Día contra a violencia de xénero
DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO (25 - 11 - 2017)
Desde a biblioteca non podemos deixar pasar o Día contra a violencia de xénero sen tentar loitar contra esta lacra da sociedade.
Tamén grabamos un vídeo coa canción de Andaluna y Samir, no que rexeitamos todo tipo de violencia e propoñemos o diálogo e a intelixencia como vía de solución de problemas.
DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO (25/11/2016)
Desde o Equipo de Biblioteca, cremos que a nosa biblioteca non pode ignorar esta problemática; por iso quixemos loitar contra ela implicando ao alumnado nun desafío moi actual.
- OBRADOIROS: CARTAS DE AMOR (17 - 11 - 2015)
Hoxe no centro desenvolvéronse os obradoiros CARTAS DE AMOR impartidos por Dona Gloria Isabel Serrato Azat e promovidos pola Secretaría Xeral de Igualdade a través do Concello de Sober.
Nestes obradoiros traballouse na educación pola igualdade efectiva entre homes e mulleres realizanto actividades co alumnado que lles fixeron reflexionar sobre os roles de cada quen: oficios, xogos, ditos...
Os alumnos de Educación Infantil, traballaron a partir do conto "A princesa diferente"
Hai non moito tempo, e nun lugar non tan afastado, vivía unha princesa que se chamaba Alba Aurora, a cal tiña unha fermosa cabeleira negra a media melena, o suficientemente longa como para que non se lle enredase nas ramas das árbores ás que lle gustaba subir polas mañás para ver o amencer antes que ninguén.
Alba Aurora era moi delicada e amable; pero tamén moi áxil e deportista e encantáballe ir a escalar todos os sábados montañas ou ir a acampar na praia.
Un día escoitou un ruído na súa ventá.
- Quen será? - preguntouse.
Era nada máis nin nada menos que o Príncipe Azul que viña a rescatala; segundo lle explicou.
- Pero a rescatarme de que? - preguntou Alba Aurora
- Non sei - dixo algo desorientado o Príncipe Azul - quizais dun bruxo malvado ou dun dragón malhumorado ou dun ogro enorme?
- Pero se non coñezo ningún bruxo malvado, ningún ogro enorme e, peor aínda, ningún dragón malhumorado! Ademais se así fose, seguro que xa houbese encontrado eu mesma a forma de liberarme" - dixo Ala Aurora.
O Príncipe moi triste ao decatarse de que non tiña que facer nada, dispúxose a baixar pola ventá por onde subira pero Alba Aurora preguntou:
- Coñeces a muralla chinesa?
- A muralla chinesa? Pois non! - exclamou o Príncipe.
E nin ben rematou de dicir que non, ela colleuno do brazo, baixaron xuntos pola ventá, subiron na moto e fóronse xuntos a coñecela. Así foi como a princesa diferente e o Príncipe Azulforon a percorrer o mundo e se fixeron amigos.
E colorín colorado, este conto ten comezado...
(Educando en Igualdade. Guía para Educación Infantil
Realizado por FETE - UGT en colaboración co Instituto da Muller e o Ministerio de Igualdade)
Para ver máis imaxes desta actividades preme no seguinte enlace:
25 - novembro: DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO (25/11/2014)
Para concienciar ao noso alumnado sobre a importancia deste día, cremos que o máis importante a esta idade é empezar por traballar a igualdade entre sexos como base para o respecto aos demais.
Nestas actividades de fomento de igualdade contamos no centro cun taller organizado desde o noso Concello no que os alumnos visionaron películas que os fixeron reflexionar moito, elaboraron un mural e participaron nunha xincana.
Aquí tedes os vídeos que traballamos para que non se vos esquezan. O primeiro sobre a violencia de xénero e a autoestima e o segundo sobre a igualdade.
25 NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
A violencia contra a muller é un feito recoñecido como un problema social. A ONU en 1993 ratificou a Declaración sobre a eliminación da violencia contra a muller, onde se afirma que esta violencia é un atentado moi grave contra as mulleres e as nenas.
A data do 25 de novembro como Día Internacional contra a violencia de xénero foi aprobada a proposta da República Dominicana en honor das irmáns Mirabal vítimas deste maltrato.
Desde o centro intentamos concienciar aos nosos alumnos e alumnas sobre a importancia deste tema, e para iso intentamos que adquiran coñecementos básicos sobre a igualdade de xénero que se reflictan no seu comportamento.
Un modo de achegarnos a este tema foi a través da oca da igualdade do CIM (Centro de Información á Muller), un xogo da oca adaptado a estes contidos co que os nenos e nenas aprenderon moitas cousas sobre a historia das mulleres, as súas dificultades ao longo de diversas épocas, os seus logros...