súa poesía, todo o alumnado de primaria participou no recitado de poesía radiofónico que levamos a cabo para esta conmemoración e que podedes escoitar no seguinte podcast:
DÍA DA NENA E A MULLER NA CIENCIA: PATRICIA DOMÍNGEZ (11-02-22)
O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional das nenas e das mulleres na ciencia que ten como finalidade visibilizar o labor das científicas, promover a realización de actividades e fomentar vocacións científicas entre as nenas para axudar a pechar a brecha de xénero na ciencia.
Ela ensinounos o proceso de produción de electricidade a través da auga e así puidemos coñecer como funciona unha central de este tipo: as súas partes, as posibles incidencias ou avarías e todas cantas dúbidas tiveron os nosos alumnos e alumnas.
Despois o alumnado distribuído en grupos enfrontouse ao reto de crear a súa propia turbina de auga reproducindo a proposta didáctica de Endesa Educa e a verdade é que como podedes ver no vídeo, fixéronno moi ben!!
Para rematar Patricia tamén pasou polos estudos de radio onde respondeu ás preguntas de Lucía e de Pilar e nos deixou unhas agarimosas verbas. Poderedes saber moitas cousas sobre o tema de hoxe escoitando a súa entrevista.
MULLERES CIENTÍFICAS: CIENCIA EN MOVEMENTO (9/02/2022)
A través da modalidade CPinclúe (5.2 IGUALA-T) dos Contratos programa achegáronse á nosa biblioteca os científicos de Ciencia en Movemento para realizar o obradoiro MULLERES INVENTORAS no que falamos de ciencia, inventos e mulleres baixo o lema "prohibido non tocar".
Con eles coñecemos algúns inventos creados por mulleres pioneiras que conseguiron superar dificultades e facer contribucións moi importantes ao mundo da ciencia, da física, da química, da tecnoloxía... de xeito que a nosa vida diaria non sería a mesma sen elas.
Por exemplo, sen Katharine Blodgett que inventou os cristais anti reflectantes e foi a primeira muller en doctorarse en Física na Universidade de Cambridge non poderiamos usar gafas, nin cámaras de fotos, nin telescopios...
Cos seus coñecementos de mecánica e enxeñeiría, Josephine Cochrane fixo realidade unha idea que xa estaba patentada por Joel Houghton: o lavalouzas. Desde 1983 multitude de fogares e de restaurantes teñen este electrodoméstico nas súas casas.
Nós aproveitamos para coñecer as propiedades do xabón e ver como a suciedade escapa del!
Un obxecto que tamén se utiliza bastante é o "Mistake Out" ou típex inventado por Bette Nesmith Graham, unha mecanógrafa que creou en 1956 unha mestura de auga e pintura branca para corrixir pequenos erros en papel de forma rápida e eficaz. Despois de que a marca IBM rexeitara comercializalo, decidiu vendelo desde a súa propia casa co nome Liquid Paper.
Grazas a Melitta Benz podemos tomar un café sen impurezas xa que esta ama de casa alemana ideou o filtro de café para poder tomar unha taciña del sen posos nin outros restos. Ademais fíxoo a partir dunha folla de papel secante dun caderno de exercicios do seu fillo!
Neste obradoiro utilizamos o filtros de café para experimentar coa cromatografía e ver como dunha pinga de tinta, aparece unha flor.
Ángela Ruiz Robles é unha española que foi a precursora do libro electrónico xa que inventou unha enciclopedia mecánica coa finalidade de transmitir coñecementos de forma interactiva con bucinas, luces, pulsadores e complementos móbiles para facer máis a aprendizaxe máis participativa e atractiva.
Amanda Jones estaba preocupada pola conservación da comida. Despois de facer varias probas, no s. XIX, conseguiu eliminar o aire dunha lata de conservar inventando así o envasado ao vacío sen cociñado previo dos alimentos que patentou co nome "O proceso Jones". Ademais fundou unha empresa de envasado e conservas onde todas as directivas, oficiais e empregadas eran mulleres agás un home que era o encargado de acender a caldeira.
No obradoiro "envasamos ao vacío" unha chuche que quedou esmirradiña de todo.
Unha muller que inventou algo imprescindible para o mundo automobilístico foi Mary Anderson xa que o limpiaparabrisas é obra súa e desde 1916 todos os coches incorporan esa especie de brazo mecánico que limpa as gotas da choiva.
Imaxinádesvos un coche sen limpaparabrisas? Sería imposible conducir baixo a choiva...
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- seguinte ›
- última »