2023 / 2024

DÍA DO LIBRO: explosión primaveral (23/04/2024)

    Este ano para o día do libro quixemos darlle unha segunda vida a algúns libros do expurgo converténdoos nunha explosión de primavera segundo o modelo de pinterest de Laura Daniel.

     Para iso comezamos pintando, recortando, troquelando e pegando flores e bolboretas...

 
   Despois pegámolas nuns pequenos paus de diferentes tamaños e dobramos sobre si mesmas algunhas páxinas dos libros do expurgo para poder suxeitar nelas os paus coas flores e as bolboretas.
 
 

 

 

  Finalmente colocamos todos eses libros no corredor principal do colexio onde quedan moi fermosos!!
 
 
 
 

 

 

APADRIÑAMENTOS E AMADRIÑAMENTOS LECTORES

     Desde fai varios anos, para conmemorar o Día do Libro realizamos unha das actividades preferidas do noso alumnado: os apadriñamentos e amadriñamentos lectores.

      
       Nesta actividade, os biblioaxudantes organízaronse en cinco grupos que se repartiron polo colexio con candanseu libro para lerlles ao resto do alumnado que, tamén dividido en 5 grupos, foi percorrendo a senda dos libros:
 

    Comezaba a ronda na biblioteca, onde Germán e Candela contaban o libro  A pantasma colorida  de Gema García (Hércules Ediciones) cuns títeres elaborados por eles mesmos.

 

 

    No corredor principal Carlota e Martín esperaban para contar o libro  Tarde de sapo  de Maite Mutuberria (Ed. Kalandraka).

 

 

   Continuamos no patio de colexio. Alí estaban  Daniela, Pablo e Lara  que compartiron con nós o libro  Lobo só quería cantar  de Pilar Serrano (Ed. Triqueta).

 

 

   Seguimos o percorrido e chegamos á sombra dun castiñeiro do patio onde  Itzae, Ada e Nayara dramatizaron o relato O labrego e o rei do libro  Tres contos para crianzas  de Vicente Risco (Aira Editorial)

 

 

 

   O percorrido remataba con  Antía e Javier  que contaron o libro en verso A bruxa divertida  de Ricardo Alcántara (Ed. Kalandraka)

 

 

Podedes ver todas as imaxes desta actividade na 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

MOITAS  GRAZAS  AOS  BIBLIOAXUDANTES  POR  ESTAS  LECTURAS!!

FELIZ  DÍA  DO  LIBRO!!

 

 

 

CIENCIA Á FEIRA (12-04-2024)

  Hoxe tivemos no colexio a actividade "Ciencia á Feira" impulsada polo grupo de innnovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC.

 
 Este proxecto aproveita os mercados tradicionais e os centros educativos para achegar a adultos e escolares contidos ligados a diversos aspectos científicos.
 
 
    Na feira puxeron un posto no que repartían información e organizaron unha charla na Casa da Cultura. No noso colexio organizaron unha sesión na que nos falaron sobre a xestión sustentable da auga: ciclo natural da auga,  ciclo urbano da auga, xestión deste recurso en Galicia, estratexias e enfoques para a súa xestión sustentable, as depuradoras da nosa zona...
 

 

 

  Esperamos que o noso alumnado aproveitara ben esta sesión e lembre no futuro todo o aprendido hoxe.

 
 

 

CLUB DE LECTURA (11 / 2023 - 2024)

   No club de lectura seguimos coa lectura do cómic Policán de Dav Pilkey que foi o libro máis vendido no mundo en 2021. Para esta sesión tiñamos que ler os dous primeiros capítulos e a conclusión xeral é que lles encantou.

   Comezaron Itzae e Germán facéndonos un resumo do Capítulo 1: Nace un superhéroe, destacaron as viñetas que máis lle gustaran que foron sobre todo as que tiñan xogos de palabras divertidas e como a historia se ía entrelazando con detalles que non parecían importantes pero que ao final si que o eran; por exemplo, cando a aspiradora traga unha táboa de surf na praia e varias viñetas despois esa táboa é a que utiliza Policán para salvarse.

 
 

    A continuación pasamos ao Capítulo 2: Robo-jefe. Neste capítulo tamén lles chamaron a atención os xogos de palabras como os nomes dos negocios ilegais o que nos deu para falar de diferentes tipos de  fraudes: Estafas"R"Us, Imprenta de Billetes Falsos, Ganzúas Pérez... Que é un ladrón de "guante branco"?

 

 

  Tamén nos fixamos no poder das ilustracións xa que había páxinas nas que non había ningún bocadillo e só coas ilustracións podiamos saber o que estaba pasando.

 

   Xa estamos desexando chegar á seguinte sesión para rematar o libro!!

 

 

 

RECIBINDO Á PRIMAVERA (3/4/2024)

   Coa chegada da Primavera  as crianzas de Ed. Infantil prepararon varias actividades nas que combinaron diversión e aprendizaxe.
 
   Xogaron libremente nas bandexas con diferentes materiais como millo, garabanzos, tapóns, area...
 
 
 
Tamén reproduciron un arco da vella con pintura de dedos
 
 
 
E levaron a cabo unhas actividades con flores naturais                
              
                 
Primeiro elaboraron pequenos xarróns con flores, para o que tiveron que empregar as tesoiras e cortar os talos á altura precisa.
 
