CLUBES DE LECTURA

CLUB DE LECTURA - 14ª sesión (13-05-2022)

     A primeira actividade desta sesión foi resolver unha dúbida que quedara pendente da sesión anterior: que é a contraportada dun libro? A parte de atrás da portada ou a parte posterior?

    A dúbida quedou resolta despois de que os membros do club nos explicaran o que investigaron e agoa xa temos claro cales son as partes dun libro.

 

 

   Despois falamos moito sobre o libro e a marabillosa medicina que George estaba preparando para a súa avoa.

   Algo que chamou a atención dos membros do club ademais dos ingredientes utilizados por George foron as ilustración do libro que en vez de debuxos lles parecían bosquexos pero que aínda así coincidían case todos en que complementaban perfectamente á narración e permitía entender mellor o que estaba ocorrendo na historia.

 

     Visto que á maioría lles está gustando o libro e que o están lendo bastante rápido, para a próxima reunión acabaremos a súa lectura.

 

CLUB DE LECTURA 13 ª Sesión (29-04-2022)

   Comezamos un novo libro: A marabillos medicina de George, recoñecido como un dos libros máis divertidos de Roald Dahl e un clásico da literatura do século XX.

 

    Para presentalo comezamos lendo a reseña: 

    "A avoa de George ten unhas cousas un pouco raras. A verdade é que non é unha persoa moi agradable. Cre que as eirugas e as lesmas son deliciosas e o que máis lle gusta son os escaravellos ben renxentes. Nada do que fai George está ben feito a ollos da avoa, de xeito que cando é hora de que ela tome a súa medicina, George decide darlle unha dose da que el mesmo preparou, unha beberaxe dunha chea de produtos que foi introducindo na pota como mellor lle pareceu. A medicina máxica que preparou George, primeiro, fai medrar a avoa desmesuradamente, logo empequenecela e, por último, facela desaparecer."

 
    E como a reseña nos deixou bo sabor de boca, fomos lendo e comentando entre todos o primeiro capítulo para ir coñecendo aos personaxes protagonistas desta historia tan peculiar.
 

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 12ª sesión (08/04/2022)

    Hoxe rematamos as sesións dedicadas ao libro As laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Carlos Casares.

 

     E rematamos cunha sesión un pouquiño diferente: un obradoiro de cociña no que fixemos unha receita sinxela de mousse de laranxa!! 

     A primeira hora da mañá xuntámonos para preparar todo o necesario para elaborar a receita: 

INGREDIENTES

- 10 laranxas

- 6 iogures naturais

- 1 bote de leite condensado

UTENSILIOS

- 1 espremedor

- 1 batedor

- 1 pota

- 1 fonte

- varias culleres

    Despois comezamos co proceso: mentres un grupo espremía as 10 laranxas outro mesturaba os iugores e o leite condensado.

 

   A continuación xuntamos todo e levámolo ao frigorífico para que enfriase e repousase ata a hora do recreo.

 
 E na hora do recreo... papamos este delicioso postre!
 

 

     Para rematar, seguindo o modelo de laranxa kawaii do libro Cómo dibujar Kawaii de José Antonio Pérez, fixemos as nosas propias laranxas para utilizar como puntos de lectura, chaveiros ou adhesivos.

 
 
 

 Se queres escoitar as nosas reflexións sobre este libro, aquí deixamos o podcast elaborado por algúns membros do club.

 

 

CLUB DE LECTURA - 9ª sesión (17-03-2022)

      

Comezamos un novo libro no club de lectura: As laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Carlos Casares, autor homenaxeado o Día Das Letras Galegas 2017.

 

    Con esta obra teatral tan divertida da nosa literatura, Carlos Casares recibiu o premio "Concurso de teatro infantil galego” convocado pola Agrupación Cultural “O Facho”

 

 

     Aínda que en principio parece un libro doado de ler, quixemos escollelo para que xs membros do club lean libros de todos os xénero literarios; e o teatro é o xénero que, segundo as enquisas iniciais que lles fixemos, menos len. Así que esperamos que con esta obra lle perdan o medo aos textos teatrais.
 
 

 

   Primeiro presentamos ao autor, falamos da súa obre e lemos un fragmento do libro  Onde vai Carlos? de Xosé A. Perozo.

 

     Despois comezamos o libro comentando entre todos o escenario debuxado nas primeiras páxinas da obra e lendo a contextualización que aparece a continuación. Tamén fixemos fincapé na importancia das acotacións e de fixarse ben en que personaxe está falando en cada momento da lectura.

 

 

     Esperemos que os nenos e as nenas desfruten da lectura desta obra e mentres tanto, deixamos esta selección de obras de Carlos Casares no punto de novidades da biblioteca.

 

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 1ª sesión (22/10/2021)

    O día 24 de outubro conmemórase o Día das Bibliotecas; como este ano coincide a domingo, quixemos adiantar esta conmemoración que nesta ocasión destaca o papel das bibliotecas como espazos para LER, APRENDER e DESCUBRIR.


 
   Unha das actividades que levamos a cabo por este día foi a presentación do club de lectura que este ano estrenamos para o alumnado de 5º e 6º de Primaria en colaboración con Julia e con Dunia da BPM de Sober. Nesta primeira sesión fixemos unhas enquisas iniciais para saber máis sobre os hábitos lectores do alumnado e presentamos a primeira lectura: Vampira de biblioteca de Ledicia Costas.
 
 

 FELIZ  DÍA  DA  BIBLIOTECA!!!!

