2022/2023

VIAXANDO POLAS LETRAS (14 / 2022 - 2023)

    Unha das finalidades do club de lectura é facer que os nenos e as nenas se acheguen aos diferentes xéneros literarios; por iso, quixemos tamén dedicarlle unhas sesións ao teatro. Neste caso a obra literaria escollida foi As cousas de Don Paco que é unha obra de Eva Mejuto coa que coñecemos a biografía de Francisco Fernández del Riego autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023.

 

     O primeiro que lles chamou a atención foron os protagonistas xa que non hai ningunha persoa nesta obra senón que todos son obxectos relacionados co autor: Don Lapis (o lapis que o acompañou durante toda a vida), Baldomero (o reloxo que lle regalou a súa muller Evelina), Oliva (a súa máquina de escribir), Leica (a cámara de fotos que sempre levaba con el) e Guadalupa (a lupa que usou para ler cando xa era maior). A partir deste punto aproveitamos para falar da personificación pero tamén doutros recursos literarios.

 

    Outro punto de análise foi a estrutura da obra que está dividida en tres actos, pero que é un acto e cal é a diferenza entre acto e escena?

     Os actos son as partes nas que se divide a obra teatral e indican cambios de tempo, espazo ou acción; e as escenas son as partes nas que se divide un acto e poden estar diferenciadas por exemplo, polas saídas ou entradas de personaxes.

 

 

    Despois comezamos a falar da propia biografía do autor parándonos un chisquiño máis nos anos que estivo estudando en Monforte xa que xeográficamente nos queda moi cerquiña e varios pais de membros do club tamén estudaron nese colexio.

 

   Falamos tamén do seu papel principal como creador do Día das Letras Galegas e da creación da Editorial Galaxia e a revista Grial e ademais reflexionamos sobre a importancia do galego e do seu uso: segue sendo de paletos falar galego? por que hai que defender a nosa lingua? Sería interesante que desaparecesen as linguas do mundo e todos falaramos o mesmo idioma?

 

Gustounos tanto esta obra que decidimos preparala para representarlla aos nosos compañeiros a próxima semana!

A ver se lles gusta!!

 

 

 

MÚSICA DE RAÍZ (3-5-2023)

   Música de raíz é unha actividade realizada pola Fundación Legar que chegou ao noso centro a través da Deputación de Lugo.

 

  Con Xavier Blanco e Martina Ferradás, o alumnado de 6º de infantil e de 1º a 4º de Primaria aprendeu moito sobre a música tradicional galega e sobre instrumentos tradicionais coñecidos e outros que non o son tanto

 

   Sobre todo coñeceron instrumentos feitos con cousas cotiás de xeito que non necesitamos ter un instrumento propiamente dito para facer música senon que con materiais que temos ao noso alcance podemos podemos imitar os sons da natureza ou acompañar ritmicamente un montón de cantigas: tesoiras, utensilios da cociña, ferramentas para traballar o campo, botellas, vasoiras, cornos de animais...

 

  Ademais puidemos escoitar a gaita, diferentes pandeiros e tambores, o maio - maiolo, unha trécola, un acordeón...

 

  Tamén apareceron pola biblioteca outros personaxes como un espantallo, un cabezudo, Enriquito e Don Ramiro que propuxeron cantigas e actividades musicais coas que os nenos e nenas o pasaron moi ben.

 

  

E para rematar bailamos ao son do acordeón diferentes cantigas galegas...

 

    Coñecer toda esta variedade instrumental e musical de Galicia levou consigo coñecer tamén a vida do campo e outras tradicións da nosa comunidade, o que nos axuda a darlle valor ao noso patrimonio cultural.

 

  Moitas grazas por facernos esta achega  dun xeito tan participativo, lúdico e divertido,  foi unha moi boa forma de comezar as actividades do Mes das Letras Galegas!

 

DÍA CONTRA O ACOSO ESCOLAR (2-5-2023)

    O 2 de maio conmemórase o Día Internacional contra o Acoso Escolar coa finalidade de concienciar sobre este problema que afecta a escolares de todo o mundo: agresións, insultos, motes, bloqueo social, coaccións...

 
  Para loitar contra esta lacra e contra actitudes que non queremos no noso centro, realizamos un obradoiro sobre emocións dirixido por Vivi, psicóloga clínica experta en intelixencia emocional de Kybalion. Atención integral

 

   O alumnado de Ed. infantil tivo como punto de partido a lectura do libro Malena Ballena de Davide Cali (Ed. Libros del Zorro Rojo) que conta a historia de Malena, unha nena que pesa demasiado e por iso lle chaman "ballena". Pero un día o seu monitor de natación ensinoulle algo que fixo cambiar a súa vida.

 
   A historia serviu para que se puxeran na pel de nenos e nenas que están sufrindo acoso ou que se senten limitados á hora de facer o que lles gusta pero desde o repecto e o fomento da autoestima. 
 
