A coordinadora de Equipos de Dinamización da Lingua Galega, Dinamizaestrada, que agrupa todos os centros de primaria e secundaria da Estrada, presenta unha nova convocatoria do concurso de microrrelatos e micropoemas en lingua galega. Un certame que este ano chega á súa undécima edición e co que os centros pretenden promover entre o alumnado a creación literaria en galego.
Nesta ocasión, a motivación para a creación dos textos parte de palabras pertencentes aos títulos das obras de Luísa Villalta, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas o ano 2024. Así, aínda que de temática libre, os microrrelatos deben conter a palabra música, e os micropoemas, a palabra silencio.
En canto á extensión, nos microrrelatos o máximo serán cen palabras, mentres que nos micropoemas o mínimo será de dous versos e máximo de oito.
O prazo de presentación dos traballos estará aberto ata o vindeiro 23 de febreiro de 2024 e os textos premiados serán recollidos nun libro, tal como se realizou nas edicións anteriores. Na publicación incluiranse tamén ilustracións realizadas polo alumnado de infantil de todos os centros.
O certame terá como peche a celebración no mes de maio, no Teatro Principal, da undécima edición da Festa das palabras, unha cita literaria xa consolidada na Estrada que conta coa colaboración do Concello e na que se lles entregarán os premios aos gañadores/as do certame, apadriñados/as por un/unha escritor/a.