 

CLUB DE LECTURA: OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN MANGA (3-03-2022)

    Hoxe foi a última sesión do club de lectura dedicado ao libro El dulce hogar de Chi de Konami Katana e decidimos rematar facendo un obradoiro de ilustración manga e anime xa que ao noso alumnado lle chamaron moito a atención as ilustracións deste libro. 

   Para este obradoiro desprazáronse ao centro Alba e Luis da Escola de Arte Creativa de Monforte de Lemos que comezaron ensinándonos a utilizar o lapis con diferente intensidade para poder bosquexar sen deixar marcas no papel.
 
   Despois pasamos ás liñas de boceto dunha cara e a expresar emocións soamente cos ollos, a boca, o nariz e as cellas.
 
 
 

 

      Unha vez que debuxamos diferentes emocións continuamos a actividade intentando reproducir algúns personaxes de anime fixándonos ben nas liñas de referencia.

 

 

  E a verdade é que os nosos nenos e nenas o fixeron moi ben!!
 

 

Quizáis teñamos un futuro debuxante de manga entre nós!!
   

 

Para ver máis imaxes desta actividade, xa sabes: GALERÍA  DE  IMAXES

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 8ª sesión (18/02/2022)

  Hoxe rematamos a lectura do libro  El dulce hogar de Chi  de Konami Katana debatindo sobre diferentes aspectos a partir de preguntas relacionadas coa lectura destes últimos capítulos:

 - Consumismo: dámoslle realmente valor aos agasallos que recibimos ou facemos como Chi e xogamos cos envoltorios dos mesmos? 

Sentimentos: pode unha mascota gardar rencor como Chi ao pai por levala ao veterinario?

- Abandono animal: que sinte Chi cando se queda soa? que podemos facer coas mascotas se nos imos de vacacións?

 

   Como conclusión podemos dicir que para o alumnado que leu manga por primeira vez foi unha experiencia enriquecedora e para os demais foi un achegamento ao mundo manga distinto xa que os mangas que están lendo teñen unha temática ben diferente a esta.

 

    Para rematar a sesión, tivemos a presentación oficial do logo do club deseñado por Lucía Rodríguez de 6º de Primaria e repartimos pegatinas que xa adornan as portadas das libretas do club.

 

 

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 7ª sesión (11/02/2022)

    Para esta sesión do club de lectura, tiñamos que ler os 10 primeiro capítulos do libro  El dulce hogar de Chi  de Konami Katana.

    Comezamos falando das dificultades atopadas para ler manga. Aínda que todos os membros leron os capítulos acordados, algúns tiveron problemiñas para a lectura; por iso decidimos ler o seguinte capítulo en voz alta como se se tratase dunha obra de teatro e a verdade é que nos botamos unhas risas con tanto miauuu, poing, arf, ris, ras, ris, ras....

   Despois fixemos unha valoración dos primeiros capítulos e chegamos a conclusión de que lles gustou moito porque é unha lectura moi rápida, moi inmediata e cunhas ilustracións moi atractivas.

 

  Tamén reflexionamos e conversamos sobre a temática desta historia: 

Que implica facerse cargo dunha mascota? 

As vosas mascotas están educadas?

Credes que teñen memoria os animais? 

Parécevos ben que as comunidades de veciños poidan impedir que haxa mascotas nos edificios?

SEGUIDE  LENDO!!

VÉMONOS  O  VENRES  DÍA  18!!

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 6ª sesión (28/01/2022)

   Nesta sesión comezamos un novo libro: El dulce hogar de Chi  de Konami Kanata. Con esta elección queremos achegarnos ao mundo do manga, un tipo de literatura que lles resulta moi atractivo aos compoñentes do club.

 

    Comezamos aprendendo a ler manga e para iso, contamos coa colaboración dos alumnos que xa len manga nas súas casas que lles explicaron aos demais como hai que facelo e tamén compartimos este titorial de Wasabi Manga: 7 cosas que debes saber antes de empezar a leer manga.

 

 

 

   O libro elexido pertence á categoría de manga KODOMO que en japonés significa neno e que no ámbito do manga se usa para referirse ao público infantil xa que trata temas adaptados a este público e a familias e tanto o vocabulario como as ilustracións son adecuados para estas idades.

   Chi é a protagonista desta serie que estivo de moda en Xapón e que se converteu nun éxito de ventas mundiais. A historia comeza cando unha familia atopa na rúa un gatiño moi bonito e adorable e deciden recollelo.

   Que aventuras terán que vivir Chi e a súa familia de acollida? 

 Comecemos a ler...

 

CLUB DE LECTURA VIAXANDO POLAS LETRAS - 5ª sesión (14/01/2022)

    Hoxe rematamos as sesións do club de lectura dedicadas ao libro Vampira de biblioteca de Ledicia Costas. 

 

 

   Nesta sesión Julia e Dunia foron as encargadas de presentar unha pequena biografía da autora do libro (Ledicia Costas) e do ilustrador (Víctor Rivas).

 

 

   Despois coñecemos todas as opinións dos membros do club sobre o libro, que houbo a quen lle gustou moito e a quen non tanto; pero en xeral podemos dicir que todos desfrutaron da lectura.

 

     Para rematar gravamos un programa en Radiuvín falando desta primeira experiencia no club de lectura. Esperamos que vos resulte interesante e se queredes ler o libro, xa sabedes quye está dispoñible na biblioteca.

 

 

Distribuir contido