    A segunda parte do obradoiro tiña a finalidade de identificar as feridas que causan este tipo de comportamentos; para isto o alumnado fixo un traballo de reflexión sobre situacións que sufriran ou que provocaran escribíndoas nun papel e despois pegándoas nun corazón ao que se lle transmitía ese dano en forma de engurra, rotura ou buratos e así decantarnos de que os actos teñen consecuencias e deixan marcas que non se poden borrar simplemente pedindo perdón.
 
  Para rematar en positivo, fixemos outro corazón con propostas de mellora: poñerse no lugar da outra persoa, mediar en conflictos, non ignorar a certxs compañeirxs, non utilizar motes...

 

  Esperemos que esta sesión si que deixe sinal no noso alumnado e que desterremos para sempre do noso cole os comportamentos que causan feridas!!
 
 
 
 

 

DÍA DO LIBRO 2023: Cando Leo (Eva Mejuto)

    Comezamos as actividades da Semana do libro co libro Cando leo escrito por Eva Mejuto e Ilustrado por Bea Gregores porque compartimos completamente as verbas da súa contraportada: "Todo é posible cando nos poñemos a ler e nos deixamos levar polas páxinas dun libro. Todo é posible, sobre todo o imposible"

 

      Cando leo abre as portas e as ventás de moitos mundos e de moitas situacións reais ou imaxinarias. A través do texto e das súas ilustracións reflexionamos sobre o poder da lectura  non só como un medio para evadirnos se non tamén como un refuxio en momentos difíciles.

 

     O vídeo está elaborado coas voces en off de Naím Hourri e Lucas Fernández e con fotomontaxes das ilustracións cos nenos e nenas de educación infantil como protagonistas. Esperamos que vos guste tanto como a nós!

 

 

   Despois do visionado na biblioteca, os nenos e as nenas de Primaria fixeron unha reflexión do que sentían cando lían e plasmárona nun pequeno libro. 

 

 

  

 

Con todos eses sentimentos elaboramos o noso mural para o DÍA DO LIBRO 2023!

 GALERÍA  DE  IMAXES

 

APADRIÑAMENTOS E AMADRIÑAMENTOS LECTORES (Día do Libro 2023)

      Unha das actividades preferidas do noso alumnado son os apadriñamentos e amadriñamentos lectores que facemos desde fai varios anos para conmemorar o Día do Libro.

       Este ano @s biblioaxudantes organízaronse en cinco grupos  que se repartiron polo colexio con cadanseu libro para lerlles ao resto do alumnado que tamén dividido en 5 grupos foron percorrendo a senda dos libros.
 
     Na biblioteca estaban Gareth, Gissela e Javier co Kamishibai preparado para contar O gato sol  que é un conto tradicional de Vietnam sobre un neno que atopa un gatiño pero non sabe que nome poñerlle polo que decide visitar ao sabio do pobo para que lle axude a elexilo. 
 

 

 
 
   No corredor principal esperábannos Lola, Naím e Libertad para lernos  Fronteiras de papel  de Javier Domínguez e Alba de Evan(Antela Editorial), a aventura de Fátimah e a súa familia que teñen que comezar unha viaxe atravensando o mar para buscar unha vida mellor. Nesta viaxe descubrirán que as fronteiras máis difíciles poden estar feitas de papeis. 
 

     

 

 

   Ao chegar ao Salón de actos Iria, Darío e Cristian tíñan preparado unha pequena representación da divertida historia de  Pepiño Cebola  de Sandra Alonso (La maleta ediciones) que é un neno ao que lle poñen mil capas de roupa con para protexelo pero isto fai que Pepiño non sexa un neno, senón unha  cebola!

 

 

 

   Xa no exterior do cole, o grupo de Mencía, Lucas e Yanira tiña preparados un montón de monicreques para contarnos  Non fai falta a voz  de Armando Quintero (OQO Editora) que é un libro que fala sobre as diferentes formas de demostrar cariño aos demais, concretamente dos abrazos. Sabedes que os abrazos dan seguridade, favorecen a autoestima e melloran a confianza nun mesmo e nos demais? 

 
 

 

    E para rematar, no patio ao lado dunha árbore, Carlota, Germán e Susana esperaban para contarnos    A miña árbore secreta  de David Pintor, que narra a relación dunha nena coa árbore que plantou foai moitos anós o seu avó; unha historia cun final moi sorprendente.

   

 
 
 

 

FELIZ  DÍA  DO  LIBRO!!!

 

OBRADOIRO DE COLLAGE E FOTOGRAFÍA

   O ano pasado os biblioaxudantes realizaron un taller de collage con Mark Ritchie (fotógrafo australiano que reside actualmente en Ourense) que consistiu na elaboración de imaxes mediante a técnica do collage con materiais variados: diferentes tipos de papel, transparencias, algodón, cartón, lá, fíos...

 

    Esta actividade lles gustou tanto que este ano decidimos repetila con outro alumnado: os nenos e nenas de 3º e 4º de Primaria.

 

  O proxecto era que o alumnado creara imaxes asociadas á paisaxe da nosa contorna para elaborar un libro titulado Val de Lemos e cremos que o fixeron moi ben porque recolleron os aspectos máis importantes do noso concello: os Canóns do Sil, igrexas da Ribeira Sacra, os viñedos...

