2022/2023

PORQUE TE QUERO MOITO - SAN VALENTÍN 2023

O 14 de febreiro celébrase tradicionalmente San Valentín, un festexo que según algunhas fontes históricas xa se celebraba na época romana. 

Hoxe é un día para demostrarlles as persoas que queremos o noso amor e admiración por elas: as nosas familias, amigxs, mestrxs... Aínda que é un sentimento que deberíamos demostrar a diario, ás veces cóstanos un pouco. Por iso, dende a materia de Valores Sociais e Cívicos o alumnado de 3º e 4º de primaria estivo a traballar o conto Porque te quero moito de Milja Praagman da Editorial Hércules Edicións. 

 

Quixemos homenaxear a unhas das persoas máis importantes das nosas vidas: as nosas avoas e o seu amor infintivo que sempre nos demostran. Por iso, eliximos este albúm ilustrado que mostra o vencello entre unha avoa e a súa neta, Ibi. 

 

Fixemos un audio conto aplicando as técnicas que aprendimos no último obradoiro de radio que fixemos fai uns días. Esperamos que vos guste moito!

 

PINTANDO UN FUTURO MELLOR, UN FUTURO CHEO DE COR (30-01-2023)

    Este ano para conmemorar o Día da Paz e da Non Violencia Escolar e o Día da Ilustración, fixemos un montón de actividades arredor do  Guernica  de Pablo Picasso.

 

    Primeiro mostramos o cadro na biblioteca e pedímoslles aos nosos nenos e nenas que dixeran o que lles inspiraba: tristeza, medo, morte, dano, auxilio, falta de cor... foron as palabras máis repetidas e os sentimentos que máis expresaron.

 

    Despois contamos a historia deste cadro que foi pintado por Picasso no 1937 e representa os horrores do bombardeo por avións alemáns durante a Guerra Civil española dun pequeno pobo chamado Guernica en Vizcaya (País Vasco) e comentamos algúns efectos da guerra apoiándonos en diferentes imaxes do cadro.

 

 

    A continuación dividimos o cole en dous grupos diferentes. O alumnado de Ed. Infantil e 1º e 2º de Ed. Primaria foi o encargado de transformar a tristeza do cadro pintando entre todos unha nova versión con cores vivos e alegres porque queremos un futuro cheo de cores e non de grises.

 
 

 

     O alumnado de 3º a 6º de Primaria tiña que ilustrar unha resposta para a pregunta: Que pasaría se bombardeasen o noso concello? e reflexionar sobre o que poden estar pasando nos territorios que están en guerra.

 

 
 

 

     Ao final, expuxemos todo o traballo no corredor principal xunto a unha réplica feita en madeira por antigos alumnos e alumnas do centro. Esperamos que se o vemos durante todo o ano non se nos esqueza a importancia da paz e da non violencia.

 
 

 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

 
 

PLAN DIRECTOR 2022 / 2023

     Fai varios anos que o noso centro participa no Plan Director para a convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nos seus entornos da Garda Civil.

 

    En cursos anteriores Ramón Peña era o formador desta actividade que estaba centrada nos riscos de seguridade asociados ás novas tecnoloxías e ao uso de redes sociais pero este curso tivemos tamén no centro a Roberto Pérez Páramo do SEPRONA e a José Ramón López Iglesias de TRÁFICO.

    Roberto foi o encargado de falarnos sobre o SEPRONA (Servizo de Protección da Natureza) e as súas funcións: a protección dos animais salvaxes pero tamén de que os domésticos estean ben coidados, o control da caza e da pesca, a protección da auga, do solo e dos bosques... é dicir, todo o relacionado coa conservación da natureza e do medio ambiente.

 

    Tamén nos deu moita información sobre todo o relacionado cos incendios: prevención, orixe, consecuencias, condutas responsables que se poden adoptar, investigación, consellos sobre o que debemos facer cando nos atopmanos preto dun... 