 Logo descubriron que machacando algunhas destas flores podían pintar.
 
 
        
 
Así de bonita quedou a súa fermosa obra de arte! 
 

 

DÍA DO LIBRO INFANTIL 2024

    O 2 de abril conmemórase o  Día do Libro Infantil  xa que é a data de nacemento de Hans Christian Andersen, autor de contos infantís coñecidos en todo o mundo como A Sereíña, O parrulo feo, O soldadiño de Chumbo...

 

   Cada ano o IBBY (International board on books for young people) selecciona un escritor representativo e un ilustrador para que elaboren o cartel e a mensaxe dirixida a todos os nenos e nenas do mundo. Este ano a sección encargada foi Xapón e desde alí a escritora Eiko Kadono e a ilustradora Nana Furiva escolleron o lema  "Navega polos mares coas alas da túa imaxinación".

 

  Daniela e Itzae foron os biblioaxudantes encargados de transmitir esta mensaxe na biblioteca e de gravala en Radiuvín para que todos poidades coñecela.

 

   Despois quixemos que o noso alumnado tamén navegara coas alas da súa imaxinación e por iso lles demos uns libros alados aos que lle tiñan que por título segundo a historia que quixeran contar e ilustrar a portada en consonancia. 

 

   Para rematar fixemos un mural cos libros alados ilustrados arredor do cartel oficial deste ano.

 
 
FELIZ  DÍA  DO  LIBRO  INFANTIL!! 
 
OXALÁ  NUNCA  DEIXEDES  DE  NAVEGAR  COAS  ALAS  DA  IMAXINACIÓN!!
 

 

 GALERÍA  DE  IMAXES

 

SOBERICIAS. O XORNAL QUE CONTA AS MELLORES NOTICIAS (ou non...) - Marzo 2024

     Por segundo ano, durante o mes de marzo (especialmente na semana da prensa), no centro desenvolvemos unha situación de aprendizaxe baseada nos medios de comunicación que ten como resultado o segundo número deSobericias, o xornal que conta as mellores noticias (ou non...) no que poderedes ler noticiais reais pero tamén outras que non o son tanto (as chamadas fake news).

     Quixemos editar un novo número deste xornal porque seguimos pensando que a desinformación (noticias falsas, información sesgada, manipulación de titulares...) é un problema ao que o noso alumnado se deberá enfrontar pois, por desgraza, non todas as noticias que se publican son fiables.

 

     Deste xeito as crianzas poden entender a problemática actual das diferentes informacións falsas que se poden atopar en medios impresos, televisión, radio ou publicacións en rede (onde ademais poden acabar viralizándose) e comprobar de primeira man o doado que é xerar este tipo de noticias.

 

    Por todo isto, parécenos fundamental seguir compartindo co alumnado experiencias que inclúan a análise dos medios de comunicación que forman ou formarán parte da súa vida cotiá.

    Esperamos que saibades apreciar todo o traballo desenvolvido polo alumnado. Nós como docentes, estamos moi orgullosas deles.

XORNAL MARZO 2024 de biblioteca.virxedocarme

PROXECTO "OS PINGÜÍNS" (IV) - 22-03-2024

     Co fin do inverno e a chegada da primavera era o momento de poñerlle fin a este proxecto sobre os pingüíns.
 
    Isto tamén supuxo a volta de Marcelino á Antártida, cousa que os fixo sentir un pouquiño tristes, pero eles comprenderon que o calor non era bo para el e que tiña que volver coa súa familia. 
 
    Ademáis, para ter un recordo para sempre, fixeron unhas fotos de despedida con él.

 

Como actividade final as crianzas fixeron neve!
 
Mesturaron bicarbonato con auga e como por cousa de maxia formouse neve.
 
 
Unha vez que tiveron a neve feita chegou a mellor parte, a de xogar! 
 


Disfrutaron moitísimo!

 

DÍA DA POESÍA (21/03/2024)

  Coa finalidade de promover a ensinanza da poesía, crear unha imaxe atractiva dela e fomentar a expresión e tradición oral; o 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da Poesía.

 

 

  Este ano foron os nenos e nenas de Ed. Infantil os que recitaron un par de poemas na biblioteca que despois gravaron en Radiuvín para que todos poidades escoitalos.

   Os nenos e as nenas de Infantil A recitaron o poema do pingüín xa que eles están investigando sobre estes animais no seu proxecto:

 

 

 
 

 

   Despois foi o turno do alumnado de Infantil B recitou o poema La maestra de las flores de Gloria Fuertes:

 

 

 

 

AGASALLO ANPA (21/03/2024)

   Este trimestre recibimos para Ed. Infantil tres bandexas Tuff Tray, un  agasallo doado pola ANPA.

   Estas bandexas son un fantástico marco de xogo e experimentación para as crianzas, que ofrecen multitude de posibilidades.

   Xa as empregamos en diferentes actividades e  encantáronnos!
 
Seguro que as imos desfrutar moito!
 
MOITAS GRAZAS A ANPA POR ESTE AGASALLO!!!
 
Distribuir contido