 

      

 

     Cando os collages estiveron elaborados fotografiáronos nunha caixa de luz cunha cámara réflex para captar a imaxe.

 

 

   No seguinte documento pdf poderedes desfrutar de todas as súas creacións.

Para ver máis fotos do obradoiro: GALERÍA  DE  IMAXES

 

LEMOS, CREAMOS E EXPRESAMOS (2023)

   Durante o segundo trimestre os alumnos e alumnas de 1º de Primaria levaron a cabo coa axuda das familias, unha tarefa chamada "Lemos, creamos e expresamos" para desenvolver diversas competencias e habilidades relacionadas coa comprensión lectora, a expresión oral, o traballo manual e a cooperación.

   Esta tarefa realizouse nos seguintes pasos:

1) LEMOS: Elección e lectura dun conto na casa.

 

 2) CREAMOS: Realización dunha proposta orixinal relacionada coa lectura do conto (manualidade ou debuxo) na que se representan os aspectos principais ou a idea principal do conto.

 

 3) EXPRESAMOS: Exposición na clase do traballo realizado; cada alumno/a expuxo a manualidade ou debuxo realizado e respondeu ás preguntas relacionadas coa lectura do conto e coa proposta creada (Podedes acceder aos vídeos clickando nas imaxes)

 

 

    A verdade é que a actividade foi un éxito e os/as nenos/as quedaron moi contentos/as. 

 

 

     Ademais acadáronse os obxectivos propostos:

- Motivar ao alumnado cara á lectura e favorecer a creación dun hábito lector.

- Desenvolver a expresión oral dos nenos e das nenas traballando a perda do medo escénico ao falar en público, estratexias de comunicación, interiorización de vocabulario específico, etc.

- Involucrar ás familias cooperando en actividades que motivan aos seus fillos e fillas.

- Respectar e valorar o traballo dos outros.

 

 

NORABOA  A  TODXS!!!

FIXESTES  UN  GRAN  TRABALLO!!

 

 

ENCONTROS PLAMBE 2023

    O venres día 31 celebráronse no Palacio de Congresos de Santiago os Encontros do Plan de Mellora de bibliotecas Escolares 2022/2023 onde nos reunimos os coordinadores e coordinadoras das bibliotecas que formamos parte do PLAMBE.

      

   Durante estes encontros escoitamos intervencións de expertos que nos falaron sobre intelixencia artificial, tendencias e innovación en bibliotecas, selección de literatura... e experiencias doutros centros entre os que se incluíu o noso, que xunto ao IES Pino Manso de O Porriño falamos sobre ALFIN (Alfabetización Informacional).
 
 

 

     Se queredes coñecer a información que compartimos nos encontros cos outros centros escolares sobre o que nós facemos para alfabetizar ao noso alumnado, podedes consultar a seguinte presentación:
 
 
   Como coordinadora do Equipo de Biblioteca, quero dar as grazas a todxs xs compañeirxs do cole que traballan para levar a cabo todas estas actvidades e aprendizaxes e á Asesoría de Bibliotecas Escolares por contar coa nosa experiencia para estes encontros.
 
 

DÍA DO TEATRO (27 - 3 - 2023)

     Desde 1961 o 27 de marzo conmemórase o Día Mundial do Teatro declarado como tal polo Instituto Internacional do Teatro (ITI) coa finalidade de reforzar a importancia deste xénero literario que transmite tantas emocións.

  

 

  Para unirnos á esta conmemoración, o alumnado de 5º e 6º de primaria preparou a representación da peza "Las truchas" de Andrés Pérez Asensio publicada no libro Cuentos escenificados da Editorial S.M.

   Unha peza teatral onde a protagonista consegue enganar ao seu marido e ao señor alcalde utilizando a súa astucia para librarse do lío no que se meteu por comellona.

 

  A verdade é que foi unha representación moi divertida que gustou moito a todos os espectadores.

 

PARABÉNS A TODO O ALUMNADO PARTICIPANTE!!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

 

TALLER SENSORIAL (22 - 03 - 2023)

  Dentro da programación que o Concello fai para o Mes do Amandi, o alumnado de 5º e 6º de primaria participou nun taller de análises sensorial dirixido por vinosacra.es almacén e impartido polo sumiller Bruno Lovelle.

 

 

  Neste taller o alumnado traballou na identificación de olores e sabores moi coñecidos por todos pero aínda así, non foi unha tarefa doada de realizar.

 

 Comezamos cunha sucesión de aromas que lembraban os olores de froitas, de flores, de colonias... coa finalidade de espertar o sentido do olfacto dunha forma lúdica e pedagóxica.

 

 

 

 

   Despois foi o momento dos sabores. A finalidade desta parte do taller era diferenciar entre amargo, salgado, ácido ou doce e intentar recoñecer en que parte da lingua detectábamos cada un destes gustos.

 

 

 

 

MOITAS GRAZAS AO CONCELLO E A VINOSACRA POR ESTA ACTIVIDADE!!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

.  

Distribuir contido