 

      José Ramón é membro de TRÁFICO, a parte da Garda Civil que ten como misión a vixilancia, regulación, auxilio e control do tráfico e do transporte así como garantir a seguridade da circulación en vías interurbanas.

 

    Durante a súa charla recordamos todas as normas que debemos seguir como peóns e como condutores das nosas bicicletas ou patinetes eléctricos. Tamén nos lembrou a importancia do uso do cinturón de seguridade e dos dispositivos de seguridade infantil cando imos en coche ou en autobús.

 

    Despois das dúas sesións didácticas, estiveron con Gareth e Carlota nos nosos estudos de radio para compartir toda esta información.

 

    A actividade rematou no pavillón cunha exposición de vehículos e material de investigación para todo o alumnado do centro.

 

 

 

 

 

Podedes ver todas as imaxes desta actividade na GALERÍA DE IMAXES

 

AGASALLOS DOS REIS MAGOS - 2023

   Os Reis Magos saben que os nenos e as nenas do noso colexio se portan moi ben na biblioteca e que fan moitas cousas nela: estudan, crean, experimentan, xogan, len, investigan, descobren, crean... e por iso, hoxe ao volver das vacacións de Nadal, atopamos un montón de agasallos!

   Entre os agasallos atopamos libros, recursos para o recuncho creativo, xogos para coñecer o mundo, xogos lóxicos... unha morea de novidades que a partir de hoxe mesmo xa están dispoñibles na biblioteca!

 
 
 
 
 
 
 

 

 

FELICITACIÓN NADAL 2022: O MEU AGASALLO ES TI (Plan Siberia)

    Cos nosos mellores desexos para estas festas, o Equipo de Biblioteca e toda a Comunidade Educativa do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme; elaboramos unha felicitación coa panxoliña  O MEU AGASALLO  ES TI   de Plan Siberia.

   Nesta panxoliña seguimos traballando por unha biblioteca e unha sociedade inclusiva; por iso, ademais das imaxes dos/das participantes engadimos a letra e pictogramas.

 
   Esperamos que vos guste tanto vela como a nós gravala porque a verdade é que o pasamos xenial!!
 
FELIZ  2023  E  BO NADAL!!! 
 
 
 
 

ADORNOS PARA A ÁRBORE DE NADAL - 2022

     Cada ano gústanos facer algo novo para a nosa árbore de Nadal e cada ano queremos que estes adornos estén relacionados coa creatividade e a reciclaxe ou reutilización; os de este Nadal están feitos con diversos materiais.

    O alumnado de infantil utilizou tiras de rolos de papel hixiénico pintadas e goma eva para facer uns adornos con forma esférica.

 

Os nenos e nenas de 1º de Primaria utilizaron goma eva para facer uns lazos moi fermosos.

 

O curso de 2º de primaria reutilizou CD's para facer uns adornos cuns simpáticos renos.

 

En 3º de primaria tamén utilizaron rolos de papel hixiénico pintados pero eles cortaron cilindros aos que lle deron forma puntiaguda para despois unilos e facer unha estrela.

 

As botellas de plástico foron as utilizadas polo alumnado de 4º de primaria. Se vos gustan estes agasallos tedes que facer como eles: cortar as botellas e utilizar a parte inferior das mesmas pintándoas con tonos azuis, brancos e dourados.

 

Para rematar, os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria fixeron uns mini gorros de la tomando como base un cilindro dun rolo de papel hixiénico. Sobre estes cilindros tiveron que ir facendo nós con tiras de la de diferentes cores para que quedaran estes gorros tan bonitos. Se queredes saber como se fan podedes ver o titorial.

 

  Con todos estes adornos rematados, xa só quedaba colgalos na árbore e desfrutar dela durante o tempo de Nadal.

 

 

 

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

 
 
   O 3 de decembro foi proclamado Día Internacional  das Persoas con Discapacidade   pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas en 1992 para concienciar sobre a súa situación e promover os seus dereitos e o seu benestar en todos os ámbitos da sociedade.

   Esta obxectivo recóllese tamén nos obxectivos da Axenda 2030  Obxectivo 10: Redución das desigualdades.

  

   No centro quixemos conmemorar este día a través do libro Elisa no mundo das marabillas editado por Galaxia e APAMP (Asociación de familias de persoas con parálise celebral).

    Este un libro foi escrito e ilustrado nun obradoiro artístico realizado por APAMP e conta a historia de Elisa, unha muller alegre, soñadora, de mirada intensa e cabelos castaños que se movía en cadeira de rodas e tiña parálise cerebral.

 

   A través desta historia, quixemos concienciar ao noso alumnado sobre os diferentestes tipos de discapacidades reflexados nos diferentes personaxes que aparecen no libro: un can de 6 patas, un ciclista que xa non pode gañar carreiras, unha árbore que non da froitos...

 

   O bo destes personaxes é que cada un deles ten unha cualidade que o fai importante para os demáis e que aínda con dificultades e atrancos, poden saír adiante e ser felices. Por iso lle propuxemos ao nenos e nenas do colexio que fixeran debuxos de persoas, animais ou cousas cunha discapacidade indicando un aaspecto positivo ou vantaxe que se poida derivar dela. Podedes ver o resultado desta actividade no mural do corredor.

 

 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

 
 

REFRÁNS DE OUTONO (Outono 2022)

    Unha parte importante da nosa identidade e da nosa cultura está formada polos refráns, as expresións e os ditos que recollen a sabedoría popular.

    Este ano quixemos recoller co alumnado refráns de outono para recoller parte desa sabedoría; pero que é un refrán? Os refráns son frases de orixe popular e anónima que se repiten de forma invariable e que transmiten un pensamento moral, unha ensinanza ou un consello.

  Nos seguintes videos compartimos os refráns que o noso alumnado e as súas familias nos fixeron chegar e a súa correspondente explicación.

 

MOITAS  GRAZAS  ÁS  FAMILIAS  POR  PARTICIPAR

NA  TRANSMISIÓN  DESTES  REFRÁNS!!

 

NOVEMBRO MES DA CIENCIA EN GALEGO (2022): 4º PRIMARIA

Agora, compartimos os tres experimentos que realizou o alumnado de 4º de Primaria  

durante Novembro, o mes da ciencia na biblioteca.

 

 

Elxs experimentaron coa a densidade dos líquidos, cos pigmentos do outono e ca capilaridade.

Esperamos que aprendades moitas cousas novas vendo este vídeo e que vos guste moito!

 

               

 

 

NOVEMBRO MES DA CIENCIA EN GALEGO (2022): 3º PRIMARIA

    Seguimos cos experimentos e experiencias científicas realizadas no colexio dentro de Novembro, mes da ciencia en galego na biblioteca.

 

 

      Hoxe compartimos o traballo de 3º de Primaria que fixeron dous experimentos.

    DEPURADORA  DE  AUGA: comprobaron como se realiza a depuración das augas e ao mesmo tempo puideron ver o proceso de filtración que consiste en pasar a auga por grandes filtros que van retendo os diferentes residuos. Se o facedes na casa, recordade que aínda que a auga filtrada sexa cristalina,  NON É POTABLE.

 

 

   LÁMPADA  DE  LAVA: nesta experiencia viron como a auga e o aceite NON se mesturan debido a que o aceite é menos denso que a auga. Tamén se coñece como o fenómenos de "polaridade intermolecular".

    Ao botar unhas pastillas efervescentes, estas soltan unhas burbullas dun gas (CO2) que é máis lixeiro que a auga e flotan transportando á superficie parte da auga de cores.
   
   Cando o gas sae da auga, esta volve a ser pesada e afunde. O proceso repítese unha e outra vez ata que a pastilla se disolve por completo.
 
 
 
 

 

Distribuir contido